José Luis Parente del Riego, coñecido como Xosé Lois Parente, nado en Maceda o 17 de febreiro de 1903 e finado en Ourense o 3 de maio de 1948,"Ha muerto José Luis Parente", La Región, 4-5-1951, p. 2. foi un farmacéutico, avogado e poeta galego que Ricardo Carballo Calero encadra nos Tempos do Seminario de Estudos Galegos.
Traxectoria Fillo de Germán Parente Crespo e Eusebia del Riego del Pozo. Avogado, xefe de telégrafos de Maceda e farmacéutico na Merca, Xosé Lois Parente relacionouse cos galeguistas da primeira parte do século XX e participou en numerosas xuntanzas e mitins e impartiu conferencias."Conferencia de D. José Luis Parente", La Zarpa, 26-3-1935, p. 2. Militante do Partido Galeguista, foi un dos asinantes do manifesto da Dereita Galeguista de Ourense encabezado por Vicente Risco en febreiro de 1936. Colaborou en Nós, La Región e El Pueblo Gallego.
Funcionario de Telégrafos e propietario dunha farmacia no parque de San Lázaro de Ourense, logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi nomeado concelleiro de Ourense polo gobernador civil en xullo de 1941, na corporación presidida por Eduardo Olano Fernández.La Región, 19-7-1941, p. 2.
Obras Autor cunha carreira truncada nos seus comezos, segundo Carballo Calero, escribiu o libro de poemas bilingüe Con prisma azul (1933), con prólogo de Ramón Otero Pedrayo quen distingue entre os poemas casteláns (do momento superficial) dos galegos (do tempo interior). Neste libro hai bastantes composicións en galego: de exaltación patriótica, de lirismo amoroso ou fantástico e ata unha lenda ao vello estilo.
Xosé Lois Parente foi encadrado no seu momento na escola vangardista, sobre todo coa estética ultraísta de Luís Amado Carballo. Porén, tal encadramento resulta hoxe bastante temerario nuns textos con limitados trazos animistas e impresionistas e mesmo algunha peza decimonónica, coma a "lenda inxenua" titulada "O paxariño loiro" ou a patriótica "Alexandro Bóveda".
Vida persoal Casou en Ferrol con María Luisa Brasa de la Rosa en febreiro de 1939.El Diario de Pontevedra, 21-2-1939, p. 2.
Notas
Véxase tamén Bibliografía (2006): Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na II República. Grupo Academia Postal, ISBN 978-84-96220-54-0
Categoría:Farmacéuticos de Galicia Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega
Categoría:Concelleiros de Ourense Categoría:Concelleiros de Galicia durante o franquismo e a transición Categoría:Nados en Maceda Categoría:Nados en 1903
Categoría:Finados en 1948