Anatoli Boukreev, nado en Korkino o 16 de xaneiro de 1958 e finado no Annapurna o 25 de decembro de 1997, foi un montañeiro de orixe rusa e nacionalidade kazakh. Fixo cumio sen axuda de osíxeno suplementario en sete dos catorce cumios de máis de oito mil metros de altitude.

Traxectoria Boukreev formou parte como guía dunha das expedicións comerciais que no mes de maio de 1996 chegaron ó máis alto do monte Everest e que remataría en traxedia por mor do cambio nas condicións meteorolóxicas, o elevado número de escaladores na montaña e diferentes problemas loxísticos. Estes feitos foron recollidos en varios libros como o que o propio escalador escribiría coa axuda de G. Weston De Walt titulado The Climb, ou o do escritor norteamericano Jon Krackauer, Into The Thin Air. Ademais dos libros existen varios documentais e reportaxes sobre estes feitos e inclusive unha película Everest (2015) dirixida polo cineasta islandés Baltasar Kormákur e na que o actor Ingvar Eggert Sigurðsson da vida a Boukreev.

O 25 de decembro de 1997 Anatoli Boukreev viuse sorprendido por un alude mentres trataba de completar unha ascensión invernal o Annapurna acompañado polo seu compatriota Dimitri Sobolev e o italiano Simone Moro, que foi o único supervivente e non puido facer nada por auxiliar ós seus compañeiros. O seu corpo nunca foi recuperado.

Notas

Categoría:Nados en 1958 Categoría:Nados no óblast de Cheliábinsk Categoría:Finados en 1997 Categoría:Alpinistas Categoría:Escaladores do Everest