Rego, con subtítulo Documentos pro galeguismo, foi unha revista clandestina galega de carácter nacionalista, editada nos anos finais da ditadura (1975) por Edicións Roi Xordo en Xenebra. A pesar da súa curta duración, tivo moito a ver co espallamento das ideas galeguistas e democráticas nun mundo sumido nas políticas ditatoriais. O seu formato consistía en páxinas fotocopiadas e algunha fotografía ou debuxo con temática galega.
Características No primeiro número, de agosto de 1974, analízase a situación da economía galega do momento e a problemática sufrida pola lingua e cultura galegas ao longo do tempo.
Ofrecía artigos políticos, culturais ou económicos referentes á realidade galega. Tamén se repasa a figura de Castelao ao longo dos distintos números da revista, atendendo a súa vida, obra e actividade política. A revista publicaba artigos de todo aquel que tivese a ben participar libremente na causa. Alén diso, a revista tamén ofrecía aos seus lectores poemas (varios deles inéditos) dalgúns autores destacados do momento como Xosé Luís Méndez Ferrín ou Manuel María.
Baseados os datos nos exemplares nº 2, 3 e 4-5 pódese concluír que as edicións constaban de entre 20 e 30 páxinas, a máis longa, esta última ao constar de dúas edicións unidas.
O nº1: 17 páxinas O nº2: 26 páxinas O nº3: 23 páxinas Os nº 4-5: 32 páxinas
Estaban escritas con máquina de escribir nunha única cor, a negra. “Rego” era unha empresa multicopista, eles mesmos reescribían unha e outra vez as súas edicións para distribuílas nos distintos puntos de venda.
Contexto histórico En tempos de guerra e posguerra, en Galicia pártese dunha situación desfavorable en contraste co resto de España. Os niveis de alfabetización son moito menores, hai unha economía moi precaria e moi escasos desenvolvementos en calquera dos ámbitos da vida, o que levou á poboación galega, a pertencer a maior parte do número de emigrantes.
A ditadura franquista non trouxo consigo ningún tipo de avance para Galicia, é máis foi un dos territorios máis masacrados debido, non só a pobreza que xa había e que aumentou nestes tempos, senón tamén, á literatura baseada no idioma propio e nos movementos políticos que defendían a cultura de Galicia contra os intereses españois.
Periodicidade Desta revista, publicáronse cinco edicións, sen periodicidade regular, de 1974 a 1975.
N.º 1, agosto de 1974. N.º 2, setembro de 1974. N.º 3, decembro de 1974. N.º 4-5, maio de 1975.
Custo
España: 20 pesetas por exemplar e 400 pesetas a subscrición Suíza: 2 francos suízos o exemplar e 25 francos a subscrición Francia: 2 francos franceses o exemplar e 30 francos a subscrición América Latina e outros países: 0,50 dólares americanos por exemplar e 10 dólares a subscrición
A revista tiña un amplo alcance en canto aos diversos lugares nos que se tiña a posibilidade de a mercar.
Colaboradores e integrantes Figuran como autores de artigos desta revista Carlos Casares, Celso Emilio Ferreiro, Eliseo Alonso, Manuel Lueiro Rey, Manuel María, Xavier Costa Clavell, Xosé Luís Méndez Ferrín, Francisco Rodríguez Sánchez, María Xosé Queizán, Bernardino Graña e Ramón Otero Pedrayo.
Importantes personalidades do mundo da literatura galega estaban inmersos no movemento e causa da revista Rego. Destaca a escasa presenza de figuras femininas entre os colaboradores.
O contar con estas personalidades influentes dotaba á revista por unha banda de prestixio e por outra de máis peso a nivel institucional.
Estrutura da revista Os diferentes exemplares da revista dividíanse en varios apartados; cada un dos cales trataba sobre un documento diferente, sempre seguindo unha mesma liña temática, tal e como xa se indica no subtítulo da propia revista “Documentos pro galeguismo”.
Moitos dos apartados referidos ao movemento galeguista e outros tantos sobre personalidades democráticas doutros lugares e que deberían servir de exemplo para España.
Carácter político e aspiracións A pesar da súa curta duración, foi un importante foco de publicacións de carácter galeguista. Defendía ideas como o nacionalismo galego, a igualdade entre pobos, o antiimperialismo, a radicalización do proceso revolucionario, a normalización do idioma galego, o anticolonialismo etc., publicando textos de diferentes autores, de entre os cales algúns defendían que se non se constrúe un Estado Galego, a lingua chegará a desaparecer.
