dereita|miniatura|Escola parroquial de Petín. Elena Quiroga de Abarca, nada en Santander o 26 de outubro de 1921 e finada na Coruña o 3 de outubro de 1995, foi unha escritora española de orixe galega, membro da Real Academia Española. Nas súas obras, aínda que sempre escritas en lingua castelá, reflíctese a pegada o amor por Galicia.
Traxectoria O seu pai José Quiroga Velarde, era oriúndo da vila ourensá do Barco de Valdeorras; e malia nacer en 1921 en Santander, criouse nun pazo dese concello propiedade de seus pais, os Condes de San Martiño de Quiroga. Máis tarde morou na casa de seu tío Estanislao Abarca, un mecenas que reuniu un grupo de artistas do que tamén eran asiduos Miguel de Unamuno e Federico García Lorca, entre outros. Pasou unha longa estadía na Coruña e publicou en 1949 o seu primeiro libro, La soledad sonora, no que conta a historia dunha muller dende a súa mocidade até a súa madurez.
En 1950 casou en Santiago de Compostela co historiador Dalmiro de Válgoma, futuro secretario perpetuo da Real Academia da Historia. A partir do seu casamento instalouse en Madrid, onde accedeu aos ambientes literarios e culturais da capital española.
Case toda a súa obra está impregnada do ambiente galego. En 1950 obtivo o Premio Nadal coa novela Viento del Norte (1950), obra na que narra as relacións entre unha moza serventa e o seu ancián señor. En La sangre (1952) narrou a historia de catro xeracións dende o punto de vista dunha árbore que conta o que ve e oe. En Algo pasa en la calle (1954), acaso a súa obra máis notábel, aborda o ambiente urbano, con novos problemas e enfoques técnicos. En 1954 pasou un tempo en Rianxo, na casa da familia Dieste. Alí coñeceu a Olegaria Dieste, irmá de Eduardo e Rafael, que estaba recluída na súa casa desde 1912, xa que caera enferma ao casar Castelao (de quen estaba namorada) con Virxinia Pereira. En base a ela escribiu a novela La enferma (1955).
Entre os seus títulos posteriores cítanse La careta (1955), Tristura (1960), Escribo tu nombre (1965)... Os dous últimos, que teñen a mesma protagonista, de nena e adolescente, confirman a pericia e fondura desta autora que escribiu dez novelas en catorce anos, a maioría na década dos cincuenta e dos sesenta do pasado século. A segunda, premio Rómulo Gallegos, sitúa a acción nos anos da Segunda República, coa axitación social como antecedente e a guerra civil como ameaza que se cerne no horizonte. A protagonista é unha rapariga orfa que estuda nun opresivo colexio de monxas, cuxa rexa disciplina contrasta coas tempadas que pasa na casa da súa avoa.Con Tristura obtivo en 1960 o Premio da Crítica Catalá e cambioulle despois o título a Secreto de la infancia: Novela de una niña. En 1983 publicou Grandes soledades, terza novela da triloxía, e foi elixida membro da Real Academia Española, sendo a terceira muller que ingresaba nela tras María Isidra de Guzmán no século XVIII e a poeta Carmen Conde. No seu discurso de ingreso loou ao escritor galego Álvaro Cunqueiro.
Os seus últimos anos viviunos entre o Pazo de Cea, en Nigrán (Pontevedra) e Madrid onde non acostumaba fallar ás reunións da Academia. O 31 de agosto de 1995 sufriu unha caída no seu pazo e crebou a cadeira. Finou o 3 de outubro dese mesmo ano, e os seus restos foron trasladados a Villafranca do Bierzo, onde foi soterrada no mesmo panteón que o seu home.
Obras La soledad sonora. Madrid: Espasa Calpe, 1949. Viento del Norte. Barcelona: Destino, 1951 (gañadora do Premio Nadal).En 2004 foi incluída na Biblioteca Gallega de Autores en Castellano de La Voz de Galicia La sangre. Barcelona: Destino, 1952. Trayecto uno, Madrid: Tecnos, 1953. Algo pasa en la calle. Barcelona: Destino, 1954. La careta. Barcelona: Noguer, 1955. La enferma. Barcelona: Noguer, 1955. Plácida, la joven y otras narraciones. Madrid: Prensa española, 1956. La última corrida. Barcelona: Noguer, 1958. Tristura. Barcelona: Noguer, 1960. (Gañadora do Premio da Crítica Catalá) Carta a Cadaqués. Santander: Imp. Bedia, 1961. Envío a Faramello. Madrid: Raycar, 1963. Escribo tu nombre. Barcelona: Noguer, 1965. Premio Rómulo Gallegos El pájaro de oro La otra ciudad Presente profundo. Barcelona: Destino, 1973. Grandes soledades, 1983. Presencia y ausencia de Álvaro Cunqueiro. Madrid: Real Academia Española (RAE), 1984.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas "La escritora Elena Quiroga muere a los 74 años" (4/10/1995). El País . "Elena Quiroga ingresó en la Real Academia Española con un "retrato imaginario" de Álvaro Cunqueiro" (9/4/1984). El País .
Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Novelistas de Cantabria Categoría:Académicos da Real Academia Española Categoría:Premio Nadal Categoría:Medallas Castelao Categoría:Nados en 1921 Categoría:Nados en Santander Categoría:Finados en 1995