Barxacova (Barjacoba en castelán e oficialmente) é unha aldea pertencente ao concello zamorano de Pías, na bisbarra de Seabra. Situado a uns 1330 metros sobre o nivel do mar, é unha das aldeas máis altas da provincia.
Como no resto do concello a lingua tradicional da localidade é o galego, polo que forma parte da Galicia estremeira. A orografía oriéntaa máis cara a Galicia ca ao resto da bisbarra de Seabra; de feito para ir a calquera outro concello da provincia de Zamora é preciso cruzar territorio ourensán.
Topónimo O nome da localidade é un orónimo. Deriva de "*bárge(n)a cova"; e é polo tanto perfectamente descritivo da paisaxe, xa que a aldea está construída nunha varxa encaixada dentro dunha garganta sen saída río arriba. O adxectivo "cova" nestes compostos ten valor cualificativo: profundo, cóncavoRIESCO CHUECA, Pascual (2010), "Novas conxecturas de toponimia zamorana" , Anuario 2008, Instituto de Estudos Zamoranos Florián de Ocampo, Deputación de Zamora, pp. 359-436..
Consérvase un testemuño antigo aínda non sometido á desaparición galega da nasal intervocálica: "Uargena Coua" (1154). "Varxa" e "varcia" son formas galegas co significado de "veiga, campo cultivado xunto a un río". No portugués rexístranse as variantes varge, várgea, várzea e varja (antigos várcena e varza), equivalentes á bárcena do castelán e o leonés. O topónimo repítese na parroquia de San Lourenzo de Barxacova, en Parada de Sil. No Bierzo occidental está o concello de Barxas, e na área de Braganza existe unha aldea chamada Varge, ambas coa mesma mesma orixe. Existen outros lugares tamén chamados a partir de derivados, como Barxela ou Barxamaior. Parece, logo, que as formas etimolóxicas varxa e varcia trocaron o uve polo be na toponimia. Barxa, tivo especial vixencia na franxa oriental do galego, mentres que barcia prevalece no centro e oeste. Trátase dunha base prerromana "*vargĩna". Os cartularios recollen variantes uarçina, uarcena, uarzena, varzena.
Clima Ten un clima moi frío, con temperaturas en inverno de ata -20 °C e nevaradas moi abundantes. Os veráns son moi curtos, xa que aínda en xullo se poden rexistrar xeadas de pouca intensidade e temperaturas diúrnas que non adoitan superar os 27 °C.
Demografía En 2020 a súa poboación era de 56 habitantes.
Notas
Categoría:Pías