Carmen Montón Giménez, nada en Burjassot (Valencia) o 9 de marzo de 1976, é unha política española, membro do PSOE e exministra de Sanidade, Consumo e Benestar Social do Goberno de España. É defensora da sanidade pública e universal.
Traxectoria Licenciada en Medicina pola Universidade de Valencia, aínda que non chegou nunca a exercer e máster en Estudos Interdisciplinares de Xénero, pola Universidade Rei Xoán Carlos. Afiliouse aos 16 anos ás Xuventudes Socialistas de España (XSE), organización á que pertenceu ata 2007.
Montón foi concelleira de Cultura no concello da súa localidade natal, Burjassot, de 1999 a 2004. Durante esta etapa tamén foi Secretaria de Movementos Sociais e ONG no PSPV-PSOE (2000-2004). Entre o 2 de abril de 2004 e o 30 de xuño de 2015 foi deputada no Congreso pola provincia de Valencia.
Entre 2014 e 2016 foi Secretaria de Igualdade do PSOE. Desde xuño de 2015 ata 2018 foi conselleira autonómica de Sanidade Universal e Saúde Pública da Generalitat Valenciana, no goberno de Ximo Puig. Durante o seu mandato tomou diversas medidas de relevancia política como o retorno á xestión pública do Hospital de la Ribera, hospital emblemático do coñecido como modelo Alzira, desde abril de 2018; a devolución do dereito á sanidade aos inmigrantes irregulares; a compensación do copago farmacéutico aos xubilados e o retorno aos tratamentos de reprodución a lesbianas e mulleres soas.
O 7 de xuño de 2018 tomou posesión como ministra de Sanidade, Consumo e Benestar Social do goberno de Pedro Sánchez, despois de prosperar a moción de censura contra Mariano Rajoy.
Montón presentou a súa dimisión debido a acusacións públicas falsas relacionadas co seu máster na Universidade Rey Xoán Carlos, aínda que máis tarde foi declarada inocente e o caso foi arquivado. Foi substituída por María Luisa Carcedo. En 2019 regresou á política e en 2020 foi nomeada embaixadora ante a Organización dos Estados Americanos.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Ficha persoal no Congreso dos Deputados: VIII Lexislatura Ficha persoal no Congreso dos Deputados: IX Lexislatura.
Categoría:Nados en Burjassot Categoría:Nados en 1976 Categoría:Políticos do PSOE Categoría:Ministros do Goberno de España da XII Lexislatura Categoría:Alumnos da Universidade de Valencia Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (X Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (IX Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (VIII Lexislatura)