O rorcual común,Lahuertra e Vázquez (2000); p. 309. tamén coñecido como balea común,Díaz d'a Silva e Cartelle (2007), pp. 132.133. Balaenoptera physalus (Linnaeus, 1758), é unha especie de mamífero mariño da orde dos cetáceos, suborde dos misticetos e familia dos balenoptéridos.

En tamaño, este animal é o segundo máis grande existente no planeta, tan só superado polo seu parente Balaenoptera musculus, o rorcual azul ou balea azul. Pode chegar a alcanzar unha lonxitude de 27 m.[http://marinebio.org/species.asp?id=40 Balaenoptera physalus en Marine.bio.

O seu corpo é longo e estilizado, dunha cor gris apardazada, menos na súa parte inferior, que é abrancazada.

Existen dúas subespecies diferenciadas:

Balanoptera physalus physalus, que ten o seu hábitat no Atlántico norte. Balaenoptera physalus quoyi, de maior tamaño, que vive habitualmente en augas do océano Antártico.

Pode verse nos principais océanos do planeta, desde as augas polares ás tropicais. A especie está ausente soamente das augas próximas aos bloques de xeo dos polos e de certas áreas, relativamente pequenas, afastadas de mar aberto. A súa maior densidade de poboación encóntrase en augas frías e temperadas.

Aliméntase principalmente de pequenos peixes que se agrupan en cardumes, luras, crustáceos como os misidáceos e de krill.

Como todos os demais misticetos, o rorcual común sufriu unha caza intensiva durante o século XX e está catalogado como unha especie en perigo de extinción. Case 750 000 destes rorcuais foron cazados no hemisferio Sur só entre 1904 e 1979, e no ano 2003 tan só quedaban menos de 3 000 individuos nesa rexión.

A Comisión Baleeira Internacional (CBI) (International Whaling Commission, IWC, en inglés) estableceu en 1986 unha moratoria na caza comercial desta balea, aínda que algúns países como Islandia, Noruega e o Xapón continúan coa súa caza en determinadas épocas do ano. A especie tamén é cazada por aborixes groenlandeses autorizados polo programa de Caza de Subsistencia Aborixe dirixido pola CBI. Baixo este programa cazáronse 377 baleas en 2007, das cales 12 eran rorcuais comúns. As colisións con naves e os ruídos procedentes da actividade humana nos océanos supoñen unha importante ameaza para a recuperación da especie.

Taxonomía e etimoloxía Un cladograma de cetáceos relacionados co rorcual común.

Os taxonomistas coñecen o rorcual común desde o século XVII. Foi descrito por primeira vez por Frederik Martens en 1675 e posteriormente por Paul Dudley en 1725. Esas descricións foron utilizadas como base para a descrición da Balaena physalus de Carlos Linneo (1758). O conde de Lacépède reclasificouno como Balaenoptera physalus a comezos do século XIX. O nome científico provén do termo grego physa, que significa soprar.

Os rorcuais comúns pertencen á familia Balaenopteridae, na que se inclúen a balea xibardo, o rorcual azul, o rorcual de Bryde, o rorcual boreal e o rorcual austral. A familia Balenopteridae diverxeu das outras familias da suborde dos Mysticeti durante o Mioceno medio. Con todo, descoñécese cando se separaron entre si os membros desa familia. Comprobouse que ocasionalmente se producen cruces entre o rorcual azul e o común no Atlántico Norte e no Pacífico Norte. Recentes análises de secuenciación de ADN indican que o rorcual común está filoxeneticamente máis próximo da balea gris (Eschrichtius robustus) e a yubarta (Megaptera novaeangliae) que de certos rorcuais do xénero Balaenoptera, como os rorcuais alibrancos.

Hai catalogadas dúas subespecies, cada unha delas con diferentes características físicas e vocais: B. p. physalus (Linneo, 1758), ou rorcual do norte, que se encontra no Atlántico Norte, e B. p. quoyi (Fischer, 1829), ou rorcual antártico, que se encontra no Hemisferio Sur. A maioría dos cetólogos considera os rorcuais do Pacífico Norte como unha terceira subespecie aínda non catalogada como tal. A escala global, estas tres subespecies raramente se mesturan entre si.

