Montenegro (/monteˈne.ɣɾo/; lit. "monte negro"; en montenegrino: Crna Gora / Црна Гора; en albanés: Mali i Zi) é un estado situado nos Balcáns, ao sueste de Europa. Linda ao norte con Bosnia e Hercegovina, con Serbia ao nordés, con Kosovo ao leste, con Albania ao sueste, con Croacia ao noroeste e co mar Adriático ao oeste, cunha costa de 293.5 km. Podgorica é a capital do país, amais da súa cidade máis grande; abrangue 10,4% dos 13 812 km2 do territorio montenegrino, e alberga aproximadamente o 35% da súa poboación total, segundo datos de 2018, case uns 623 000 habitantes. Cetinje é a antiga capital real e centro cultural de Montenegro, sendo esta a sede de moitas institucións nacionais, incluíndo a residencia oficial do presidente de Montenegro.
Durante o período da Alta Idade Media, tres principados estaban situados no territorio do actual Montenegro: Duklja, que corresponde aproximadamente á metade sur, Travunia, ao oeste e Rascia propiamente dita, o norte. O Principado de Zeta xurdiu nos séculos XIV e XV. Desde finais do século XIV ata finais do século XVIII, gran parte do sur de Montenegro estivo gobernada pola República de Venecia e incorporada á Albania Veneciana. O nome Montenegro utilizouse por primeira vez para referirse ao país a finais do século XV. Despois de caer baixo o dominio otomán, Montenegro recuperou a súa independencia en 1696 baixo o goberno da Casa de Petrović-Njegoš, primeiro como teocracia e máis tarde como principado. A independencia de Montenegro recoñeceuse polas Grandes Potencias no Congreso de Berlín en 1878. En 1910, o país converteuse nun reino.
Dende o 4 de febreiro de 2003, despois da disolución de Iugoslavia, estableceuse como uns dos estados membros da Federación de Serbia e Montenegro, mais o 21 de maio de 2006 nun referendo o 55,5% da poboación votou pola independencia do país, sendo declarada oficialmente a independencia o 3 de xuño dese mesmo ano en Podgorica.
Etimoloxía miniatura|esquerda|155px|Monte Bobotov Kuk O nome en montenegrino deste estado é Crna Gora que se traduce ao galego literalmente como "monte negro", como referencia á cor coa que se ven os Alpes Dináricos dende o mar Adriático debido á escura tonalidade dos bosques que cobren ditos cumios. O nome do país na maior parte dos países occidentais provén da tradución do termo en véneto durante a hexemonía da República de Venecia sobre as costas orientais do Adriático.
Así, tanto o inglés como o alemán usan o nome Montenegro para definir ao devandito estado. Outros idiomas por exemplo usan traducións directas do significado de Montenegro como o albanés Mali i Zi, o grego Μαυροβούνιο ou o turco Karadağ. No caso do galego, a tradución de Crna Gora coincide co termo adoptado polos navegantes venecianos.
Historia Primeiros asentamentos O actual territorio de Montenegro foi habitado durante séculos por diversas tribos eslavas, mesturadas con ávaros, ilirios e romanos produto do dominio destes pobos sobre a rexión.
Idade Media Estas tribos eslavas durante o século X formaron un principado chamado Duklja, cuxa independencia foi recoñecida polo Papa Gregorio VII en 1077, aínda que se mantivo como tributario do Imperio bizantino.
En 1186 foi conquistada por Estevo Nemanja, Gran Príncipe do reino serbio de Rascia.
Baixo a influencia directa de Serbia, formouse o Principado de Zeta e produciuse a conversión da poboación á Igrexa Ortodoxa.
En 1356, Zeta logrou a súa independencia de Rascia, enfrontando ao longo do século XV invasións do Imperio Otomán que conquistou gran parte do principado, aínda que non logrou sometelo totalmente.
Idade Moderna En 1516, baixo a influencia de Venecia formouse o Principado de Montenegro, un estado teocrático liderado polo príncipe-bispo de Cetinje ou vladika. En 1852, o vladika Danilo II converteu ao país nun estado secular tomando o título de knjaz (príncipe).
En 1860 foi nomeado príncipe Nicolao I, o cal declarou a guerra ao Imperio Otomán en 1861.
