O voo 972 de Cubana de Aviación era un voo doméstico en Cuba entre o Aeroporto Internacional José Martí na Habana e o aeroporto Frank País en Holguín. O 18 de maio de 2018, o Boeing 737-200 Advanced que voaba a ruta esnafrouse pouco despois de engalar da Habana, estoupando en chamas a 10 quilómetros do aeroporto, nunha granxa preto de Santiago de las Vegas, a 19 quilómetros do centro da Habana. 110 pasaxeiros e tripulantes morreron no accidente.
Avión O aparello era un Boeing 737-200 alugado a Global Air, operando un voo doméstico regular no nome de Cubana de Aviación dende A Habana a Holguín. Nos meses anteriores Cubana retirara varios dos seus avións do servizo debido a problemas mecánicos coa súa propia frota, en parte debido ao embargo estadounidense a Cuba, e confiou en avións alugados para manter os seus servizos. O día antes do accidente, o Instituto de Aeronáutica Civil de Cuba deixou en terra á frota de Antonov An-148 de Cubana debido a problemas mecánicos.
O Boeing 737-2H6 foi fabricado en xullo de 1979 e tiña 38 anos. O avión entrou en servizo con Piedmont Airlines, e dende entón operou en aeroliñas do Canadá, Chile, o Camerún, Benín e o Caribe, ademais dun período de cinco anos que voou coa Armada dos Estados Unidos de América, antes de ser mercado por Global Air en 2013. Global Air declarou que o aparello pasara en novembro de 2017 unha inspección gobernamental, e tiña os permisos de operación e alugueiro actualizados.
Accidente O CU-972 era un voo doméstico cara ao Aeroporto Internacional Frank País no leste de Cuba. Transportaba un total de 113 persoas, 104 pasaxeiros e 9 tripulantes. O piloto era o capitán Jorge Luis Núñez Santos, e o seu primeiro oficial era Miguel Ángel Arreola Ramírez. Cinco dos pasaxeiros eran estranxeiros e polo menos seis dos tripulantes eran mexicanos.
O voo engalou pouco despois das 10:00 hora local e esnafrouse as 12:08 a uns 10 quilómetros do aeroporto. O aparello caeu nunha granxa do estado cubano e non feriu a ninguén en terra. Os restos incendiáronse e testemuñas no aeroporto informaron de que viron unha nube de fume do lugar do sinistro. As primeiras respostas, incluídos bombeiros e ambulancias, saíron da Habana cara ao lugar do accidente para iniciar as tarefas de rescate. O aeroporto José Martí pechouse temporalmente tras o accidente, pero abriu esa mesma tarde.
Dos 113 ocupantes, tres mulleres sobreviviron ao accidente, todas elas en estado crítico. Un home sobreviviu pero morreu posteriormente no hospital.
Notas
Cubana de Aviación 0972 Cubana de Aviación Cubana de Aviación