María José Martínez Patiño, nada en Vigo o 10 de xullo de 1961, é unha deportista e exatleta galega, profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra da Universidade de Vigo,María José Martínez Patiño en UVIGO. Listaxe de profesorado. e membro da Comisión de Bioética do Comité Olímpico Internacional (COI).

Especialista en carreiras de valos, a súa expulsión do Equipo Olímpico español en 1986 por "non pasar" as probas de verificación do sexo supuxo un importante punto de inflexión na historia deste tipo de probas nas competicións deportivas. Martínez Patiño foi suspendida despois dunha competición que puido servirlle para clasificarse para os Xogos Olímpicos de Seúl 1988. Foi humillada publicamente cando participaba na modalidade de valos no campionato de España de atletismo de 1986, mais recorreu con éxito a perda da súa licenza da Asociación Internacional de Federacións de Atletismo e puido competir na clasificación para os Xogos Olímpicos de Barcelona 1992. Dende entón escribiu sobre a súa experiencia e sobre as probas ás que se someteu; as súas secuelas convertéronse nun caso amplamente citado sobre as probas de determinación de sexo así como sobre a vida privada das atletas.

Traxectoria Martínez Patiño participou na proba de 100 metros valos, no que o seu mellor tempo foi de 13,71 s (Madrid, 1983). A súa mellor marca nunha proba internacional foi de 13,78 s no Campionato Mundial de Atletismo de 1983 en Helsinqui.

Martínez Patiño é unha muller con cariotipo 46, XY que presenta síndrome de insensibilidade aos andróxenos (SIA). En 1983, pasou unha proba de sexo nos campionatos mundiais e recibiu un "certificado de feminidade". Porén, en 1985 a súa proba da cromatina sexual resultou negativa, e a consecuencia diso foille retirado o dereito a participar en probas de atletismo femininas. Esta proba practicóuselle durante a Universíada de Kobe, debido a que a atleta esquecera levar o resultado da proba que superara dous anos antes. Nesa época, a proba da cromatina sexual era o primeiro paso no proceso de verificación do sexo, e non pretendía ofrecer unha decisión final e definitiva, mais os responsables do Comité Olímpico Internacional e da IAAF, afirmando protexer a privacidade das atletas, aconsellaban as atletas simular unha lesión tras obter un resultado negativo no test de xeito que puidesen abandonar a competición de maneira discreta. Isto foi o que se lle aconsellou facer a Martínez Patiño, e ela obedeceu. Dous meses máis tarde, recibiu unha carta que a clasificaba como varón, citando o seu cariotipo 46,XY, malia que calquera vantaxe que puidese ter por iso estaba contrarrestada pola síndrome de insensibilidade aos andróxenos: "foi descalificada por unha vantaxe que non tiña".

En 1986, presentouse á carreira dos 60 metros valos no campionato de España, mais foi advertida de que ou abandonaba de xeito discreto ou sería denunciada publicamente. Competiu e gañou, mais foi duramente castigada na prensa española. Perdeu a súa bolsa e o seu aloxamento na residencia deportiva, ademais de pagar un prezo persoal ao perder a súa privacidade e romper co seu mozo. Continuou a loitar contra a súa expulsión, e en 1988 atopou un defensor no xenetista Albert de la Chapelle; recuperou a súa licenza internacional tres meses máis tarde. Tratou de clasificarse para os Xogos Olímpicos de 1992, pero non o conseguiu por unha décima de segundo.

En 2005, Martínez Patiño describiu a súa experiencia en Personal Account: A woman Tried and Tested, publicado por The Lancet.

En 2012, en Reexamining Rationales of 'Fairness': An Athlete and Insider's Perspective on the New Policies on Hyperandrogenism in Elite Female Athletes, publicado polo American Journal of Bioethics, analizou xunto con Hida Viloria as actuais técnicas de verificación de xénero no deporte.

Notas

Referencias

Véxase tamén Outros artigos Caster Semenya Santhi Soundarajan Ligazóns externas

Categoría:Nados en 1961 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Atletas de Galicia Categoría:Profesores da Universidade de Vigo Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes