Diego Juan de Ulloa, nado en Noceda (San Vitoiro de Ribas de Miño, O Saviñao) e finado na mesma aldea o 29 de novembro de 1764, foi un eclesiástico ilustrado de familia fidalga.

Traxectoria Ulloa estudou Dereito na Universidade de Boloña, viviu varios anos en Roma, viaxou por Italia e, segundo parece, por Francia, e das súas viaxes trouxo a Galicia obras de arte e varios lotes de libros coidadosamente anotados. A súa ampla cultura (foi un dos eclesiásticos de orixe galega que máis destacaron no plano cultural na Galicia do segundo cuarto do século XVIII)Maestrescuela Diego Juan de Ulloa Annuarium Sncti Iacobi. serviulle para destacar rapidamente en Santiago.

O papa Clemente XII nomeouno mestrescola da Catedral de Santiago de Compostela, posto do que tomou posesión o 13 de xuño de 1733. Converteuse en promotor artístico do barroco. Foi reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre 1751 e 1752 e un dos catro benfeitores da Universidade, cuxas estatuas figuran enriba do pórtico de columnas da Facultade de Xeografía e Historia. Diego Juan de Ulloa, á súa morte, no testamento, legou a súa importante biblioteca ao cabido catedralicio.

O goberno do rei Carlos III encargoulle facer unha experiencia piloto da reforma da ensinanza universitaria. Se ben en 1716, o claustro universitario formulara a necesidade de construír «un cuarto para libros» aproveitando o espazo «que promedia a torre do Colexio de Santiago Alfeo e o de San Xerome», Ulloa solicitou a Carlos III permiso para construír un novo edificio dedicado exclusivamente á Universidade e aos colexiais. O rei non concedeu dito permiso, se ben a expulsión dos xesuítas en 1767 implicou que ficase baleiro o seu convento (colexio e noviciado). O 9 de agosto de 1769 o rei expediu unha Real Cédula pola que determina o traslado da Universidade e do Colexio de San Xerome ao convento-colexio dos xesuítas. O colexio da Compañía ocupaba un amplo espazo intramuros entre a porta de Mazarelos e o torreón de San Fiz de Solovio, soar onde se construíu a Universidade. E foi así como, en palabras de Bonet, a Universidade de Santiago foi «o último grande edificio construído a finais do Antigo Réxime dentro do casco antigo da cidade».

Notas

Véxase tamén Bibliografía Portela Silva, Ermelindo, Coord. (2003): Historia de la ciudad de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, Servizo de Publicacións. ISBN 84-9750-137-3. VV. AA. (1995): Cinco siglos de historia universitaria. Gallaecia Fvlget (1495-1995). Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-8121-307-1.

Categoría:Personalidades da cultura de Galicia Categoría:Personalidades do ensino de Galicia Categoría:Personalidades da relixión de Galicia Categoría:Reitores da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Nados no Saviñao Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Finados en 1764 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos