As mobilizacións estudantís de Santiago de Compostela foron unha serie de protestas estudantís que tiveron lugar en 1968 na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Constituíron un importante movemento político e social que desafiou o sistema político ditatorial vixente na época e que tivo o seu momento culminante nun peche pacífico de máis de mil estudantes no edificio central da universidade. O peche foi desaloxado ao terceiro día pola Policía Armada mentres os estudantes cantaban “Venceremos nós”, a popular canción americana "We shall overcome" con letra en galego de Xosé Luís Franco Grande, convertida en himno da revolución estudantil. A Universidade de Santiago celebra o 50 aniversario das mobilizacións de 1968. Compostela24horas.com, 18 de marzo de 2018. miniatura|dereita|Colexio de San Xerome, reitorado da Universidade de Santiago.

Antecedentes No curso 1967-68 o antigo Sindicato Español Universitario foi substituído na USC polo Sindicato Democrático de Estudantes da Universidade Galega (SDEUG), dirixido por estudantes antifranquistas, que gaña as eleccións universitarias, fomentando un novo espírito político e reivindicativo.

Na maioría das facultades o cambio realízase de forma pacífica, ocupando os novos líderes estudantís as vellas estruturas da Asociación de Estudantes do Réxime, incluídos os seus locais e os fondos procedentes das cotas pagas polos propios estudantes para actividades asociativas, constituíndose con normalidade as novas Xuntas de Facultade.

Pero na Facultade de Ciencias o decano Joaquín Ocón García impediu aos representantes elixidos o acceso aos locais asociativos e negoulles a entrega das cotas abonadas polos estudantes, obstaculizando as reunións e actividades dos representantes electos."La generación que se anticipó al mayo del 68", Manuel Villar en Atlántico Diario, 25 de maio de 2008 . O ambiente caldéase e explota na primeira semana de marzo, cando Ocón impide, de forma violenta, que se celebre unha asemblea na Facultade de Ciencias, con asistencia de centos de estudantes, na que o delegado de facultade Pancho Álvarez Fontela ía informar da situación aos seus compañeiros.

Desenvolvemento das mobilizacións O desaloxo da asemblea da Facultade de Ciencias provocou unha folga xeneralizada na universidade, seguida por máis do 90 % do alumnado. Os estudantes reclamaban a dimisión de Ocón, a retirada das denuncias contra os delegados, a súa readmisión na facultade e a devolución do diñeiro destinado a actividades universitarias que fora requisado polo decano.

O conflito tivo o seu momento culminante cun peche pacífico de mil cincocentos estudantes no edificio central da universidade, que durou do 9 ao 12 de marzo, e foi desaloxado ao terceiro día pola Policía Armada mentres os estudantes cantaban o “Venceremos nós”. Pero antes, no interior da universidade, produciuse unha negociación entre os delegados do novo sindicato e as autoridades universitarias, incluído o reitor Ángel Jorge Echeverri, así como un intento de mediación do gobernador civil, Antonio Avendaño Porrúa. Durante o peche pronunciáronse varias conferencias de intelectuais acudidos a Santiago para unhas xornadas culturais que se trasladaron ao interior do edificio central da Universidade, con relatores como Armando López Salinas que falou sobre os dereitos humanos.

miniatura|dereita|Fachada da Catedral desde a Alameda. Santiago de Compostela.

Na data dos feitos, o diario La Voz de Galicia narrou da seguinte maneira o desaloxo:

Conclusión do conflito miniatura|dereita|Facultade de Medicina da Universidade de Santiago. Ao finalizar o peche as asembleas trasladáronse á rúa e continuou a folga indefinida, producíndose numerosas mobilizacións. Nunha asemblea de universidade moi multitudinaria, celebrada na Facultade de Medicina o 28 de marzo, interveu a policía violentamente, causando numerosos feridos e realizando varias detencións. Esta intervención policial violenta xerou a indignación dos estudantes, que despediron a pedradas na estación de ferrocarril ao director xeral de universidades, Hernández Díaz, desprazado a Santiago para tentar resolver o conflito.

