As Xornadas do Cine en Ourense foron uns festivais de cine e ao mesmo tempo un concurso de curtametraxes celebrados anualmente na cidade de Ourense entre 1973 e 1978, organizadas por Luís Álvarez Pousa e José Paz Rodríguez, cuxo principal obxectivo foi a promoción do cine galego. Estaban divididas en dous bloques principais: o bloque de proxección das películas e o bloque das conferencias e mesas redondas. En ambas partes tratáronse temas novos daquela época como, por exemplo, aqueles relacionados coa identidade galega. Porén, a falla de apoio económico (estas xornadas foron impulsadas principalmente por dúas agrupacións independentes o Cineclube Padre Feijoo e a Agrupación Cultural Auriense), só se puideron celebrar seis edicións.
Contexto histórico O século XX supón para Galiza un gran cambio na súa cultura tradicional, que nos seus inicios era agraria, mais neste século transformase nunha cultura máis urbana, como na Galicia actual. O mesmo acontece coa política da época, que experimenta unha transformación notoria coa chegada da ditadura e da Guerra Civil (1936-1939); é tanto o impacto, que até a lingua galega, a cal estaba no seu mellor momento, viuse afectada; xa que, o Estatuto de Autonomía proposto por Castelao non foi revisado até o ano 1938, a causa da Guerra, e tampouco foi aceptado. A vitoria do franquismo supuxo a chegada dunha ditadura cruenta na que só se permitía o uso do castelán, e o galego, unicamente, se puido impulsar desde o exilio.
Orixe das Xornadas A orixe das Xornadas sitúase na creación do Cineclube Padre Feijoo nos anos 1970-1971, un organismo que pronto desbordará os límites da proxección de películas e no centro de reunión para cinéfilos; así transfórmase no punto de dinamización cultural da cidade. Un movemento que non pasou desapercibido por Lois Álvarez Pousa, en este momento estudante de Ciencias da Información en Madrid, que considerou a posibilidade de organizar unha semana cinematográfica en Ourense. José Paz, membro da directiva do Padre Feijoo, aliouse a esta idea e se encargou de impulsar as Xornadas, que ao principio recibiron o nome de I Semán do Cine en Orense e o ano seguinte -xa galeguizando o título- pasouse a denominar Xornadas do Cine en Ourense. Reorientación que nos indica as convulsións socio-políticas daqueles anos, os últimos do franquismo e a transición á democracia. Para concluír, as Xornadas vanse publicando nun libro para manter a historia galega e para que as recorden como motivo de expansión da propia cultura pola península.
Organizadores
Luís Álvarez Pousa Este intelectual é de Vila de Rei, Trasmiras, que queda moi preto de Xinzo de Limia (Ourense). Naceu o 8 marzo de 1948. Estudou Filosofía, teoloxía e é doutor en Ciencias da Información.
Ademais, foi delegado de La Voz de Galicia en Santiago, director Xeral de Cultura da Xunta. A relación que ten coas Xornada do Cine é que foi coordinador xeral das Xornadas de cine en Ourense entre 1973 a 1978, contribuíu a impulsar a recuperación do cine galego.
José Paz Rodríguez Foi unha figura moi importante na cinematografía galega, xunto con Luís Álvarez Pousa e impulsor das Xornadas de Cine de Ourense.
José Paz Rodríguez, naceu en Piñor de Cea en Ourense. É pedagogo e profesor da Escola Universitaria E.X.B. de Ourense. Ingresa no cineclube Padre Feijoo en 1972. Vocal da Federación Española de cineclubs e organizador das Xornadas de Cine Psicopedagóxico.
Lugar Ourense é unha cidade galega con moita historia literaria e cultural, sobre todo, nos anos finais do século XIX até a Guerra Civil tivo un papel moi importante en Galiza neste ámbito; a razón de que Ourense tivera tanto éxito no campo literario (mesmo artístico e musical) é que no primeiro terzo do século XX o territorio estaba cheo de escritores; moitos deles da mesma xeración, que van desde Valentín Lamas Carvajal e Manuel Curros Enríquez até Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Eduardo Blanco Amor. Toda unha sucesión de olladas sobre unha poboación e un mundo urbano, cheo de figuras singulares, mais tamén repleto de iniciativas colectivas, de centros recreativos modélicos e de medios de comunicación modernos e comprometidos coa cultura de Galiza expresada en lingua galega.