Nesta revista reflíctense os ideais tanto de particulares como de conxuntos tales como UPG, un grupo nacionalista que promove en 1973 unha escisión de A Nosa Galiza e funda a Irmandade Galega.Irmandade Galega Esta asociación promove a defensa de Galicia como nación mais nunca ligando este movemento coa causa portuguesa, polo que non se fai referencia lingüístico-cultural galego-portugués.
A parte destas reivindicacións políticas, tamén tratan temas tales como a filosofía, relixión, humorismo ou certamente máis ligado ao punto anterior, a recuperación de figuras centrais na tradición galeguista e comunista como Castelao ou Che Guevara.
Tipo de publicacións Na revista publicábanse artigos que trataban a problemática galega, e tamén textos narrativos, poesía e cartas. Os artigos foron especialmente significativos para o galeguismo. Entre eles destaca o texto dunha conferencia por Xosé Luís Méndez Ferrín, que tivo lugar na Irmandade Galega, en Suíza, o 17 de Maio de 1975, na que fala da “situación anormal” do pobo galego. En primeiro lugar, pola situación da lingua que non ten o soporte das institucións gobernamentais e despois polo “colonialismo interno” ó que Galicia está sometida. Este texto vén tamén acompañado por unha revisión histórica da traxectoria do galeguismo.
Existen tamén dentro da revista artigos que tratan o tema da precaria situación da literatura galega dadas as condicións do idioma. Fan unha reflexión, deste xeito, sobre as clases pequenoburguesas que eran as que mantiñan vivo o idioma pero acabábano por radicalizar ligándoo a diferentes posturas políticas. En busca da mellora desta situación, se fai eco da literatura para espallala e dar continuidade ao idioma galego que tiña o risco de desaparecer; moitos dos discursos que tratan este aspecto, teñen vixencia na actualidade debido á que a situación non cambiou.
É interesante destacar que na publicación número 2 hai un apartado dedicado a Castelao, titulado «Frases do libro de Daniel Castelao "Sempre en Galiza"» e que por outra banda existe tamén un apartado chamado “Poemas de autores galegos pro Che Guevara”. Polo tanto está vixente a corrente ideolóxica do comunismo a pesar dos difíciles tempos para as persoas que seguían estas correntes.
Polo tanto, os temas que trata en ligazón a Galicia están relacionados coa propia lingua, coa política que tamén afecta ao anterior, e non só política galega senón que tamén, correntes ideolóxicas que cobran cada vez máis forza e que serán imitadas en Galicia.
Análise de contidos Baseados nos exemplares nº 2, 3 e 4-5.
Todos comezan cunhas páxinas falando sobre o prezo e a subscrición ao propio xornal.
Nº 2: Aitualidade e progresismo de Daniel Castelao Mensaxe do patronato da cultura galega do Uruguai Vida, obra e pensamento de Castelao/Manuel María Frases do libro de Castelao, Sempre en Galiza. Encol do “informe dramático sobre la lengua gallega”, tres testos da polémica antre o profesor Francisco Rodríguez e o autor do libro Xesús Alonso Montero. Tolería pra unha desmitificación- María Xosé Queizán. Nº 3: Pequeno resume da hestoria da Galicia moderna Poemas de autores galegos sobre o Che Guevara Encol do fenómeno cultural na Galicia, formación Nº 4-5: Apuntes críticos pra unha hestoria do galeguismo moderno de 1916 a 1936- Xosé Luis Méndez Ferrín. Carta aberta de traballadores inteletuás portugueses, encol da represión sobor da cultura galega. A dependencia económica, social e política de Galicia, clases sociás en Galicia- coleitivo. Resolucións finais dunha asambreia da Federación Mundial de Sociedades Galegas- coleitivo. Poesía galega inédita, poemas de Xavier Costas Clavel/ Manuel María/ Xosé Luis Méndez Ferrín/ Bernardino Graña.
Razóns do seu cesamento A razón do cesamento desta revista foi a mudanza de estratexias da UPG, que deixou de publicar as revistas Galicia Emigrante, Rego e Galicia Hoxe, para promover a creación da empresa Promocións Culturais Galegas S.A. centrándose na edición de A Nosa Terra.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
López-Iglésias Samartim, Ricardo (2010): O processo de construçom do sistema literário galego entre o franquismo e a transiçom.
Outros artigos Publicacións impresas da diáspora galega Ligazóns externas Fondos Documentais: Rego Consello da Cultura Galega.
Categoría:Prensa galega da emigración Categoría:Suíza