A histona H3 é un dos cinco grandes tipos de proteínas histonas que forman parte da estrutura da cromatina nas células eucariotas. Presenta un dominio globular principal e unha longa cola N-terminal. A H3 forma parte do octámero dos nucleosomas, os cales forman a estrutura de colar de doas da cromatina. As histonas son en xeral moi modificadas postraducionalmente, pero a histona H3 é a que é modificada máis extensamente de todas elas. O termo "histona H3" sen máis especificacións é deliberadamene ambiguo, xa que comprende as distintas variantes de secuencia ou estados de modificación que pode presentar. A histona H3 é unha importante proteína no emerxente campo da epixenética, e as súas variantes de secuencia e estados de modificación variables pénsase que xogan un papel na dinámica e regulación a longo prazo dos xenes.
Epixenética e modificacións postraducionais
O N-terminal da histona H3 sobresae desde o centro do nucleosoma globular e pode sufrir varios tipos de modificacións postraducionais que inflúen nos procesos celulares. Estas modificacións inclúen a unión covalente dun grupo metilo ou acetil aos aminoácidos lisina e arxinina e a fosforilación da serina ou treonina. A di e trimetilación da lisina 9 está asociada coa represión e a heterocromatina, mentres que a monometilación da lisina4 está asociada con xenes activos. A acetilación da histona H3 ocorre en diferentes posicións da lisina na cola da histona e é realizada por unha familia de encimas coñecidos como histona acetiltransferases (HATs). A acetilación da lisina14 dáse comunmente en xenes que están sendo activamente transcritos a ARN.
Variantes de secuencia En células de mamíferos coñécense sete variantes de secuencia da histona H3, que se denominan histona H3.1, histona H3.2, histona H3.3, histona H3.4 (H3T), histona H3.5, histona H3.X e histona H3.Y, pero presentan unha alta conservación da secuencia diferindo só nuns poucos aminoácidos. A histona H3.3 desempeña un importante papel no mantemento da integridade do xenoma durante o desenvolvemento dos mamíferos.
Xenética
As histonas H3 están codificadas en varios xenes do xenoma humano, como:
H3.1: HIST1H3A, HIST1H3B, HIST1H3C, HIST1H3D, HIST1H3E, HIST1H3F, HIST1H3G, HIST1H3H, HIST1H3I, HIST1H3J H3.2: HIST2H3A, HIST2H3C, HIST2H3D H3.3: H3F3A, H3F3B
Notas
Véxase tamén Outros artigos Outras histonas: H1, H2A, H2B, H4 CENPA Nucleosoma
Categoría:Histonas