Descrición e comportamento miniatura|Patróns de coloración no rorcual común. O rorcual común caracterízase polo seu gran tamaño e polo seu esvelto corpo. O tamaño medio de machos e femias da especie é de 19 e 20 metros respectivamente. Os rorcuais da subespecie do Hemisferio Norte alcanzan un menor tamaño que a subespecie antártica e as femias son de maior tamaño que os machos: a femia de maior tamaño capturada na Antártida mediu 27,3 m fronte aos 24,4 m do Ártico e o macho antártico de maior tamaño alcanzou os 24,4 m e no Ártico os 23,8 m.Guerrero, Urbán y Lorenzo, Las ballenas del Golfo de California, p. 257. Aínda non hai rexistros do peso dun espécime adulto, pero calcúlase que un adulto de 25 metros pesa arredor de 70 toneladas. Alcanzan a madurez física completa entre os 25 e os 30 anos, e viven unha media de 75 anos, aínda que hai rexistros que indican que estas baleas poden chegar a vivir até os 100 anos. Un acabado de nacer mide aproximadamente 6,5 m de longo e pesa aproximadamente 1.800 kg. O seu gran tamaño axuda á identificación do animal, aínda que ás veces é confundido co rorcual azul, co rorcual boreal e, en augas quentes, co rorcual de Bryde.

A súa parte superior e mais os lados son de cor gris apardazada e a parte inferior é tirando a branco. Teñen un fociño afiado, espiráculo dobre e un amplo e achatado morro. Dúas marcas en forma de V invertida de cor clara comezan tralos espiráculos e seguen polos lados en dirección á cola nunha diagonal que se inclina cara a parte superior até alcanzar a aleta dorsal; ás veces cúrvase cara a adiante no lombo. Ten unha marca branca á dereita da mandíbula inferior e nas barbas do mesmo lado, mentres que o lado esquerdo é cincento ou negro.Guerrero, Urbán y Lorenzo, Las ballenas del Golfo de California, pp. 256-257. A pesar de poder verse ocasionalmente nos rorcuais alibrancos, esa asimetría é universal no rorcual común e única entre os cetáceos, sendo unha das características clave para a identificación desta especie. Unha hipótese que intenta explicar o desenvolvemento desta asimetría considera que vén inducida pola preferencia da balea por nadar sobre o seu lado dereito cando sobe á superficie para lanzarse novamente á auga e por circular cara a dereita cando se encontra na superficie por enriba dunha presa. Por contra, outras baleas, en iguais circunstancias, móvense habitualmente cara a esquerda. Malia a existencia de varias hipóteses que intentan explicar esta asimetría, ningunha foi aceptada en círculos científicos.

O rorcual ten unha serie de 50 a 60 e até 86 (cunha media de 64) pregos gulares ao longo da parte inferior do corpo que discorren dende a punta do queixo até o embigo,Guerrero, Urbán y Lorenzo, Las ballenas del Golfo de California, p. 256. o que permite que a área da gorxa se expanda enormemente durante a alimentación. Ten unha aleta dorsal curva e prominente (60–70 cm) que se encontra aproximadamente no último terzo do corpo. As súas aletas son pequenas e afiadas e a súa cola é ampla, afiada e cunha entalla no centro.

Cando alcanza a superficie, a aleta dorsal faise visible inmediatamente despois de expulsar polos seus espiráculos un chorro de auga vertical e estreito que pode alcanzar seis metros de altura ou incluso máis. Mentres se alimentan bufan en sucesión rápida 5-7 veces, pero mentres viaxan ou descansan só o fan unha vez cada minuto ou dous. Ao efectuar a súa última inmersión elevan e arquean o lombo mostrando a súa característica aleta dorsal, pero xeralmente non sacan a cola fóra da auga. Despois somérxense a profundidades de 250 metros ou máis para alimentarse, ou só uns metros mentres viaxan ou descansan. As inmersións na zona de California e Baixa California duran uns 6 minutos, cun máximo de 17 minutos; viaxando ou descansando só se somerxen durante uns minutos cada vez. Aínda que poden chegar a facelo, raramente saltan sacando completamente o corpo fóra da auga.

