Manuel Bastida Franco, coñecido como Choni, nado no Galiñeiro (Meá, Mugardos) en 1912 e finado no Tellado (Fene) o 18 de xullo de 1951, foi un guerrilleiro antifranquista galego.
Traxectoria En 1936 era cabo da Mariña no buque Jaime I. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido e inculpado en causa militar en Ferrol co resultado de sobresemento. Cando saíu da prisión afiliouse ao Partido Comunista de España e actuou como enlace da guerrilla. Foi denunciado en 1948 por Alejo Pablo Mora García, un infiltrado da Garda Civil, e procesado na causa 40/48 por prestar auxilio a partidas armadas xunto con Antonio Barreiro Ruiz, José Beceiro Fernández, Sol Bertalo Blanco, Rosa Caridad Basas, Jaime Castro Rodríguez, Francisco Castro Roibal, José María Díaz Díaz, Antonio Díaz Pérez, Vicente Díaz Veiga, Emilio Domínguez Cubero, María Dopico Aneiros, José Dopico García, Constantino Fernández Rosado, Juan Gallego Abeledo, José González Díaz, Francisco Graña Sequeiros, Germán López Rodríguez, Benito Paz Teijeiro, José Piñón Paz, Gerardo Pita López, Francisco Ponte Cabana, Alfonso Prados Pita, Francisco Ramos Calvet, Marcelino Rodríguez García, Manuel Rodríguez Sánchez, Daniel Romero López, Juan Romero Ramos, Antonio Sabín Prieto, Emilio Sande López, Silvestre Sanz García, Severino Suárez Ríos e Manuel Vázquez Rodríguez.
Despois da detención dos compañeiros militantes comunistas procesados, o 23 de xaneiro de 1948 incorporouse á IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia. Como consecuencia, varios membros da súa familia foron arrestados e torturados. Despois estivo con Benigno Andrade García na V Agrupación. Ao disolverse pasou á provincia da Coruña. O 8 de xaneiro de 1949 participou con Benigno Andrade García, José Remuiñán Barreiro, Antonio López Arias e José Blanco Núñez na morte de José Couceiro Taboada, subcabo de Somatén, xefe de Falange e mestre e da súa muller María Constela en Soutelo de Montes. O 18 de xullo de 1951 morreu abrasado, xunto a Juan Gabeiras Barro, nunha casa do Tellado (Fene) á que lle prendeu lume a Garda Civil.
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas Ficha en Memoria da Coruña
Categoría:Guerrilleiros antifranquistas de Galicia Categoría:Nados en Mugardos Categoría:Nados en 1912
Categoría:Finados en 1951
Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes