Leelah Alcorn, nada o 15 de novembro de 1997 en Kings Mills (Ohio) e finada o 28 de decembro de 2014, foi unha rapaza transxénero estadounidense cuxo suicidio atraeu a atención dos medios nacionais e internacionais. Alcorn publicara unha nota de suicidio no seu blog de Tumblr, escribindo sobre estándares sociais relacionados coas persoas transxénero e expresando esperanza en que a súa morte crearía un diálogo sobre a discriminación, abuso e falta de apoio para as persoas transxénero.
Asignada ó xénero de varón no seu nacemento como Joshua Alcorn, criouse en Ohio no seo dunha familia afiliada co movemento da Igrexas de Cristo. Ós 14 anos de idade indicoulle a súa condición de transxénero ós seus pais, Carla e Doug Alcorn, que rexeitaron aceptar a súa identidade de xénero feminina. Ós 16 anos de idade denegáronlle a súa petición de someterse a terapia de reasignación sexual, someténdoa no seu lugar a unha terapia de conversión cristiá coa intención de convencela de que rexeitase a súa identidade de xénero e aceptase o xénero que lle asignaran ó nacer. Tras revelarlles ós seus compañeiros de clase que lle atraían os varóns, os seus pais sacárona da escola e prohibíronlle o acceso ás redes sociais. Na súa nota de suicidio Alcorn citou a soidade e a alienación como motivos chave da súa decisión de poñer fin a súa vida e culpou ós seus pais por causar estes sentimentos. Alcorn suicidouse poñéndose fronte o tráfico que circulaba pola Interestatal 71 á altura de Lebanon, Ohio.
Alcorn dispuxo a publicación en liña da súa nota de suicidio varias horas despois da súa morte, atraendo en pouco tempo a atención internacional dos medios e redes sociais. Varios activistas LGTB reclamaron atención para o suceso cualificándoo como unha proba dos problemas sufridos pola xuventude transxénero, mentres que nos Estados Unidos e no Reino Unido celebráronse vixilias na súa memoria. Os pais de Alcorn foron criticados por referirse a Leelah como varón en varias entrevistas realizadas cos medios de comunicación, defendendo o seu rexeitamento a aceptar a identidade sexual do seu fillo e o uso da terapia de conversión como referencia ós seus valores cristiáns. Foron acosados en liña en varias redes sociais, mentres que o activista polos dereitos LGTB Dan Savage culpounos directamente da morte de Leelah. Pouco despois do seu suicidio comezou unha campaña de peticións para o establecemento da chamada "Lei de Leelah", a prohibición da terapia de conversión nos Estados Unidos, apoiada polo entón presidente do país Barack Obama. Ó ano seguinte a cidade de Cincinnati aprobou unha lei para a ilegalización da terapia de conversión.
Traxectoria Asignada ó xénero de varón no seu nacemento, o nome que lle deron seus pais foi Joshua Ryan Alcorn. Eventualmente rexeitaría este nome, asinando na súa nota de suicidio como "(Leelah) Josh Alcorn". Tiña varios irmáns, e segundo a súa propia descrición criouse nun ambiente cristián conservador. A súa familia era membro da Igrexa Nordeste de Cristo de Cincinnati, aparecendo nun perfil desa igrexa publicado nun artigo de 2011 do xornal relixioso The Christian Chronicle. A data de 2014 vivía xunto a súa familia en Kings Mills, Ohio.