Reprodución O encontro entre machos e femias acontece durante o inverno en mares temperados de latitudes baixas. O período de xestación dura de once meses a un ano. A cría destétase da súa nai seis ou sete meses despois de nacer, cando alcanza once ou doce metros de lonxitude, e sempre acompaña á nai até as áreas de alimentación de primavera e comezos de verán. As femias paren cada dous ou tres anos, sendo o habitual o nacemento dun único baleato, aínda que no inicio da xestación pode manter até seis fetos dos que só un chegará a termo. As femias alcanzan a madureza sexual entre os tres e os doce anos de idade.

Alimentación miniatura|Vista aérea do rorcual común alimentándose. O rorcual común é un animal filtrador que se alimenta de pequenos cardumes de peixes, de luras, de crustáceos como os misidáceos e de krill. Aliméntase abrindo as mandíbulas mentres nada a unha velocidade relativamente alta pois segundo recentes estudos alcanza os 11 quilómetros por hora, o que fai que engula máis de 70 metros cúbicos de auga en cada inxestión. Entón pecha as mandíbulas e empuxa a auga de volta cara a fóra a través das súas barbas, o que permite que a auga salga mentres retén as presas. Un adulto ten entre 262 e 390 (aínda que pode chegar ater máis de 400) barbas en cada lado da boca. Estas barbas están compostas de queratina, que se esfiaña en pequenos pelos na punta, preto da lingua. Cada placa pode chegar a medir 76 cm de lonxitude e 30 cm de ancho.

Somérxese de forma rutineira a profundidades de máis de 200 metros, onde executa unha media de catro «turradas», alimentándose de agregacións de krill. Cada trago prové a balea de aproximadamente 10 kg de krill. Un rorcual pode consumir até 1.800 kg de comida ao día, o que levou aos principais científicos á conclusión de que dedica aproximadamente tres horas cada día a alimentarse para satisfacer as súas necesidades enerxéticas. Se as aglomeracións de presas non son suficientemente densas, ou están localizadas en augas demasiado profundas, a balea ten que dedicar máis tempo ao longo do día á busca de alimento. Tamén foron observadas rodeando cardumes de peixes a gran velocidade, comprimindo o cardume nunha bola e despois xirando de lado antes de engulir os peixes.

Comportamento O rorcual común é un dos cetáceos máis rápidos e pode manter velocidades de até 37 km/h, téndose rexistrado velocidades superiores a 40 km/h, razón pola que recibe o apelativo de «galgo dos mares». Son máis gregarios que outros rorcuais e adoitan vivir en grupos de seis a dez individuos, aínda que nas zonas de alimentación sexa posible observar até 100 exemplares xuntos.

Vocalización

Ao igual que outras baleas, os machos da especie emiten sons longos, altos e de baixa frecuencia. As vocalizacións da balea azul e do rorcual común producen as frecuencias máis baixas coñecidas entre os animais. A maioría dos sons son de frecuencia modulada (FM) de pulsos infrasónicos de 16 a 40 hertzs (o oído humano capta sons entre os 20 e 20.000 Hz). Cada son dura entre un e dous segundos e varias combinacións de sons se producen en secuencias de 7 a 15 minutos de duración. Esas secuencias repítense durante varios días. O nivel das secuencias vocais está por enriba de 184 a 186 decibelios relativos a 1 micropascal (µPa) a unha distancia de referencia dun metro e poden detectarse a centenares de quilómetros de distancia.W. J. Richardson, C. R. Greene, C. I. Malme y D. H. Thomson, Marine Mammals and Noise (Academic Press, San Diego, 1995).

Cando os sons do rorcual común foron rexistrados por primeira vez por biólogos estadounidenses, os investigadores non se deron conta de que estes sons excepcionalmente altos, longos, puros e regulares eran producidos por baleas. Inicialmente investigaron a posibilidade de que os sons fosen debidos a un funcionamento defectuoso do equipo, fenómenos xeofísicos, ou incluso parte dun plan da Unión Soviética para descubrir submarinos inimigos. Finalmente, os biólogos demostraron que os sons eran vocalizacións dos rorcuais comúns.