Santa María de Filgueira é unha parroquia que se localiza no concello de Lalín. Segundo o INE en 2011 tiña 410 habitantes (223 mulleres e 187 homes), distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 455 habitantes.

Nesta parroquia tivo a súa sede a Banda de música de Filgueira.

Toponimia O fitónimo galego Filgueira (do latín FĬLĬCARIA, derivado de FĬLIX, -ĬCIS)Cabeza Quiles, F.: Os nomes de lugar, p. 203. Ed. Xerais, Vigo 1992. refírese a un lugar abondoso en fentos. A súa orixe dáse entre o século X e XIII.

Historia Foi unha doazón feita polo diácono Nuño ao Convento de San Paio de Antealtares (en Santiago de Compostela).

Patrimonio O castro de Pena da Cunca, en Cima de Alle, ten un único recinto de forma oval. Presenta as seguintes dimensións: no eixo N-S mide 90 m (interior) e uns 100 m (exterior). No eixo L-O mide 75 m (interior) e uns 85 m (exterior). Presenta como única defensa un terraplén moi arrasado cunha altura de entre 1 m e 1,5 m. Na zona oeste, polo exterior do recinto, intúese unha depresión pequena pegada ao terraplén, que parecen ser os resto dun foxo cegado e modificado por recheos.Ficha arqueolóxica do castro de Filgueira .

A igrexa, situada no lugar de Filgueira, apenas garda recordos de vellos tempos, xa que está desvirtuada pola funcionalidade dos templos rurais ampliados nas dúas últimas centurias. A fachada posúe unha forte liña de cornixa da que sobresae o campanario de dobre arco coroado con pináculos.

No lugar de Cardexía está o pazo de Cardexía, unha casa grande fidalga que ten un balcón sobre columnas, unha poderosa cheminea e os escudos dos Taboada, Deza, Salgado e Gil. De planta rectangular e fábrica de cantería pequena, na fachada principal hai unha porta e ventás rectangulares e un balcón sobre tres columnas de pedra.

No lugar do Espiño permanecen aínda os restos dunha importante fábrica de curtidos que funcionou ata ben entrado o século XX. O lugar de Espiño conta tamén cunha capela de nova construción dedicada ao culto da virxe de Fátima.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de Filgueira

Parroquias de Lalín

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Lalín

Ligazóns externas Filgueira na web do concello de Lalín

Categoría:Parroquias de Lalín Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santa María Categoría:Topónimos galegos con etimoloxía