Segundo a súa nota de suicidio Alcorn sentírase "como unha rapaza atrapada nun corpo dun rapaz" dende que tiña catro anos, e pasou a identificarse como unha rapaza transxénero dende os 14 anos de idade, cando aprendeu a existencia deste termo. Segundo a súa nota informou de inmediato a súa nai, quen reaccionou de forma "extremadamente negativa" afirmando que só era unha fase e que Deus fixérao varón, polo que nunca podería ser unha muller. Leelah afirmou que isto provocaba que se odiase a si mesma, desenvolvendo unha forma de depresión. A súa nai enviouna a unha terapia de conversión cristiá, da que Alcorn posteriormente comentou que alí só atopou "máis cristiáns" dicíndolle que era "egoísta e non tiña razón", e que "debería procurar a axuda de Deus". Ós 16 anos de idade pediulle ós seus pais que lle permitisen comezar un tratamento de reasignación de xénero, mais denegáronllo. Nas súas propias palabras: "Sentín, desesperada, que tería que parecer un home travestí durante o resto da miña vida. No meu 16º aniversario, cando meus pais non me deixaron comezar a transición, chorei ata quedar durmida".
Alcorn revelou publicamente a súa atracción polos varóns ós 16 anos, considerando que ó identificarse como un varón gai naquel momento sería un impulso para saír do armario como transxénero nun momento posterior. Segundo unha amizade súa, moitos dos seus compañeiros do instituto Kings High School recibiron isto de forma positiva, pero seus pais quedaron horrorizados. Nas propias palabras de Alcorn: "Sentiron que estaba atacando a súa imaxe, e que eu era unha vergoña para eles. Querían que fose o seu perfecto pequeno rapaz cristián hetero, e obviamente iso non é o que eu quería". Os seus pais sacárona do instituto, apuntándoa na escola en liña Ohio Virtual Academy. Segundo Alcorn, seus pais recluírona do mundo exterior durante cinco meses denegándolle o acceso ás redes sociais e outras formas de comunicación, algo que describiu na súa nota de suicidio como un factor contribuínte para a súa decisión. Ó remate do ano escolar devolvéronlle o seu teléfono e permitíronlle retomar o contacto coas súas amizades, mais segundo Alcorn para aquel entón a súa relación con moitos deles tornáranse tensas e continuaba sentíndose illada.
Dous meses antes do seu pasamento, Alcorn procurou axuda no sitio web Reddit, preguntándolle ós outros usuarios se o tratamento que lle deran seus pais considerábase un abuso infantil. Na súa mensaxe revelou que malia que seus pais nunca abusaran fisicamente dela, sempre lle falaban nun "ton moi despectivo", dicíndolle cousas como "Nunca serás unha moza real" ou "Deus vaite enviar directamente ó inferno". Explicou a maiores: "Tentei tanto como puiden cumprir ás súas expectativas e ser un varón hetero, pero decateime eventualmente de que odiaba a relixión e ós meus pais". Alcorn revelou na súa mensaxe en Reddit que lle receitaran doses cada vez maiores do antidepresivo Prozac. Na súa última mensaxe escribiu: "Por favor axudádeme, non sei o que debería facer e non podo aturar moito máis disto". O seu ordenador foi recuperado preto do lugar do seu suicidio. Contiña varias conversas que indicaban que tiña planeado saltar dunha ponte que cruza a Interestatal 71 varios días antes do suceso, e que tamén contactara cun teléfono de axuda previamente.
Suicidio Antes da súa morte o 28 de decembro de 2014, Alcorn programara a publicación automática da súa nota de suicidio no seu blog de Tumblr para as 5:30 PM EST. Na nota afirmaba a súa intención de poñer fin a súa vida:
Na nota indicaba o seu desexo de que tódalas súas posesións e cartos fosen doados a unha asociación en favor das persoas transxénero, e pedía que os problemas relacionados coa identidade de xénero se ensinasen nas escolas. A nota remataba desta forma: "A miña morte ten que significar algo. A miña morte ten que incluírse no número de persoas transxénero que se suicidaron este ano. Quero que alguén mire a ese número e diga 'iso está mal' e o amañe. Amañade a sociedade. Por favor". Unha segunda mensaxe apareceu publicada pouco despois, incluíndo unha desculpa para os seus amigos e irmáns polo trauma que pasarían por mor do seu suicidio, mais tamén contiña unha mensaxe negativa para os seus pais". Deixou tamén unha nota de suicidio escrita a man na súa cama, que foi destruída pola súa nai despois de que a policía lle fixese unha copia durante a investigación do suceso.