Malia un comezo difícil, Serbia e o Imperio ruso convertéronse nos seus aliados en 1877 na chamada Guerra ruso-turca logrando a vitoria en 1876.
Tras o Congreso de Berlín, a independencia de Montenegro quedou asegurada e o seu territorio practicamente duplicouse.
Século XX miniatura|150px|O rei Nicolao I.
O 28 de agosto de 1910 foi proclamado o Reino de Montenegro polo knjaz Nicolao en Cetinje.
Nas Guerras balcánicas (1912 – 1913), Montenegro conseguiu expandir o seu territorio tomando o Sandžak do Reino de Serbia o 30 de maio de 1913. Ao facer isto, incorporou unha poboación que non se identificaba cultural o historicamente co país.
A cidade recentemente capturada de Skadar tivo que ser devolta ao novo estado de Albania por exixencia das grandes potencias a pesar de que os montenegrinos perderon 10.000 vidas para capturar a cidade ás forzas otomás (albanesas) de Essad Bajá.
En 1914, tras o estoupido da primeira guerra mundial, Montenegro aliouse con Serbia contra os Imperios Centrais, pero o pequeno exército montenegrino rendeuse finalmente ao Imperio Austrohúngaro o 25 de xaneiro de 1916. Até outubro de 1918, Montenegro estivo ocupado por tal Imperio. O rei fuxiu para Bordeos (Francia).
miniatura|left O 20 de xullo de 1917, asinouse a Declaración de Corfú, que declarou a unificación de Montenegro co Reino de Serbia, que foi proclamada o 26 de novembro de 1918, pouco antes da formación do Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, o 1 de decembro (que se converteu no Reino de Iugoslavia en 1929. Polo tanto, o seu único xefe de Estado foi Nicolao I de Montenegro, rei entre 1910 e 1918, cando foi deposto. En Serbia, Montenegro conformou inicialmente a banovina (provincia) de Zeta, cuxo territorio foi reducido de xeito importante en 1939 conformando o actual territorio do país.
Co fin da segunda guerra mundial, o Reino de Iugoslavia converteuse na República Federal Socialista de Iugoslavia en 1946. Con este cambio, Montenegro deixou de depender directamente de Serbia obtendo certa autonomía como a República Socialista de Montenegro. Debido ás súas características como a menor das seis repúblicas que conformaban Iugoslavia, Montenegro recibiu grandes achegas do goberno federal volvéndose un estado próspero.
En 1992, a República Federal Socialista desintegrouse, pero Montenegro e Serbia decidiron manterse unidos formando a República Federal de Iugoslavia. O embargamento que sufriu a Iugoslavia produto das guerras durante a primeira metade dos anos 1990 afectou notablemente a economía de Montenegro. Con todo, a tensión entre serbios e montenegrinos debido á desigual posición que tiñan ambos os grupos na República Federal aumentou cos anos. Como forma de igualar a importancia de ambos os estados, en 2002 estableceuse a federación de Serbia e Montenegro. Porén, diversos grupos comezaron facer presión para acadar a independencia, a cal foi aprobada a través dun plebiscito realizado o 21 de maio de 2006 por un 55,5 % dos votantes. Finalmente, o Parlamento de Montenegro proclamou a independencia do estado o 3 de xuño de 2006. O estado foi recoñecido nos días posteriores por diversos estados do mundo, incluíndo Serbia o 15 de xuño, e finalmente ingresou como o 192º membro da Organización das Nacións Unidas o 28 de xuño.
Xeografía miniatura|155px|Vista da baía de Kotor miniatura|155px|Monte Biogradska Montenegro é un país pequeno, sendo cunha superficie de 13.812 km² o oitavo menor de Europa. Atópase situado na Península dos Balcáns xunto á costa oriental do mar Adriático. A súa xeografía caracterízase principalmente pola presenza de catro zonas principais: o litoral, as mesetas rochosas, unha depresión e as altas montañas. As chairas costeiras son estreitas, cun ancho de entre dous e dez quilómetros ao longo do accidentado litoral adriático, no que se presentan diversos estuarios e baías, destacando a baía de Kotor, considerado o fiorde máis austral do continente. Estas chairas acaban abruptamente pola presenza das mesetas rochosas de estrutura cárstica, superando os 1.000 metros de altitude media, aínda que existen algúns montes que se achegan aos 2.000 como o monte Orjen e o monte Lovjen.
