Os quilópodos (Chilopoda) ou cempés son unha clase taxonómica de artrópodos do subfilo dos miriápodos. Son animais alongados metaméricos formados por moitos segmentos, cun par de patas por cada segmento corporal. Os cempés son moi velenosos e adoitan inxectar veleno paralizante. Malia o seu nome, teñen un número de patas variable segundo a especie, que vai de 30 a 354 e non hai ningún que teña xusto 100. O seu número de pares de patas sempre é impar (as patas totais son pares). Un trazo clave común ao grupo é ter na cabeza un par de "uñas" velenosas chamadas forcípulas, formadas a partir dos primeiros apéndices modificados. Son predominantemente carnívoros.
O seu tamaño vai desde poucos milímetros nos litobiomorfos e xeofilomorfos máis pequenos a uns 30 cm nos maiores escolopendromorfos. Poden encontrarse nunha ampla variedade de ambientes. Normalmente teñen unha coloración apagada na que se combinan tons marróns e vermellos. Os que son cavernícolas e subterráneos poden carecer de pigmentación, e moitos escolopendromorfos tropicais teñen cores rechamantes aposemáticas.
En todo o mundo estímase que hai unhas 8.000 especies, das cales só 3.000 foron xa descritas taxonomicamente. Os cempés teñen unha ampla distribución xeográfica, e mesmo se atopan alén do Círculo polar ártico. Viven en hábitats terrestres moi diversos, desde o bosque tropical a desertos. Neses hábitats os cempés necesitan un microhábitat húmido porque carecen da cutícula cerosa dos insectos e arácnidos, polo que poden perder auga rapidamente. En consecuencia, encóntranse en solos e na capa de follas caídas, baixo pedras e madeira morta e dentro de troncos. Os cempés están entre os maiores invertebrados terrestres predadores e adoitan contribuír significativamente á biomasa deste tipo de animais nos ecosistemas terrestres. Só unha especie, Scolopendra cataracta, é anfibia e crese que caza invertebrados acuáticos ou anfibios.
Descrición esquerda|miniatura|Parte ventral de Scolopendra cingulata mostrando as forcípulas. miniatura|esquerda|Detalle do par de patas traseiras parecidas a unha cola dun cempés.
Os cempés teñen unha cabeza aplanada arredondada, que leva un par de antenas na marxe anterior. Teñen un par de mandíbulas e dous pares de maxilas. O primeiro par de maxilas forma o beizo inferior, e leva un par de palpos curtos. O primeiro par de patas esténdese cara a adiante desde o corpo e cobre o resto da boca; estas patas reciben o nome de maxilípedos e acaban nunhas afiadas uñas (forcípulas) e teñen glándulas de veleno que o animal usa para matar ou paralizar as presas.
Moitas especies de cempés carecen de ollos, mais outras posúen un número variable de ocelos, que están ás veces agrupados xuntos para formar verdadeiros ollos compostos. Porén, estes ollos son só capaces de discernir entre luz e escuridade e non teñen unha verdadeira visión. Nalgunhas especies os apéndices do primeiro par no final da cabeza actúan como órganos sensoriais similares a antenas, pero, a diferenza das antenas da maioría dos animais, apuntan cara a atrás. Uns órganos pouco usuais que se encontran nalgúns grupos son os órganos de Tömösváry; estes órganos están localizados na base das antenas e consisten nunha estrutura discoidal cun poro central rodeado de células sensoriais. Úsanos probablemente para percibir vibracións e poden incluso servir para oír.
As forcípulas son unha característica exclusiva dos cempés, que non se encontra noutros artrópodos. As forcípulas son modificacións do primeiro par de patas, que forman un apéndice parecido a unha pinza sempre situado debaixo da cabeza. As forcípulas non son verdadeiras pezas bucais, aínda que as utilizan para capturar presas, inxectándolles veleno e agarrándoas. As glándulas velenosas verten por medio dun tubo que chega case á punta da forcípula.
