Para outros homómimos véxase Carlos I

Carlos I, chamado Carlos de Anjou (en francés: Charles d'Anjou; en italiano: Carlo I d'Angiò), nado en París (Francia) o 21 de marzo de 1227 e finado en Foggia (Reino de Sicilia) o 7 de xaneiro de 1285), foi rei de Sicilia (1266-1285), o primeiro da dinastía Anjou-Sicilia, e o creador dun grande, aínda que efémero, imperio mediterráneo."Charles of Anjou", Encyclopædia Britannica, 2010.

Fillo do rei Lois VIII de Francia e de Branca de Castela, e irmán máis novo de Lois IX de Francia (San Lois, rei de Francia, curmán de Fernando III o Santo de Castela e León). Carlos adquiriu o Condado da Provenza por matrimonio en 1246, e acompañou ao seu irmán Lois na Cruzada de Exipto (1248-1254).

Aliado co papado, conquistou o Reino de Sicilia na década de 1260, derrotando a Manfredo I de Sicilia e a Conradino de Hohenstaufen, duque de Suabia, rei de Sicilia (1254-1268), e rei nominal de Xerusalén, que eran os últimos representantes da dinastía dos Hohenstaufen, nas batallas de Benevento (1266) e de Tagliacozzo (1268).

Posteriormente ampliou o seu poder nos Balcáns, onde creou o Reino de Albania (1271), e en 1277 interveu para apoderarse do Reino de Xerusalén.

Baixo Carlos de Anjou o norte do territorio do Reino de Sicilia foi favorecido en detrimento do sur, e Carlos trasladou a capital Palermo a Nápoles. Esta situación de dominación anxevina, coa introdución de funcionarios franceses, causou descontento en Sicilia, onde estalou a rebelión en 1282 (as chamadas Vésperas sicilianas).I Vespri siciliani.

Coa axuda de Pedro III de Aragón (que estaba casado con Costanza II de Sicilia, filla de Manfredo), os sicilianos expulsaron os anxevinos da illa, derrotando á frota de Carlos na baía de Nápoles en xuño de 1284, o que conduciu á división do Reino de Sicilia no reino da Sicilia peninsular ou reino de Nápoles, baixo dominio anxevino, e o reino da Sicilia insular, baixo dominio aragonés. Carlos estaba preparando unha contraofensiva cando morreu en 1285.

Traxectoria Primeiros anos Carlos naceu o 21 de marzo de 1227 en París, sendo o último dos sete fillos do rei Lois VIII de Francia, o León, e da súa esposa Branca de Castela, filla do rei Afonso VIII de Castela. O nome de Carlos, pouco común entre os Capetos, fai referencia á súa ascendencia carolinxia. Carlos estaba destinado nun principio a facer unha carreira eclesiástica, segundo a vontade do seu pai. Pero en 1232, a morte sen descendencia dos seus irmáns Xoán Tristán e Filipe Dagoberto, convertérono no herdeiro de vastos territorios no centro de Francia.

En 1237, aos once anos de idade, Carlos estaba na Corte de seu irmán, Roberto de Artois. Aos trece anos tiña unha pequena Corte, un cabalo para cazar, criados, un profesor e un sacerdote ao seu servizo. Formose na atmosfera da Corte de Francia, mergullado nos torneos, na poesía cortesá e nas cancións. A diferenza do seu irmán maior, Lois, non estaba imbuído nas exixencias relixiosas dos seus primeiros anos.

En 1242, aos dezasete anos, acompaña ao seu irmán Lois a unha expedición militar contra o conde da Marche. Foi a primeira vez que se implicou nunha empresa militar.Carlo I d'Angiò, re di Sicilia.

Conde da Provenza miniatura|310px|A Provenza en 1125, dividida en condado e marquesado da Provenza e condado de Forcalquier. miniatura|310px|Batalla de Mansura (1250). Miniatura da obra Vie et miracles de saint Louis. (século XIV).

En 1246 Carlos casou con Beatriz da Provenza, filla do conde Ramón Berenger V da Provenza e de Beatriz de Savoia.

Por este matrimonio converteuse en conde da Provenza e de Forcalquier (títulos conservaría despois de enviuvar e de contraer un segundo matrimonio). Con motivo do primeiro matrimonio, o seu irmán Lois IX nomeouno conde de Anjou e de Maine, creando a segunda dinastía anxevina.

