Comunistas de Castilla (Comunistas de Castela en galego) é un partido político de España, de ideoloxía comunista e castelanista, creado en 2011 trala escisión de varias células do Partido Comunista de los Pueblos de España (PCPE) en Castela e León. Mantén estreitas relacións co colectivo Rede Vermella, escisión á súa vez de Corrente Vermella, o que provocou a inspiración trotskista desta última. O seu ámbito de actuación é o territorio histórico de Castela, nación que estaría composta segundo os estándares do castelanismo polas actuais comunidades autónomas de Castela e León, Castela-A Mancha, a Comunidade de Madrid, A Rioxa e Cantabria.
Creación
En outubro de 2011, con motivo das eleccións xerais do 20 de novembro do 2011, o Partido Comunista del Pueblo Castellano (PCPC), sección castelán-leonesa do PCPE, emite un comunicado público no que anuncia que non concorrerá ao devandito proceso electoral, contradicindo a decisión tomada pola dirección central do PCPE para toda España de concorrer en todas as cirunscripcións electorais posibles. Finalmente, trala expulsión dos militantes rebeldes de Valladolid e a baixa, por principios ideolóxicos e morais, da organización da totalidade dos militantes de Segovia e Palencia, publícase na rede unha "declaración de principios" de Comunistas de Castilla, na que aseguran que pretenden construír un proxecto de soberanía e socialismo para Castela.
O primeiro grande acto público de Comunistas de Castilla foi a celebración do 23 de abril (reivindicado coma "Día Nacional de Castela", e celebrado oficialmente como Día de Castela e León) de 2012 na localidade de Villalar de los Comuneros. Na carpa que rexentaban, podíanse ver bandeiras castelanistas comuneiras moradas, bandeiras republicás e bandeiras coa fouce e o martelo.
Segundo a páxina web da organización, Comunistas de Castela ten presenza en Madrid, Palencia, Segovia e Valladolid.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Partido Comunista del Pueblo Castellano (PCPC) Partido Comunista de los Pueblos de España
Ligazóns externas Web de Comunistas de Castilla
Categoría:Partidos comunistas Categoría:Nacionalismo castelán Categoría:Partidos políticos de Castela e León