Os trogónidos (Trogonidae) son un grupo de aves chamadas xeralmente trogons e quetzais que constitúen a única familia da orde Trogoniformes. A familia contén 39 especies en sete xéneros. O rexistro fósil dos trogoniformes remóntase a hai 49 millóns de anos no Eoceno temperán. Poderían formar parte da radiación basal da orde Coraciiformes ou estar estreitamente relacionados cos Coliiformes e Strigiformes. O termo Trogonidae procede da palabra grega trogon que significa 'amordicar, dar mordedelas' e refírese a que estas aves fan buratos co bico nas árbores para facer os seus niños.
Viven en bosques tropicais de todo o mundo. A maior biodiversidade dáse nos Neotrópicos, onde viven catro xéneros con 24 especies, que son: Priotelus, Trogon (ambos son os trogons de América), Euptilotis e Pharomachus (ambos son son os quetzais de América). O xénero Apaloderma comprende as tres especies africanas. Os xéneros Harpactes e Apalharpactes comprenden 12 especies do sueste de Asia..
Aliméntanse de insectos e froita e os seus anchos peteiros e febles patas indican a súa dieta e hábitos arbóreos. Aínda que o seu voo é rápido, gústalles pouco voar. Xeralmente non son paxaros migratorios, aínda que algunhas especies realizan algúns movementos locais. Teñen plumas suaves, xeralmente moi coloridas cun plumaxe distinta en machos e femias. Son o único tipo de animal con heterodactilia nas dedas. Aniñan en ocos que escavan nas árbores ou niños de térmites e poñen de 2 a 4 ovos brancos ou de cor pastel.
Evolución e taxonomía miniatura|esquerda|upright|Fósil de Masillatrogon atopado en Messel, Alemaña.
A posición dos trogónidos na clase Aves foi durante moito tempo un misterio.Collar, N.J. (2001). "Family Trogonidae (Trogons)", pp. 80–129 in del Hoyo, J.; Elliot, A. & Sargatal, J. (eds.). (2001) Handbook of the Birds of the World, Vol. 6 Mousebirds to Hornbills. Lynx Edicions, Barcelona, Spain. ISBN 84-87334-30-X Suxeríronse para eles diversas relacións, como cos papagaios, cucos, tucanos, galbúlidos, buccónidos, coracíidos, bufos e caprimúlxidos. As probas morfolóxicas e moleculares máis recentes suxiren unha relación cos Coliiformes. O seu tipo exclusivo de disposición das dedas (ver morfoloxía e voo) fixo que moitos autores consideren que non teñen parentes próximos e sitúanos na súa propia orde, posiblemente cos tamén atípicos de maneira similar Coliiformes como grupo máis achegado.
O espécime fósil máis antigo descrito formalmente é un cranio da formación Fur do Eoceno inferior de Dinamarca de hai 54 millóns de anos. Outros fósiles de trogoniformes atopáronse nos depósitos do pozo de Messel do Eoceno medio de Alemaña de hai 49 millóns de anos, e en depósitos do Oligoceno e Mioceno de Suíza e Francia respectivamente. O fósil de trogónido máis antigo do Novo Mundo é de época relativamente recente, do Plistoceno (menos de 2,588 millóns de anos).
A familia pensábase que se orixinara no Vello Mundo malia que a riqueza actual da familia se dá no Neotrópico (América). As probas de ADN parecían apoiar unha orixe africana dos trogónidos, sendo o xénero africano Apaloderma basal na familia, mentres que as outras dúas liñaxes, de Asia e América, se separarían hai entre 20 e 36 millóns de anos. Porén, estudos máis recentes mostran que as evidencias de ADN dan resultados contraditorios en canto ás relacións filoxenéticas basais, polo cal actualmente non se sabe con certeza se todos os trogónidos existentes descenden dun antepasado africano ou americano.