Por todo isto e tamén porque se precisaba un lugar de coincidencia común, escolleuse Ourense.
Colaboradores
Cineclube Padre Feijoo A principios do ano 1970-71 naceu, como actividade cultural dentro da Escola de Maxisterio de Ourense, o cineclube Padre Feijoo, herdeiro da tradición cineclubista da cidade que durante os sesenta foi representada polos cineclubs Ourense, Miño e Alianza Francesa (AFO).
Nos setenta foi un dos que contribuíron ao xurdimento e desenvolvemento das Xornadas do Cine en Ourense, que no ano 1973 era I Semán do Cine en Orense, nos seguintes anos foron denominadas Xornadas do cine en Ourense e pasaron a chamarse no ano 1978 Xornadas do Cine das Nacionalidades e Rexións, facendo máis popular o cinema galego entre os das outras comunidades históricas do Estado.
O Padre Feijoo é un dos cineclubs máis activos e antigos de Galiza. Aínda que non ten local propio, mantén unha ampla actividade.
Agrupación Cultural Auriense A Agrupación Cultural Auriense naceu no ano 1967 para impulsar a cultura de Galiza. Antes de que a Agrupación Cultural Auriense vise a luz, outras asociacións tiñan creado un camiño na procura da normalización cultural e lingüística do noso País: Agrupación Cultural O Galo, Agrupación Cultural O Facho, Asociación Cultural de Vigo e o Clube Cultural Valle Inclán. (mais era a única relacionada coas xornadas)
Esta andaina tivo como precursores a un grupo de vellos galeguistas que se xuntaban no Café do Miño e a un grupo de mozos, estudantes de maxisterio, os do Café Coralín: Xesús Ferro Couselo, Ramón Otero Pedrayo, Bieito Fernández Álvarez, Antón Fernández Sánchez, Carlos Guitián, Nemesio Barxa Álvarez, Pedro Merino Gómez, entre outros.
Comezaron a participar en festas e en tradicións populares (magostos, entroido ou a noite de San Xoán), reivindicaron a necesaria normalización lingüística (participación nas campañas do idioma organizadas pola AN-PG e Carreiras polo idioma "360 e cinco días de letras galegas"), crearon e colaboraron nos concursos literarios (destácanse as "Xornadas de narracións infantís" e o concurso de poesía "Ramón Cabanillas”), exposicións, cursos de música e baile, nas xornadas de cinema de Ourense, concertos, teatro. Con estas participacións quixeron contribuír á dignificación cultural de Galiza.
Carlos Velo Cobelas Carlos Velo naceu en Cartelle (Ourense) no ano 1909 un 15 de novembro e morreu en México o 1 de marzo de 1988. A súa influencia no cine galego é indispensábel non nomealo, a súa película Galicia (1935) será un dos referentes omnipresentes na imaxe galega. Estudio Bioloxía en Madrid onde fundou o cineclub da FUE (Federación Universitaria Escolar), un dos primeiros cineclubs do Estado Español. Xunto con Fernando G. Mantilla, representa o mellor documental feito en España antes da Guerra Civil: La ciudad y el campo (1934), Almadrabas (1935). Despois da Guerra Civil emigra a México onde traballa con Luís Buñuel e Luis Alcoriza, desenvolvendo un importante papel no cine mexicano. Nacionalista visceral, realizou un importante papel na cultura galega da emigración a través de revistas e emisións radiofónicas. Na posguerra visitou Galiza en tres ocasións: en 1976 co galo das V Xornadas de Cine en Ourense, en 1984 o serlle concedido o Premio Mestre Mateo, pola Xunta de Galicia e, por último, en 1985 na homenaxe que lle fixeron nas Xornadas de Cine e Vídeo de Galiza en Carballiño.