Ao principio do seu goberno como conde da Provenza, Carlos tivo que enfrontarse a un importante partido antifrancés. As grandes cidades, como Arles, Aviñón e Marsella, en pleno auxe da súa economía, eran case independentes e pretendían manter a súa autonomía. Pola súa parte, Carlos pretendeu fortalecer a administración. Pero a súa acción interromperíase pola cruzada de 1248-1254, na que acompañou ao seu irmán Lois IX.

Participación na Cruzada de 1248-1254

Carlos aceptou a invitación do seu irmán de asistir á sétima Cruzada, a pesar da difícil situación do Condado da Provenza. Embarcou o 28 de agosto de 1248, cos seus irmáns Lois e Roberto de Artois, en Aiges-Mortes (no actual departamento de Gard). Desembarcou o 18 de setembro en Chipre, onde Beatriz deu a luz a un fillo que morreu pouco despois. En Exipto, Carlos loitou valentemente, pero foi feito prisioneiro na batalla de Mansura co resto dos cruzados en 1250. Foi liberado un mes máis tarde mediante o pagamento dun forte rescate.

Debilitado pola malaria e preocupado polas desordes que se produciran no seu Condado, Carlos propuxo levar o seu exército a Francia. Lois IX permaneceu en Terra Santa, pero permitiu que os seus dous irmáns regresaran a Francia. Carlos chegou á Provenza en abril de 1251. Someteu a Arles e Aviñon, e sitiou Marsella, en agosto dese ano. Obtivo a submisión do líder da rebelión, Barral des Baux, e despois da cidade de Marsella en 1252.

Expansión do Condado

Desde 1256 Carlos de Anjou, como conde da Provenza, emprendeu o engrandecemento do seu territorio nos confíns dos Condados de Venaissin, as vilas de Gap, Embrun e Ventimiglia, os territorios entre Mónaco e Sanremo, os vales do Vésubie e do Roia, e os territorios en torno ao paso de Tenda. Pero en 1262 tivo que ceder case a totalidade deses territorios. Así mesmo, a partir de 1259 estendeu a súa influencia no Piemonte, ocupou Coni, Alba, os vales do Maira e do Stura di Demonte, e foi proclamado señor de Cuneo e de Borgo San Dalmazzo. Os marqueses de Saluzzo, Ceva e Cravansana declaráronse vasalos seus. En 1260 foi proclamado señor de Mondovi e de Sogliano. Dous anos máis tarde someteu as cidades de Aviñón, Arles e Marsella, que se sublevaran de novo.

Conquista do Reino de Sicilia

Á morte do Rei de romanos Guillerme de Holanda en xaneiro de 1256 produciuse un problema sucesorio pola elección do seguinte Rei de romanos. En marzo, a cidade de Pisa enviou unha embaixada ao rei de Castela Afonso X ofrecéndolle a súa submisión e apoio como cabeza da casa de Suabia e como xefe do partido xibelino, oposto ao papa. Por outra parte, o rei castelán tamén fixo saber a súa intención de ser elixido Rei de romanos, fronte ao cal, o rei de Inglaterra Henrique III propuxo ao seu irmán Ricardo de Cornualla como candidato.

Tras gastar ambos os candidatos grandes cantidades de diñeiro para subornar aos electores, o 1 de abril os partidarios de Afonso, o arcebispo de Tréveris o duque de Saxonia, xunto cos poderes outorgados polo margrave de Brandeburgo e o rei de Bohemia Otakar I, elixiron Rei de romanos a Afonso en Frankfurt, pero Otakar I, interesado en manter o reino a vacante deu o seu voto a ambos os candidatos. Pero en Italia, o papa Alexandre IV (o valenciano Roderic de Borja) deuse de conta de que a presenza dos casteláns favorecía a causa dos xibelinos, pois seu inimigo Ezzelino da Romano era partidario de Afonso. A pesar de todo, Afonso X enviou unha embaixada ao papa para lograr a súa lexitimación, aquietando as suspicacias do papa acerca do seu xibelinismo, nada extremista.

miniatura|Pedro III de Aragón. Miniatura de ca. 1315.

