Plesiomonas shigelloides é unha especie de bacterias que antes estaba clasificada na familia Vibrionaceae, pero que agora a maioría dos microbiólogos están de acordo en clasificala na familia Enterobacteriaceae. É a especie tipo e única especie do xénero Plesiomonas que figura na LPSN.List of Prokaryotic Names with Standing in Nomenclature - Plesiomonas É un bacilo gramnegativo, que foi illado da auga doce, de peixes de auga doce, e de moluscos e de moitos tipos de animais como pumas, vacas, cabras, porcos, gatos, cans, monos, voitres, cobras e sapos, e tamén de humanos.

P. shigelloides foi illada dunha gran variedade de mostras clínicas humanas, tanto intestinais coma extraintestinais. Foi illado das feces humanas, tanto con diarrea coma sen ela, e de vómitos (gastroenterite). Moitos artigos científicos afirman ou deixan implícito que P. shigelloides pode causar diarrea/gastroenterite en humanos. Porén, o illamento deste organismo nas feces nun caso de diarea non debería levar a unha precipitada conclusión de que a cepa de P. shigelloides é a causante real da diarrea nese caso; é dicir, a asociación non proba a causa.

P. shigelloides foi illada de moitas mostras extraintestinais humanas, a miúdo en persoas con inmunodeficiencia.

Algunhas cepas de Plesiomonas teñen antíxenos iguais aos de Shigella sonnei, e poden ocorrer reaccións cruzadas con antisoro para Shigella. Plesiomonas pode distinguirse de Shigella en deposicións diarreicas por medio da proba da oxidase, xa que Plesiomonas é oxidase positiva e Shigella é oxidase negativa. Plesiomonas é negativa para a DNAse, e esta e outras probas bioquímicas serven para distinguila de Aeromonas sp.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Medical microbiology de Jawetz, Melnick & Adelberg

Categoría:Enterobacteriales