Trota de Salerno nada en Salerno e que viviu ao longo do século XII, foi unha doutora italiana que escribiu varios traballos influentes de medicina feminina, sendo o máis importante deles Passionibus mulierum curandorum, tamén coñecido como Trotula major.

Traxectoria Pouco se sabe acerca da vida de Trota. Pénsase que foi profesora de medicina da Escola Médica Salernitana (que foi o primeiro centro médico sen conexión coa igrexa e é considerada por algúns autores como a primeira universidade europea) que aceptaba mulleres como profesoras e alumnas. Os seus libros céntranse nos problemas médicos das mulleres, incluíndo a menstruación e o parto. Os seus escritos reflectiron ideas moi avanzadas para o seu tempo: un exemplo é o seu apoio a que se lles subministrasen opiáceos ás mulleres durante o parto para mitigar a dor, unha práctica que entón era perseguida polas autoridades. Tamén afirmaba que os impedimentos á concepción podían ser debidos tanto ás mulleres como aos homes, en claro contraste coa arraigada crenza de que a esterilidade dunha parella sempre era debida á muller. Por outro lado, o seu traballo tamén estaba influído polas ideas da súa época: sostiña que ―a causa do pecado orixinal provocado por Eva―, as mulleres eran por natureza máis susceptíbeis de enfermar, e por iso precisaban dunha maior atención médica.

miniatura|Ilustración do manuscrito Passionibus mulierum, de Trota.

A primeira das súas obras, e máis coñecida é un tratado de xinecoloxía e obstetricia, Trotulae curandarum aegritúdinum mulierorium ante et post partum, máis coñecido como Passiónibus mulierum curandorum (‘curación das doenzas das mulleres’), de sesenta capítulos, no que se trata a menstruación, a concepción, o embarazo, o parto, o control da natalidade, ademais de diversas enfermidades xinecolóxicas e doutro tipo, así como dos seus remedios. Tamén se coñece este tratado como Trotula maior ou simplemente como o Trótula e usouse como texto obrigatorio de medicina nas universidades até o século XVI, sufrindo multitude de plaxios ao longo dos séculos. A outra obra é un tratado sobre a cosmética, así como do coidado da pel e a hixiene como prevención de enfermidades chamada Ornatu mulierum, tamén coñecida como Trótula minor.Cavallo, P. (2008): «The first cosmetic treatise of History. A female point of view», artigo en International Journal of Cosmetic Science, PMID 18377616 .

miniatura|O tratado De ornatu mulierum.

Aínda que se pensa que morreu anciá na súa cidade natal, nada se coñece con exactitude acerca da morte de Trota. A creación das universidades desde o século XII, onde só se permitían estudantes masculinos, excluíu as mulleres da educación superior e os mestres universitarios procuraron minimizar os traballos ou incluso ignorar a existencia destas médicas pioneiras anteriores, que chegaron a exercer un traballo logo reservado en exclusiva aos homes até finais do século XIX. Algúns estudosos chegaron a dubidar de que fose unha muller, e outros até mantiveron a opinión de que era un personaxe ficticio, polo que desde o século XV as súas obras se adoitaban atribuír a un varón, masculinizando o seu nome a Trótulo (Trotulus).

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Efecto Matilda

Categoría:Médicos de Italia Categoría:Nados en Salerno Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Finados en 1097 Categoría:Xinecólogos