Á morte de Ezzelino da Romano (1259), os xibelinos tenderon agora a unirse en torno a Manfredo, recentemente coroado como rei de Sicilia, sen que o papa estivera disposto a recoñecelo, posto que o excomungara. En Toscana, unha insurrección levara de novo ao poder aos güelfos en 1250, que pretenderon impoñerse aos xibelinos toscanos. En 1258 expulsaron os xibelinos de Florencia, que se refuxiaron na xibelina Siena, cuxo líder Farinata degli Uberti se aliou con Manfredo de Sicilia, a quen animou para que, para protexer o seu Reino, debía asegurar Toscana aos xibelinos.

Manfredo dirixiu as súas miras ao centro e o norte de Italia e, conxuntamente cos xibelinos, derrotou completamente aos güelfos, de forma que foi recoñecido protector de Toscana polos florentinos xibelinos, e foi elixido senador de Roma por unha facción da cidade, expulsando ao papa Alexandre IV. Mentres, os aragoneses fixeron acto de presenza, ao acordar os esponsais do herdeiro do reino, Pedro, coa filla de Manfredo Costanza II de Sicilia. Neste momento, os xibelinos podían aspirar á hexemonía sobre toda Italia e calquera alivio á terrible presión que estes exercían sobre o papa era ben recibido: de aí que Alexandre IV acollese ben aos embaixadores casteláns prometéndolles que na querela imperial se atería á máis estrita xustiza.

Tras unha sede vacante de tres meses, o patriarca de Xerusalén, Xacobe Pantaleón, de orixe francesa, foi elixido en setembro de 1261 como novo papa, como Urbano IV (1261–1264), que nunca pisaría Roma e, aínda que mantivo unha teórica actitude de neutralidade entre os dous candidatos, o castelán e o inglés, non estaba disposto a que calquera de ambos os candidatos puidera sumar as súas forzas ás dos seus inimigos os xibelinos. Ante isto, ideou unha arbitraxe que lle permitira demorar a súa sentenza o tempo que fora necesario.

Porén, ante o avance irresistíbel dos xibelinos, e a pesar de que Afonso X intentaba que os güelfos se unisen a súa causa mantendo hostilidade cara a Manfredo, o papa Urbano IV ignorou o acordo establecido por Alexandre IV con Edmundo, e púxose en mans de Francia, onde finalmente contou coa aprobación do rei Lois IX para que o seu irmán Carlos de Anjou asinara un acordo o 15 de agosto de 1264 co papa, no que aceptaba a investidura do Reino de Sicilia e, mentres, Urbano IV seguiu dilatando a súa arbitraxe sobre a disputa da coroa imperial. Carlos de Anjou iniciou unha empresa implicando á banca güelfa, especialmente a Orlando Bonsignori, que se beneficiaría dos territorios do reino siciliano, o que ía en contra dos intereses cataláns.

miniatura|Coroación de Carlos I de Anjou en Roma (1266). miniatura|Batalla de Benevento (1266). miniatura|Morte de Manfredo I de Sicilia (1266).

Mentres que o exército anxevino avanzaba por Italia con apoio güelfo, faleceu o papa Urbano IV e foi elixido o tamén francés, Clemente IV (1265-1268), que tampouco entrou en Roma, quedando ben establecido en Viterbo. Este papa mantivo unha actitude abertamente favorábel a Carlos de Anjou e, cando este alcanzou Roma por mar, foi elixido senador e coroado como rei de Sicilia o 6 de xaneiro de 1266 por cardeais designados polo papa.

Cando o exército anxevino chegou a Roma, Carlos emprendeu a campaña contra Manfredo, que saíu do seu letargo para encontrarse cos anxevinos na batalla de Benevento, o 26 de febreiro de 1266, onde o exército siciliano foi derrotado e o propio Manfredo encontrou a morte. Desta maneira, Carlos de Anjou logrou facer efectivo o seu control sobre todo o reino. E deste xeito impulsou o güelfismo en Italia, como o establecemento de Filipe della Torre en Milán, o marqués de Este en Ferrara e, en Florencia, os xibelinos foron de novo expulsados.

Pola súa parte, a pesar de que Afonso X insistía en non favorecer o xibelinismo, co que se privou do único apoio do que puidera dispoñer, os embaixadores casteláns, aproveitando que o infante Henrique apoiara o financiamento da empresa de Carlos de Anjou e posto que estaba na Corte pontificia, meteron presión a Clemente IV para que pronunciase a sentenza a favor do rei castelán. Porén, ao desaparecer a resistencia xibelina en Benevento, o papa non considerou necesario manter unha postura contemporizadora co rei castelán.