María Xosé Bravo San José, nada no Bolo en 1957, é unha educadora e política galega.
Traxectoria
Profesional Bravo leva unha carreira de máis de tres décadas dedicada ao Ensino, ao que volveu logo do seu paso pola Corporación Municipal da Coruña. Foi mestra no Centro Público Integrado de Carral e logo orientadora no IES de Zalaeta coruñés.
Foi presidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda entre 2017 e 2025. Actualmente é tesoureira da entidade.
Política Foi Secretaria de Comunicación dentro da Executiva do BNG que se formou logo da XII Asemblea Nacional en decembro de 2006. Após as eleccións municipais de 2007 entrou a formar parte do Goberno Municipal bipartito da Coruña como concelleira de Cultura e Museos.
En 2010 autodescartouse como cabeza de lista polo BNG para as eleccións municipais de 2011 no medio da batalla política que tiña lugar entre as correntes daquela existentes na formación nacionalista. En 2011, por mor da vitoria por maioría absoluta do Partido Popular na cidade herculina, pasou ás bancadas da oposición.
Os malos resultados colleitados nas eleccións municipais de 2015, ás que acudira como segunda nunha lista que volvía liderar Xosé Manuel Carril, provocaron a súa renuncia á primeira liña na política municipal. Nas eleccións xerais de 2019 figurou como número 2 na lista ao Congreso pola Coruña. Foi parte do Consello Local do BNG ata decembro de 2021.
Notas
Categoría:Concelleiros de Galicia polo BNG Categoría:Concelleiros de Galicia durante a democracia Categoría:Concelleiros da Coruña Categoría:Corporación Municipal da Coruña 2007-2011 Categoría:Corporación Municipal da Coruña 2011-2015 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Nados en 1957 Categoría:Nados no Bolo