Detrás da cabeza, o corpo consta de 15 ou máis segmentos. A maioría dos segmentos levan un só par de patas, e os maxilípedos proxéctanse cara a adiante desde o primeiro segmento corporal e os dous segmentos finais son pequenos e sen patas. Cada par de patas é lixeiramente máis longo que o par que está inmediatamente en fronte, o que asegura que non se solapen, reducindo así a posibilidade de que choquen cando o animal se move rapidamente. En casos extremos, o último par de patas pode ser o dobre de longo que o primeiro par. O segmento final leva un telson e inclúe as aberturas dos órganos reprodutores.
Na súa actividade predadora os cempés usan para localizar presas principalmente as súas antenas. O tracto dixestivo forma un só tubo, con glándulas dixestivas unidas ás pezas bucais. Os cempés respiran por medio dun sistema traqueal, tipicamente cunha soa abertura ou espiráculo en cada segmento corporal. Excretan residuos a través dun só par de túbulos de Malpighio.
Scolopendra gigantea, tamén chamado cempés xigante do Amazonas, é a especie máis grande existente, e chega aos 30 cm de lonxitude. Sábese que come arañas, lagartos, ras, aves, ratos e mesmo morcegos, capturándoos a medio voo..
Ciclo de vida miniatura|Un cempés protexendo a súa masa de ovos.
A reprodución do cempés non necesita copulación, xa que o macho deposita un espermatóforo que a femia recolle. Nun dos clados este espermatóforo deposítase nunha rede e o macho realiza unha danza de cortexo para animar á femia a captar o esperma. Noutros casos o macho simplemente deixa que a femia atope o espermatóforo. En áreas temperadas a posta de ovos ocorre en primavera e verán, pero nas áreas tropicais e subtropicais obsérvase pouca estacionalidade. Coñécense unhas poucas especies de cempés partenoxenéticos.
Os Lithobiomorpha e Scutigeromorpha poñen os seus ovos individualmente en buratos no solo, e a femia tapa os buratos con terra e follas. O número de ovos que poñen vai de 10 a 50. O tempo de desenvolvemento do embrión ata a eclosión e moi variable e pode ser desde un mes a uns poucos meses. O tempo que tardan en desenvolverse ata chegar ao período reprodutivo adulto é moi variable entre especies. Por exemplo, é de 3 anos en S. coleoptrata, mentres que baixo correctas condicións, os litobiomorfos poden madurar en só un ano. Ademais, os cempés teñen unha vida relativamente longa comparados con outros artrópodos como os insectos. Por exemplo, a especie europea Lithobius forficatus pode vivir 5 ou 6 anos, e a moi estendida Scolopendra subspinipes pode vivir 10 anos. A combinación de poñer un pequeno número de ovos, ter longos períodos de xestación e un longo tempo de desenvolvemento ata a reprodución fixo que algúns autores consideren que os litobiomorfos seguen a selección K.
As femias dos Geophilomorpha e Scolopendromorpha son con diferenza as que prestan máis coidados parentais. Depositan de 15 a 60 ovos nun niño feito no solo ou en madeira podre. A femia permanece cos ovos, vixiándoos e lambéndoos para protexelos dos fungos. A femia dalgunhas especies permanece coas crías despois da eclosión, vixiándoas ata que están listas para marchar pola súa conta. Se é molestada, a femia pode abandonar os ovos ou comelos; os ovos abandonados tenden a ser atacados polos fungos rapidamente. Algunhas especies de Scolopendromorpha son matrifáxicas, o que significa que as crías comen a súa nai.
Sábese pouco da historia vital dos Craterostigmomorpha.
