A catedral de Amiens (en ), é unha igrexa catedralicia de culto católico baixo a advocación da Nai de Deus que está na cidade de Amiens, no departamento de Somme. É a meirande de Francia polo seu volume interior, duns 200 000 m³. Xunto coas catedrais de Chartres, Reims e Bourges, está considerada o arquetipo do estilo gótico clásico do século XIII. Inclúe tamén elementos das fases seguintes da arte gótica; en concreto, do gótico radiante –principalmente na cabeceira– e do gótico flamíxero –en particular o gran rosetón na fachada occidental, a torre norte e o cadeirado do coro. A súa lonxitude total é de 145 metros e a súa altura é de 42,30 metros, cifra que se achega ó máximo que pode soportar este tipo de arquitectura.
A súa reconstrución comezou en 1220, xa que existía unha edificación anterior de arquitectura románica destruída por un incendio. Foi deseñada cunha planta de cruz latina e, máis tarde, entre 1366 e 1401, foron construídas as torres da fachada.
Ten o cruceiro centralizado e a nave central está ornamentada cun rosetón sobre un friso de esculturas ao longo da parte oeste. A fachada occidental, con tres pórticos monumentais, ten unhas arquivoltas profundas, rematadas con gabletes. Esta fachada amosa un gran programa de iconografía escultórica que comprende boa parte dos episodios do Antigo e do Novo Testamento; é coñecida como a «Biblia de Amiens».
No ano 1862 foi declarada monumento histórico de Francia e dende 1981 forma parte do Patrimonio da Humanidade da UNESCO.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina oficial Ficha sobre a estrutura da catedral
Categoría:Patrimonio da Humanidade en Francia Categoría:Catedrais de Francia Categoría:Igrexas católicas de Francia Amiens