Os trogons divídense en tres subfamilias, cada unha das cales reflicte a súa división xeográfica. Aplodermatinae é a subfamilia africana e comprende o único xénero Apaloderma. Harpactinae é a subfamilia asiática e comprende dous xéneros, Harpactes e Apalharpactes (este último, consta de dúas especies de Xava e Sumatra e só recentemente foi aceptado como xénero separado de Harpactes). A restante subfamilia é a dos Trogoninae neotropicais americanos, que comprende os restantes catro xéneros, Trogon, Priotelus, Pharomachrus e Euptilotis. miniatura|Tendóns do pé mostrando a disposición das dedas cunha segunda deda revertida. O tendón plantar da parte frontal (flexor perforans digitorum) divídese en dúas seccións e entra na parte frontal das dedas, mentres que o tendón plantar posterior (flexor longus hallucis) divídese en entra nas dedas posteriores. As dúas especies caribeñas de Priotelus eran formalmente diferentes ata hai pouco (Temnotrogon na Española), e son extremadamente antigas. Os dous xéneros de quetzais, Pharomachrus e Euptilotis, derivan posiblemente do xénero final e máis numeroso de trogons dos Neotrópicos, Trogon. Un estudo de 2008 da xenética de Trogon suxeriu que o xénero se orixinara en América Central e radiou a Suramérica despois da formación do istmo de Panamá (como parte do grande intercambio americano de fauna), o que faría que os trogons fosen relativamente uns acabados de chegar a Suramérica.
Distribución e hábitat miniatura|esquerda|O Priotelus temnurus é unha das dúas especies restrinxidas ás illas do Caribe.
A maioría dos trogónidos son aves de bosques tropicais e subtropicais. Teñen unha distribución cosmopolita nas partes tropicais húmidas do mundo nas Américas, África e Asia. Unhas poucas especies están distribuídas en zonas temperadas, e unha especie, o Trogon elegans, chega ao sur dos Estados Unidos concretamente no sur de Arizona e áreas lindantes. O Apaloderma narina de África é algo excepcional porque vive nunha maior variedade de hábitats que calquera outro trogon, que vai desde bosques densos a sabanas bastante abertas e desde o ecuador ao sur de Suráfrica. É o máis espallado e próspero de todos os trogónidos. O Euptilotis neoxenus de México pode tamén vivir en hábitats xéricos, pero preferentemente habita en bosques. A maioría das demais especies viven en hábitats máis restrinxidos, con varias especies que están restrinxidas só a bosques primarios non alterados. Dentro dos bosques adoitan encontrarse a media altura nas árbores ou ás veces nas copas.
Algunhas especies, especialmente os quetzais, están adaptadas a bosques de montaña máis fríos. Hai varias especies de illas; entre as cales varias especies se encontran nas illas da Sonda maiores, unha especie en Filipinas e dous xéneros monofiléticos endémicos de Cuba e a Española respectivamente. Porén, fóra do sur de Asia e o Caribe, os trogons están xeralmente ausente das illas, especialmente das oceánicas.
Os trogónidos son xeralmente sedentarios, e non se coñece ningunha especie que realice migracións longas. Un pequeno número de especies fan pequenos movementos migratorios, particularmente especies montanas, que se moven cara a baixas altitudes en diferentes estacións. Isto foi demostrado usando rastreo por radio no Pharomachrus mocinno en Costa Rica e acumuláronse probas para outras especies. O Apaloderma narina de África realiza migracións localizadas a curta distancia a certas zonas da súa área, por exemplo, as aves da sabana da meseta de Zimbabwe migran despois da tempada reprodutora. Pero aínda non hai coñecementos suficientes para ter unha imaxe completa destes movementos. Os trogónidos son difíciles de estudar e incluso os seus grosos tarsos dos pés dificultan os estudos mediante anelado.
Morfoloxía e voo miniatura|Un par de Harpactes duvaucelii, mostrando o seu dimorfismo sexual na plmaxe. A femia está á esquerda, o macho á dereita.