A primeiras horas da mañá do 28 de decembro, a policía informou ós medios de que Alcorn fora andando en dirección sur pola Interestatal 71 preto de Union Township cando foi golpeada por un camión pouco antes das 2:30 AM EST preto da saída de South Lebanon. Faleceu no sitio, e a policía indicou que camiñara uns 5 ou 6 quilómetros dende a súa casa en Kings Mill ata o lugar do atropelo. A autovía estivo pechada durante máis dunha hora tralo incidente. A Patrulla de Autoestradas do Estado de Ohio comezou unha investigación, mentres que o seu corpo foi trasladado para a súa autopsia por parte do forense do condado de Montgomery. O condutor do camión non resultou ferido no incidente.
Dous días despois da publicación da súa nota de suicidio, esta tiña unhas 82 000 visitas, e na mañá do 31 de decembro fora compartida en Tumblr unhas 200 000 veces. Nun artigo para o Boston Globe, Maura Johnston describiu a nota como unha "mensaxe pasional". A nota de suicidio foi eliminada posteriormente a petición dos seus pais, e o blog fíxose inaccesible para o público. Segundo o representante familiar, a súa familia decidiu facer un funeral privado tras recibir varias ameazas, e o seu corpo foi incinerado. A Patrulla estatal de Ohio completou a investigación sobre a súa morte o 30 de abril de 2015, determinándoa oficialmente como un suicidio.
Reaccións Proxenitores O 28 de decembro ás 2:56 PM a súa nai, Carla Wood Alcorn, publicou unha mensaxe en Facebook afirmando: "O meu adorable fillo de 16 anos, Joshua Ryan Alcorn, foise ó ceo esta mañá. Saíu a dar un paseo cedo pola mañá e foi golpeado por un camión. Grazas polas mensaxes e amabilidade e preocupacións que nos enviastedes. Por favor mantédenos nas vosas pregarias". Esta mensaxe foi borrada posteriormente e a súa conta de Facebook pasou a ser privada. A familia Alcorn solicitou publicamente que lles deran privacidade durante o seu loito nunha declaración publicada polo distrito escolar local. Nesa declaración o persoal do instituto Kings High School declarou que "Joshua Alcorn era un adorable mozo de 17 anos, talentoso e amable", engadindo que os conselleiros estarían dispoñibles para os estudantes afectados polo incidente. O 30 de decembro gardouse un minuto de silencio na súa memoria durante un partido de baloncesto do equipo do instituto.
miniatura|left|O activista polos dereitos LGBT Dan Savage pediu que se tomasen accións legais contra os pais de Leelah trala morte desta.
Varios simpatizantes de Alcorn criticaron publicamente á súa nai, Carla Alcorn, por referirse a ela como varón na súa mensaxe de Facebook na que anunciaba a súa morte. Varios individuos acosaron e publicaron información privada de Carla por medio da súa conta de Facebook "como vinganza" pola morte de Leelah. O columnista Brendan O'Neill escribiu un artigo na revista Spiked afirmando que aqueles que acosaban ós pais de Alcorn representaban a "unha nova raza de liberais non liberais" que non toleraban a calquera que mantivese unha visión conservadora sobre os problemas sociais, comparando as súas tácticas coas da Igrexa Bautista de Westboro.
En Twitter o activista Dan Savage argumentou que se deberían tomar accións legais contra os pais de Alcorn polo seu papel na morte da súa filla, comentando que por mor das súas accións eles "tirárona diante dese camión", citando a acusación de Dharun Ravi tralo suicidio de Tyler Clementi como precedente legal para este tipo de accións. Tamén comentou que as accións legais deberían tomarse tamén contra os terapeutas de conversión que trataran a Leelah, suxerindo que os Alcorn deberían perder a custodia dos seus outros fillos.