Olympus, tamén coñecido como Olympus 1 e Olympus F1, foi un satélite de comunicacións experimental lanzado o 12 de xullo de 1989 mediante o último foguete Ariane 3 desde o Centro Espacial de Kourou, na Güiana Francesa.

Características A misión de Olympus foi probar varias novas tecnoloxías relacionadas coas comunicacións desde órbita e a emisión televisiva directa nas bandas acordadas pola Unión Internacional de Telecomunicacións en Xenebra en 1977.

Olympus levaba a bordo catro cargas útiles de comunicacións, entre elas un sistema de emisión directa de televisión cun canal emitindo para Italia e outro para toda Europa, ambos funcionando a unha frecuencia de 12 GHz e podendo recibirse en antenas parabólicas cun mínimo de 45 cm de diámetro. Outro dos sistemas funcionaba a frecuencias de entre 12 e 14 GHz e foi usado para experimentos de conmutación, reúso de frecuencias, videoconferencia e distribución de datos. Un terceiro sistema traballaba na banda Ka, a entre 20 e 30 GHz, e ofrecía videoconferencia de punto a punto e multipunto, teleeducación e envío de datos a baixa velocidade. Un último sistema podía funcionar a 12, 20 ou 30 GHz e con el se fixeron experimentos de propagación.

O satélite tiña forma de caixa cunhas dimensións de 2,9 x 5,5 m. Os paneis solares, unha vez estendidos, tiñan unha envergadura de 25,6 m e producían 3,6 kW de potencia.

En xaneiro de 1991, despois de case dous anos en órbita, un dos paneis solares deixou de funcionar, deixando ao satélite coa metade da potencia dispoñible. O 29 de maio dese mesmo ano un problema co sistema de control de actitude, xunto cunha serie de comandos incorrectos enviados desde terra, fixeron que Olympus comezara a xirar sobre si mesmo descontroladamente. O control do satélite non se retomou ata o 19 de xuño de 1992, despois de case gastar completamente o propelente de a bordo. De todos modos Olympus foi posto de novo en servizo o 7 de agosto de 1992. O 12 de agosto de 1993 perdeuse de novo o control do satélite, esta vez debido ao impacto dun micrometeorito da corrente das Perseidas. Retomar o control de novo practicamente esgotou as reservas de propelente. Sen posibilidade de ser posto de novo en servizo, Olympus foi enviado a unha órbita cemiterio e desconectado o 12 de agosto de 1993.

Notas

Categoría:Satélites artificiais Categoría:Axencia Espacial Europea