Os trogónidos son unha familia de aspecto bastante uniforme, con corpos compactos e longas colas (moi longas no caso dos quetzais) e curtos pescozos. O seu tamaño vai de 23 cm e 40 gramos do Harpactes duvaucelii aos 40 cm e 210 gramos do Pharomachrus mocinno (non se inclúen as longas plumas temoneiras de 0,91 m do macho). As súas patas e pés son débiles e curtos e os trogónidos son practicamente incapaces de camiñar moito máis que uns poucos pasos ocasionais por unha póla. Son incluso incapaces de dar media volta nunha póla sen usar as ás. A proporción de músculo das patas con respecto ao peso corporal nos trogónidos é de só o 3 por cento, a menor proporción coñecida en calquera ave. A disposición dos dedos dos pés dos trogónidos é algo único entre as aves, e aínda que basicamente lembran a disposición cigodáctila de dous dedos cara a adiante e dous cara a atrás que presentan os papagaios e outros case-paserinos, as súas dedas en realidade están dispostas xeralmente de modo que o polgar interno é a deda traseira externa, unha disposición que se denomina heterodáctila. O seu forte bico é curto e poden abrilo moito, especialmente nos quetzais comedores de froitos, e ten un lixeiro gancho na punta. Hai tamén unha amosega no extremo do bico e moitas especies teñen lixeiramente aserradas as mandíbulas. A pel é exceptionalmente mol, o que fai a preparación de espécimes disecados para museos moi difícil. Os ósos do esqueleto dos trogónidos son sorprendentemente finos, especialmente os cranios, que son moi delgados. A plumaxe de moitas especies é iridescente, aínda que na maioría das especies de Asia non o é. Os trogónidos africanos son xeralmente verdes no dorso e vermellos na parte ventral. Os trogónidos do Novo Mundo teñen igualmente partes superiores verdes ou azuis escuras, pero son máis variados nas partes inferiores. As especies asiáticas tenden a ter partes ventrais vermellas e dorsos pardos. miniatura|esquerda|Cranio dun trogónido que mostra a presenza dun proceso basipterigoide (bpg.p.) e un padal esquizognato. As ás son curtas pero fortes, cunha proporción de músculo das ás de arredor do 22% do peso corporal. A pesar da forza do seu voo, os trogónidos non voan a grandes distancias, senón que xeralmente voan como máximo uns poucos centos de metros seguidos. Só as especies de montaña adoitan facer voos de longa distancia. Os voos máis curtos adoitan ser directos e veloces, pero os voos longos son algo ondulantes. O seu voo pode ser sorprendentemente silencioso (para os observadores), aínda que unhas poucas especies son bastante ruidosas.
Chamadas As chamadas dos trogónidos son xeralmente altas e pouco complexas, xa que consisten en ouleos monosilábicos e asubíos emitidos seguindo diversos patróns e secuencias. As chamadas dos quetzais e os dous xéneros caribeños son os máis complexos. Entre os xéneros asiáticos os trogon de Sumatra (Apalharpactes) teñen as chamadas máis atípicas de toda a familia, pero as investigacións non estableceron aínda se o trogon moi emparentado de Xava ten unha chamada similar. As chamadas do outro xénero asiático, Harpactes, son notablemente uniformes. Ademais das chamadas territoriais e de apareamento que emiten os machos e femias durante a estación reprodutora, os trogónidos teñen chamadas de agresión entre machos en competencia e chamadas de alarma.
Comportamento Os trogónidos son xeralmente inactivos agás os seus infrecuentes voos para procurar alimento. Entre os observadores de aves e biólogos indicouse que "á parte da súa gran beleza son notorios ... pola súa falta doutras cualidades inmediatamente engaiolantes". A súa falta de actividade é posiblemente unha defensa contra a predación; os trogónidos de todos os continentes móvense nas pólas das árbores para manter sempre os seus dorsos de cores menos brillantes xirados cara aos observadores, mentres que as súas cabezas, que igual que as dos bufos poden xirar 180º, mantéñenas fitando ao observador. Os trogónidos son depredados por falcóns e mamíferos predadores; por exemplo, un informe indicou que un Pharomachrus mocinno foi capturado mentres chocaba os ovos por un Leopardus wiedii.
Dieta e alimentación