Simón Láscaris, tamén coñecido como Simeón Láscaris, foi un eclesiástico greco-católico, da nobreza bizantina e de relixión cristiá ortodoxa antes da súa conversión, arcebispo de Durrës dende 1660 até o seu pasamento.

Traxectoria Primeiros anos e misión a Himara Naceu nunha familia da nobreza bizantina, de relixión cristiá ortodoxa. A familia Láscaris estabelecérase na illa de Creta, mais moitos membros da mesma fuxiron a Italia logo da conquista de Creta polos otománs. Simón marchou a Constantinopla, onde o patriarca Xoanicio II nomeouno o 22 de marzo de 1656 arquimandrita, e enviouno a Venecia como exarca patriarcal. En Venecia, en data descoñecida, converteuse ao catolicismo, o que lle levou a enfrontamentos coa colonia grega. Marchou a Ferrara e posteriormente a Rávena, e finalmente a Roma, onde permaneceu nos primeiros meses de 1658. A finais de ano marchou á rexión de Himara, no Epiro setentrional baixo dominio otomán.

A rexión de Himara, con certa autonomía, carecía dun sistema xudicial, polo que Láscaris nomeou xuíces e maxistrados a petición da poboación. A rexión pertencía entón ao arcebispado ortodoxo de Ohrid, e o arcebispo Atanasio II aceptou a unión coa Igrexa católica pola predicación de Láscaris. Como agradecemento, Atanasio II consagrou a Láscaris arcebispo de Durrës, enviándoo de volta a Italia co título de metropolita de Durrës e Dalmacia e exarca de Iliria e levando dúas cartas de Atanasio, unha delas para o papa Alexandre VII.

O seu nomeamento episcopal, porén, non foi aceptado por Propaganda Fide por ser feito por un bispo en cisma, e por considerar que o arcebispo de Ohrid non tiña xurisdición sobre Durrës. Láscaris pediulle entón ao papa, o 24 de maio de 1660, que acollese a Atanasio II, e o 4 de setembro Alexandre VII escribiu un breve a Atanasio II onde acollía a súa unión e aceptaba a consagración de Láscaris, quen era enviado de volta.

Segunda estancia en Himara A finais de 1660 Láscaris volveu a Himara para continuar a misión de Neofito Rodinò, acompañado de dous alumnos do Pontificio Colexio Grego, Arcadio Stanilas e Onofrio Constantini. Tiveron boa acollida entre a poboación, pero non por parte das autoridades locais civís (venecianas e otomás) e relixiosas, que lle dificultaron a súa labor. No verán de 1661 os otománs atacaron a rexión, e Simón tivo que esconderse. Ademais da súa actividade relixiosa e a prol da unión coa Santa Sé, levou a cabo unha actividade a favor da Coroa de España e de lexislación local. A persecución afectou tamén á súa familia, que tivo que emigrar de Creta a Sicilia.

O 16 de xuño de 1662 o metropolita Calínico II de Ioannina excomungouno pola súa tarefa misional a prol do catolicismo, e pedía aos habitantes que lle evitasen. Os habitantes de Himara e Vuno defenderon a Simón, e expulsaron a Calínico, aducindo que Simón era vítima dunha conspiración. Atanasio II e Simón Láscaris excomungaron aos conspiradores. Ás dificultades relixiosas uníronse dificultades bélicas, e os habitantes de Himara pediron a Simón que se retirara até que mellorara a situación coas autoridades civís e relixiosas. Ao non ter efecto a excomuñón, Calínico II acudiu aos otománs acusándolle de promover a sublevación contra eles, e Láscaris retirouse para salvar a vida e evitar perigos aos habitantes de Himara. Marchou a Corfú xunto a Atanasio II, quen lle nomeou vigairo patriarcal en Roma nunha carta do 19 de setembro de 1662. A súa estancia en Corfú prolongouse durante varios meses. Finalmente, Propaganda Fide liberou a Láscaris das súas responsabilidades misioneiras o 3 de xullo de 1663. Primeira estancia en España Logo de ser relevado das súas responsabilidades, tentou viaxar a Roma mais non recibiu permiso por parte da Congregación, e Láscaris finalmente deixou os seus servizo e pasou a España. Na Corte solicitou unha compensación económica polos seus servizos á Igrexa e á Coroa, e pola persecución recibida tanto por el mesmo como pola súa familia, e o rei aceptou a súa petición.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Bispos da Igrexa católica bizantina albanesa Categoría:Bispos católicos de Albania