A Sala NASA (Nave de Servizos Artísticos) foi un espazo multidisciplinar de Santiago de Compostela promovido polo Grupo Chévere xunto con Blanca Cendán en outubro de 1992, localizado no número 51/53 da rúa de San Lourenzo. Nel realizábanse espectáculos teatrais, concertos e todo tipo de disciplinas artísticas. Desde 1992 foi o lugar de estrea e permanencia dos espectáculos da compañía creadora, ademais das súas funcións periódicas chamadas Ultranoites. Durante a súa existencia foi tamén un escenario de referencia no circuíto da música alternativa. Funcionou ata setembro de 2011, meses despois da supresión das axudas procedentes do Concello de Santiago coa toma de posesión do alcalde Gerardo Conde-Roa.
En 2012 recibiu o Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
O local que ocupaba na rúa de San Lourenzo, actualmente a Sala Malatesta, era un garaxe particular que foi remodelado e adaptado ás novas funcións polos propios membros da compañía. A Sala exercía tamén de editora de libros, CD, DVD ou CD-ROM e en 2010 inspirou a creación da páxina Redenasa.tv, «converténdose na súa alma dixital e con intención de sobrevivila cando desaparecese o corpo material». Actualmente Redenasa.tv é usado como selo editorial das publicacións de Chévere.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Rede Nasa
Categoría:Teatro en Galicia Categoría:Salas de concertos Categoría:Arquitectura civil en Santiago de Compostela