Nas zonas interiores atópase a única zona chá do país, destacando a rexión de Zeta e o lago Skadar. Nesta zona, sitúase a maior parte da agricultura e da poboación do país debido ao seu agradable clima temperado e o seu suave relevo. Na zona setentrional sitúase unha das zonas máis abruptas do continente debido á presenza da cadea dos Alpes Dináricos e á erosión glacial producida durante miles de anos. A maioría dos picos superan os 2.000 metros de altitude, cubertos por zonas boscosas escuras. Na zona ademais destaca a orixe de diversos ríos que forman enormes canóns ao longo das cadeas montañosas.
O clima de Montenegro depende directamente das características xeográficas. Así, o clima mediterráneo predomina na zona litoral, o continental é o preponderante no resto do territorio debido ao biombo climático formado polos Alpes Dináricos e que impide o ingreso da influencia marítima ao interior. Os veráns son longos e secos, contrario ao inverno, usualmente húmido e curto. As formacións do relevo permiten o ingreso de ondas de intensa calor ao interior do país, principalmente ás zonas en torno a Podgorica, unha das cidades máis cálidas da Península Balcánica. Doutra banda, nas zonas montañosas o clima alpino existente permite a caída de fortes nevadas cubrindo os principais cumes con neve durante gran parte do ano. Segundo o Fondo Mundial para a Natureza, o territorio de Montenegro está ocupado por tres ecorrexións: o bosque caducifolio de Iliria, un tipo de bosque mediterráneo na costa, e dous tipos de bosques mornos de frondosas (o Bosque mixto balcánico, nalgúns puntos dos extremos norte e leste, e o bosque mixto dos Alpes Dináricos, no resto do país).
Demografía
Etnias en Montenegro (2003) Montenegrinos267.79943,16% Serbios198.41431,99% Bosníacos48.1847,77% Albaneses31.1635,03% Eslavos musulmáns24.6253,97% Croatas6.8111,10% xitanos2.8260,46%
Montenegro ten unha poboación de 616.258 segundo o último censo oficial, realizado o ano 2003, correspondentes a unha densidade de poboación de 44,7 hab/km². A composición étnica do país é, do mesmo xeito que na maioría das antigas repúblicas iugoslavas, complexa e de grande importancia para o desenvolvemento do país. O grupo predominante é o dos montenegrinos, principalmente nas zonas centrais do territorio seguidos polos serbios, situados na zona setentrional do país. Con todo, é difícil determinar unha división clara entre ambas etnias, debido a unha homologación entre elas producida durante os anos de unión entre ambas nacións. Moitos montenegrinos e serbios poden considerarse como membros de ambos grupos étnicos, pero doutra banda existen grupos nacionalistas que reivindicación as súas identidades propias e a diferenciación entre ambas. Algúns outros grupos como bosníacos e albaneses sitúanse na zona nororiental e suroriental, respectivamente.
miniatura|135px|Vista de Kotor O idioma oficial do país é a lingua montenegrina, despois de que en 1992 se deixase atrás a designación de serbocroata e máis tarde de serbio, aínda que adoitan ser consideradas a mesma lingua. No último censo o 63,5% da poboación afirmou ter ao serbio como lingua materna, mentres só o 22% referiuse ao montenegrino.
En canto a relixión, preto do 74% dos habitantes de Montenegro pertencen á Igrexa Ortodoxa Serbia, malia a creación en 1993 da Igrexa ortodoxa montenegrina, que ten escasos seguidores actualmente. O 17,74% da poboación do país afirma pertencer ao islam, os cales corresponden principalmente a albaneses, bosníacos e ao grupo de eslavos musulmáns. En tanto, a fe católica é practicada nas zonas costeiras (coma Kotor) polos grupos de etnia croata. As principais cidades son:
Podgorica, capital do país, con 136.473 habitantes Nikšić, 58.212 habitantes. Pljevlja, 21.377 habitantes. Herceg Novi, 16.493 habitantes. Bijelo Polje, 15.883 habitantes.