Soiuz 26 foi unha misión espacial tripulada soviética lanzada o 10 de decembro de 1977 mediante un foguete Soiuz U desde o cosmódromo de Baikonur.
Características Soiuz 26, unha Soiuz modelo 7K-T cos cosmonautas Iuri Romanenko e Georgi Grechko a bordo, foi lanzada para acoplarse coa estación espacial Saliut 6. A diferenza da Soiuz 25, a Soiuz 26 acoplouse completamente coa estación ao usar o segundo porto dispoñible e os cosmonautas puideron pasar ao seu interior. Pasaron un total de 96 días a bordo, marcando un récord no seu momento. As súas tarefas consistiron en facer diversas probas coa estación, así como experimentos e un paseo espacial (o primeiro desde unha estación Saliut, o 20 de decembro) para inspeccionar o porto de atraque ao que a Soiuz 25 se acoplou defectuosamente, determinando que o porto da estación estaba ben e o fallo estaba na Soiuz . Durante a súa estancia tivo lugar o primeiro avituallamento en órbita: a primeira nave Progress acoplouse á estación o 22 de febreiro, levando a bordo subministracións e propelente.
A Saliut 6 coa Soiuz 26 acoplada foi tamén a primeira estación que recibiu unha tripulación visitante, a Soiuz 27, que atracou no porto libre o 10 de xaneiro de 1978. Así, durante cinco días, a estación estivo ocupada coas dúas Soiuz e cos catro cosmonautas a bordo, que se adicaron a facer probas e experimentos nalgúns casos dirixidos a comprobar o comportamento da estrutura formada polas tres naves e a súa resposta a perturbacións e resonancias. A tripulación visitante (Oleg Makarov e Vladimir Dzhanibekov) regresou a terra na Soiuz 26, deixando a máis nova Soiuz 27 para a tripulación de longa duración. O 3 de marzo de 1978 a Saliut 6 recibiría unha nova nave tripulada, a Soiuz 28, coa primeira misión Interkosmos a bordo.
A Soiuz 26 volveu a terra o 16 de xaneiro de 1978 ás 11:25 GMT, con Dzhanibekov e Makarov a bordo.
Véxase tamén
Outros artigos Soiuz U Soiuz 25 Soiuz 27 Soiuz 28 Saliut 6
Notas
Categoría:Programa Soiuz