Anamorfia e epimorfia
Aos cempés crécenlles as patas en diferentes momentos do seu desenvolvemento. Na condición máis primitiva, mostrada polos Lithobiomorpha, Scutigeromorpha e Craterostigmomorpha, o desenvolvemento é anamórfico: crecen máis pares de patas en cada muda. Por exemplo o cempés americano Scutigera coleoptrata sae do ovo con só catro pares de patas e en sucesivas mudas vai tendo 5, 7, 9, 11, 15, 15, 15 e 15 pares antes de chegar a ser un adulto sexualmente maduro. Os estadios da vida con menos de 15 pares de patas denomínanse estadios larvais (uns cinco estadios). Unha vez que teñen un complemento completo de patas, pasa polos estadios poslarvais (uns cinco estadios) desenvolvendo os gonópodos, poros sensoriais, máis segmentos antenais e máis ocelos. Todos os litobiomorfos maduros teñen 15 segmentos que levan patas.
Os Craterostigmomorpha só teñen unha fase de anamorfose, e os seus embrións teñen 12 pares de patas, e os que mudaron teñen 15.
O clado Epimorpha, que consta das ordes Geophilomorpha e Scolopendromorpha, mostra epimorfia: todos os pares de patas desenvólvense nos estadios embrionais e as crías non desenvolven máis patas entre as mudas. Este clado contén os cempés máis longos coñecidos; o máximo número de segmentos torácicos pode tamén variar intraespecificamente, a miúdo sobre unha base xeográfica; na maioría dos casos, as femias teñen máis patas que os machos. O número de segmentos que levan patas varía amplamente, desde 15 a 191, pero o modo de desenvolvemento da súa formación significa que sempre se engaden por pares, polo que o número de pares é sempre impar.
Ecoloxía miniatura|Un Coracias garrulus comendo un cempés. miniatura|Cempés sobre a vexetación en Agumbe, Karnataka, India.
Os cempés son predominantemente nocturnos. Os estudos do seu ritmo de actividade confírmano, pero fixéronse algunhas observacións de cempés activos durante o día, e unha especie, Strigamia chinophila, é diúrna. Os cempés son predadores predominantemente xeneralistas, o que sigifica que están adaptados a comer presas de diversos tipos dispoñibles. O exame dos contidos do tubo dixestivo dun cempés indica que o material vexetal non é unha parte importante da súa dieta, aínda que se observou que os cempés comen materia vexetal cando están esfameados durante os experimentos de laboratorio.
O que comen exactamente os cempés non se sabe con certeza debido ao seu estilo de vida críptico e á concienciuda mastigación do alimento. Os ensaios de alimentación en laboratorio apoian que se alimentan como xeneralistas, tomando case calquera cousa de corpo brando e dun tamaño axeitado. As miñocas poden supoñer a parte principal das dietas dos xeofilomorfos, xa que se enterran no solo e os corpos das miñocas son facilmente perforados polas súas forcípulas velenosas. Os xeofilomorfos probablemente non poden someter miñocas maiores que eles mesmos, polo que as miñocas máis pequenas poden constituír unha porción substancial das súas dietas.
Os escolopendromorfos, ao seren meirandes, poden alimentarse de vertebrados, ademais de comer invertebrados. Foron observados comendo réptiles, anfibios, pequenos mamíferos, morcegos e aves. Os colémbolos poden constituír gran parte da dieta dos litobiomorfos. Sábese pouco sobre as dietas dos escutixeromorfos ou dos craterostigmomofos. Todos os cempés son predadores intragremiais potenciais. Os cempés e as arañas poden con frecuencia comerse entre si.
Moitos animais máis grandes son predadores dos cempés, como as mangostas, ratos, píntegas, escaravellos e serpes. Son un importante elemento da dieta de moitas especies e a dieta básica dalgunhas, como a formiga africana Amblyopone pluto, que só se alimenta de cempés xeofilomorfos, e da serpe surafricana Aparallactus capensis.
Entre as defensas dos cempés están a súa velocidade e as forcípulas velenosas, e tamén as secrecións de compostos químicos defensivos. Os cempés xeofilomorfos poden segregar substancias pegañosas que xeran cianuro de hidróxeno e ácido benzoico tóxicos desde glándulas microscópicas situadas nas súas partes laterais. Igualmente, os litobiomorfos segregan unha substancia pegañosa das glándulas das patas dos dous últimos pares traseiros.