Cristian Silva Bóveda, gaiteiro nado no Carril (Vilagarcía de Arousa), é un produtor e músico galego polifacético con dominio en varios estilos e diversos instrumentos de vento, tecla, corda e percusión.

Traxectoria Como bailarín formouse en baile tradicional dende cativo en asociacións culturais carrilexas, e posteriormente en danza clásica e danza contemporánea con diferentes mestres, formando parte do Ballet Galego Rey de Viana nos últimos anos da súa existencia. Tamén se formou como construtor de instrumentos tradicionais no Obradoiro da Escola de Artes e Oficios de Vigo.

Posúe unha ducia de primeiros premios en concursos de música tradicional, gañando co cuarteto O Chupacabras e o cuarteto Canle Dadá a maior parte dos certames emblemáticos de Galicia. Como solista gañou o reputado premio Avelino Cachafeiro, Gaiteiro de Soutelo."Cristian Silva, el mejor gaiteiro", en La voz de Galicia, 21.08.2011

Formación académica Cristian Silva é profesor de gaita titular numerario e Doutor en Historia, Xeografía e Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Posúe o Título Superior en Instrumentos da música tradicional e popular polo Conservatorio Superior de Vigo, o Título Profesional de gaita, un mestrado en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo e un mestrado en ensinanza de artes pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade continúa coa súa labor investigadora no ámbito académico e musical.

Labor didáctico Foi profesor de gaita, acordeón e percusión en varios centros educativos, como a Escola de música e danza Coda, o Obradoiro de Cultura Tradicional Volandeira de Cambados ou a Asociación Rosalía de Castro de Padrón. Tamén traballou impartindo gaita e diversas materias no Conservatorio Profesional de Vilagarcía de Arousa, no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol, no Conservatorio Superior de Vigo ou no Conservatorio Profesional de Vigo, onde desempeña actualmente o seu labor.

Como especialista en historia da música e danza galega impartiu diversos relatorios e cursiños sobre danza galega, estilística, tipoloxía e técnica dos instrumentos galegos e padróns rítmicos na música tradicional.

Colaboracións Dende o ano 2006 colabora regularmente no programa Luar da Televisión de Galicia, formando parte da Charanga Vai de Baile. No mesmo programa foi xurado do concurso Vai de Gaita, onde se premiaba ao mellor gaiteiro. Tamén foi capitán e conselleiro dos participantes da versión infantil do mesmo concurso e xurado da sección Vai de Baile. Participou noutros programas da TVG como A casa da conexa, Tantarantán, Bamboleo, Zigzag Eirado, Aquí Galicia ou Boas Tardes. Tamén ten participado noutros programas de RTVE, RNE e Radio 3.

Como compositor e arranxador traballou poñendo música ás curtametraxes de animación O traseiro do Rei e Recortando sueños, compoñendo melodías nas seccións Vai de Baile, Punta Tacón e Vai de Gaita no programa Luar, e arranxando diversas obras de grupos e artistas galegos como Pandeiromus ou Xosé Manuel Piñeiro. Varias das súas obras e estudos para gaita forman parte da programación didáctica oficial de diversos Conservatorios de Música, e algunhas das súas composicións foron premiadas en eventos e certames de música tradicional.

Colaborou con grupos como Rastrexos project, O Fiadeiro, Os Terribles de Arousa, Pai de Cana, Igloo, The Chieftains ou Talabarte e con artistas como Carlos Núñez, Thomas Hospital, Susana Seivane, Hevia, Cómplices, Lis Pardo, Olalla Bouzas, Rosa López, Xosé Romero, Rosa Cedrón, Óscar Ibáñez ou Baiuca entre outros.

Formou parte de grupos e bandas de diversos estilos como Xarabal, Arauca, Gato Negro, Malveiras, Santa Compaña, Os Xirifeiros, O Chupacabras (Tradiphonias, 2012), Davide Salvado trío, Vai de Baile, Pandeiromus, Tibia Mixolidia, Canle Dadá, Flip-flop Five, Turboláser ou co grupo de música medieval Art-monium. Con estas bandas e en solitario, ten actuado en festivais de diversa índole, como o WOMEX, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, o Festival de Órgao de Braga ou o Festival Reino de Llión entre outros.

Como solista participou en dúas edicións de MUSGAFOL: música contemporánea para gaita e piano (2009) e música académica para gaita e orquestra sinfónica (2011). No 2010 estreou xunto ao pianista Nicasio Gradaille a primeira performance para gaita e piano sobre a obra Tierkreis de Karlheinz Stockhausen.

Ten participado en diversas publicacións sobre música galega e en máis de 20 gravacións discográficas.

Traballos persoais No Nadal de 2015 presentou no Culturgal Ego, o seu primeiro disco en solitario."GALICIA.-El músico gallego Cristian Silva presenta este sábado en el Culturgal su primer disco 'Ego'", La Vanguardia, 30 de novembro de 2015 . Producido ao completo polo propio músico, Ego ten influencias de rock, flamenco e música electrónica onde, dende un prisma persoal, Silva toca o medio cento de instrumentos que se poden escoitar ao longo dun disco que está, ademais, aderezado polas colaboracións de artistas e amigos como Davide Salvado, Pedro Pascual, Gonzalo Cortés, Xosé Piñeiro ou Pandeiromus.

A curtametraxe de animación do seu primeiro sinxelo A insignificante historia do home astronómico foi nomeada nos XIV Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, e finalista en diversos certames, como o XXI Festival de Cine de Zaragoza.

É autor das partituras dos libros de Carlos Rey "Festas, Lendas e Tradicións do Concello de Vilagarcía" (2007), "Fuches e non viches nada" (2018) e "Lúculo en Vilagarcía. Receitario gastronómico de Vilagarcía de Arousa" (2023).

En 2017 presentou unha colección de 20 pezas + 1 para gaita galega compostas por el, nun libro-cd chamado Manual Ególatra Básico."Cristian Silva presenta Manual ególatra básico"

En 2021 presentou, xunto a Carlos Rey, o libro «Os Encantiños do Umia. Coa gaita ao carrelo"»."Un libro percorre a historia dos Encantiños do Umia" (28/2/2021). La Voz de Galicia.

En 2021 compón e produce a música do espectáculo "DeMente" de Fran Sieira, compañía de danza.

En 2023 presentou xunto a Carlos Rey, o libro «A Farsa do Carril»

En 2024 presentou xunto a Carlos Rey, o libro "O Pilindrín"

En 2025 presenta o seu disco "Un home tranquilo", un traballo de identidade líquida, forte e serena cunha edición limitada en vinilo transparente. "Técnicas e conceptos absolutamente persoais levan á gaita a sonoridades nunca antes escoitadas". Gravado entre Galicia e Madrid, neste disco acompañan a Silva Miguel Lamas e Niño Bruno nas baterías, Pablo Pérez ao baixo e ás guitarras, o saxo tenor de Xosé Miguélez, os metais de Antonio Rodríguez Iborra, o baixo de Adrián Saavedra, a voz e a pandeireta de Ana Fernández e a colaboración especial da banda Igloo, referente do indie galego. O disco preséntase nun digipack cun deseño visual delicado, e nunha edición limitada en vinilo transparente, firmado e numerado a man, que evoca a agua do Carril.

Notas

Categoría:Nados en 1983 Categoría:Nados en Vilagarcía de Arousa Categoría:Compositores de Galicia