As autoridades académicas decidiron adiantar as vacacións de Semana Santa para acougar os ánimos. Ao regreso, o reitor anunciou a suspensión das sancións e a devolución das cotas, co que se iniciou un lento camiño cara á normalidade. O decano Ocón foi trasladado a outra Universidade e o reitor Echeverri substituído, pero a promesa de levantar totalmente as sancións non se cumpriu. No curso seguinte o SDEUG asumiu a representación asociativa dos estudantes, sen novas trabas.

Líderes estudantís As mobilizacións non constituíron unha revolta caótica e espontánea, senón que estaban dirixidas por estudantes que tiñan as ideas moi claras, e que pretendían introducir os valores democráticos na vida universitaria.

miniatura|Edificio da Facultade de Xeografía e Historia, que en 1968 era a sede central da universidade, onde se fixo o peche

En xeral compartían un espírito antiautoritario e unha boa capacidade de análise que lles permitiu conducir o conflito de forma intelixente, actuando de maneira cohesionada e sen radicalismos, como afirma o historiador Ricardo Gurriarán, investigador das mobilizacións."Adoquines gallegos", Salvador Rodriguez, La Opinión de A Coruña, 2 de marzo de 2008 . Tiñan, ademais, unha boa formación política e souberon trasladarlle á cidadanía santiaguesa e á sociedade galega as súas reivindicacións e inquietudes. Nese conflito formáronse boa parte dos posteriores líderes políticos galegos que destacaron tras a transición democrática. Entre estes dirixentes estudantís estaba Vicente Álvarez Areces, delegado do SDEUG da Facultade de Matemáticas, e máis tarde Presidente do Principado de Asturias durante doce anos así como senador; Emilio Pérez Touriño, que por aquel entón era delegado da Facultade de Económicas e xa na democracia foi Presidente da Xunta de Galicia, Pancho Álvarez Fontela, delegado da Facultade de Ciencias, Alberto Martín de Hijas, delegado da de Química e máis tarde concelleiro socialista en Vigo, Félix Sarmiento, Nacho Casal e Fausto Dopico, tamén de Ciencias, Francisco Cerviño, que foi deputado no Parlamento de Galicia, Pedro Mariño e Lorenzo Porto, delegados da Facultade de Medicina, Rafael Bárez, Javier Castillo e Cándido Conde-Pumpido, delegados de Dereito, Branca Caamaño, da Facultade de Historia, Fermín Bouza Álvarez, Marisa Melón, Enrique Anciones, Elvira Macho Quevedo, Vitoria Díaz Cabanela, Eduardo Varela e moitos outros.

Efectos sociais e políticos En xeral todos os que analizaron os acontecementos da primavera de 1968 na Universidade de Santiago destacan a enorme influencia que tiveron no desenvolvemento socio-político de Galicia nos anos seguintes. Fermín Bouza Álvarez, catedrático de socioloxía, especializado en opinión pública, que exerceu na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid, afirmaba que "Santiago era o marco ideal para aquel movemento que cambiou Galicia moito máis do que a historia tradicional transmitiu á xente, pois cambiou as elites universitarias de toda unha xeración... De aí saíron novos movementos sociais e novos partidos de carácter progresista, e moitos deles autóctonos e nacionalistas".: "Polas Vereas da memoria: 1968, ano cero dunha Galicia outra", en Gurriarán, R. (2010): 1968 en Compostela, 16 testemuños. Nin a Universidade de Santiago, nin a sociedade galega foron as mesmas despois do 68.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Gurriarán, R. (2008): Do Gaudeamus Igitur ao Venceremos Nos. Obra Social Caixagalicia. Gurriarán, R. (2010a): 1968 en Compostela. 16 testemuños. Universidade de Santiago de Compostela. Gurriarán, R. (2010b): Inmunda escoria. A Universidade franquista e as mobilizacións estudiantís en Compostela, 1939-1968. Edicións Xerais de Galicia.

Categoría:Universidade de Santiago de Compostela Categoría:1968 en Galicia Categoría:Manifestacións Categoría:Folgas