Non confundir con José Fernández Sánchez (pintor) (A Coruña 1913 - 1994).
José Fernández Sánchez, coñecido como Paseiro, nado en Sada o 20 de outubro de 1928 e finado o 4 de decembro de 2020, foi un futbolista galego. Xogaba de dianteiro.
Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol no ano 1944, no Rayo Sadense, equipo no que militou ata a tempada 1946–47, cando foi fichado polo Deportivo da Coruña, sendo cedido na primeira tempada ao Betanzos.
Volveu á Coruña para a tempada 1947–48, co club branquiazul en Segunda División, e foi un habitual no once de Luis Urquiri, formando dianteira xunto con Manuel Oliveros, Manuel Marquínez e Chao. Ese ano o conxunto coruñés logrou o ascenso a Primeira División e Paseiro foi o máximo goleador do equipo con 21 goles.
Na tempada 1948–49 debutou en Primeira División co Deportivo, da man de Gabriel Andonegui. No seu debut, nun encontro en Riazor fronte o RCD Espanyol, estreouse tamén como goleador en Primeira, anotando os tres tantos do conxunto coruñés (3–0). Nesa campaña tan só participou en 3 encontros de liga, debido a un esquema de xogo distinto, e a chegada do arxentino Rafael Franco.
Nas dúas tempadas seguintes xogou cedido no Racing de Ferrol e na Lucense, ambos en Segunda División. Volveu á Coruña en febreiro de 1951 para xogar co Deportivo os últimos partidos da tempada e no verán marchou a América para xogar no Universidad de Chile, club adestrado por Alejandro Scopelli, con quen coincidira no Deportivo.
Debutou fronte ao Colo-Colo, anotando un gol. Xogou un total de 41 partidos no club azul, nos que marcou 22 goles, destacando os dous que anotou no Clásico Universitario fronte ao Universidad Católica. Tras un ano e medio en Chile volveu a España en xaneiro de 1953 para fichar polo Espanyol, de novo con Scopelli. Xogou co club barcelonés a segunda parte desa tempada e tres máis, disputando 41 partidos e anotando 18 goles. A continuación pasou polo Real Jaén e o Xerez, antes de volver á Coruña onde se dedicou ao transporte de peixe e xogou co Fabril en Terceira División a tempada 1958–59.
Despois de retirarse da práctica do fútbol foi adestrador do Sporting Sada en dúas etapas, dun equipo xuvenil en Chile e do SD Orzán, gañando con este último o Campionato Galego de Afeccionados na tempada 1967/68 e de xeito invicto.
Notas
Categoría:Nados en 1928 Categoría:Nados en Sada Categoría:Futbolistas da provincia da Coruña Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Club Universidad de Chile Categoría:Xogadores do RCD Espanyol Categoría:Xogadores do Real Jaén Categoría:Xogadores do Xerez CD Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Finados en 2020