Filmografía (relacionada con Galiza):
- Guion e dirección:Galicia (1935), Saudade (1936, Santiago de Compostela)
- Guion non realizado: Galicia, Paisaxe de sangue
Xornadas realizadas I Semán do Cine de Orense (1973)
Entre os días 8 e 13 de xaneiro de 1973 organizouse a I Semán do Cine en Ourense. Este evento levouse a cabo grazas ao apoio do Cineclube Padre Feijoo e á coordinación de Luís Álvarez Pousa, José Paz Rodríguez, Norberto Alcover, Emilio Losada e Alfonso Sánchez Izquierdo. Nela non só se proxectaron filmes e curtametraxes, senón que tamén houbo espazo para conferencias e coloquios. A temática central destas Xornadas e das vindeiras xiraron en torno as palabras de Xosé Luís López Cid na presentación da I Semán do Cine de Orense:Ya es alentador que se hable de nuestro cine inexistente, de nuestros directores alienados, de lo que podría filmarse, de lo que ya se filma, de planteamientos para un futuro. EL CINE GALLEGO ES LA CONCIENCIA DE SU NADA: YA ES ALGO. (Xosé Luís López Cid, programa da I Semán do Cine de Orense).Esta cita de Xosé Luís López Cid reivindicaban a importancia do cine galego e como promovelo, cuestión que tivo unha gran resonancia no apartado de conferencias. Os conferenciantes foron os seguintes: Ezequiel Méndez (Postulados para un cine galego), Pedro Miguel Lamet (La vinculación a la realidad como condición de un cine humanamente válido), Fernando Lara (Cine español: la evasión de la realidad) e Luís Urbez (El hombre y su tierra, lugar genético del lenguaje cinematográfico).
No programa de proxeccións o Equipo Lupa presentou as seguintes curtametraxes: Catro por Catro, Mesturanza, Holocausto e A procesión das mortaxas.
II Xornadas do Cine de Ourense (1974)
No ano 1974 leváronse a cabo dous eventos onde as Xornadas estiveron presentes: un deles foi o festival de cine celebrado entre os días 9 e 19 de xaneiro e o outro un curso de cine no mes de abril.
Nestas Xornadas (organizadas por Luís Álvarez Pousa, José Paz Rodríguez, Norberto Alcover, Emilio Losada e Alfonso Sánchez Izquierdo) houbo un menor número de curtametraxes (só dúas): A morte do mariscal de Enrique Rodríguez Baixeras e O Corpiño do Equipo Lupa. Non obstante, este déficit compensouse cun maior número de conferencias e táboas redondas.
As conferencias trataron da posibilidade de proxección do cine galego a outras zonas de fala lusófona, moi acorde co lema das Xornadas: “Pobo e cine”. Os conferenciantes foron os seguintes: Luís Urbez (La presencia del pueblo en la historia del cine), Pedro Miguel Lamet (El pueblo desde las diferencias estéticas cinematográficas), Ángel Pérez Gómez (La ausencia del pueblo en el cine contemporáneo), Fernando Lara (El pueblo en el cine español), Miguel Porter Moix (La experiencia del cine catalán) e Ramón Piñeiro (As posibilidades do cine galego no momento actual da nosa cultura).
Con relación as mesas redondas, cabe destacar a que levaba por título As posibilidades dun cine galego – camiños a seguir. Nela os participantes Euloxio Rodríguez Ruibal (equipo LUPA de Santiago), o director ourensán Antonio Román (Tony Román), Juan Antonio Porto (guionista), Xavier Iglesias (equipo ENROBA de A Coruña), Ramón Piñeiro (escritor), e o produtor Ismael González chegaron á conclusión: intentar profesionalizar o cine galego.
Para finalizar, o curso organizado do 8 ao 14 de abril polas Xornadas do Cine e patrocinado pola Agrupación Cultural Auriense foi un punto de apoio para o nacemento do cine galego. Este curso foi impartido por José Mª Nunes (realizador), Juan Antonio Porto (guionista), Enrique Banet (cámara e fotografía) e Díaz Noriega (cine afeccionado).
III Xornadas do Cine en Ourense (1975)