Pablo González Munín, nado en Ourense en 1846 e finado en Santiago de Compostela o 9 de febreiro de 1886, foi un profesor universitario, político republicano e destacado masón galego.

Traxectoria Formación académica e ingreso no republicanismo compostelán Fillo do facendado Ramón González e de Perpetua Munín, e irmán de Victoriana González Munín (Ourense, 1838 - O Carballiño, 1929), estudou no Instituto de Ourense desde o curso de 1857-58. En 1862 ingresou na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela onde se licenciou en 1874. Segundo esta fonte, acadou o grao de doutor.. Segundo esta fonte, en 1876 aínda era licenciado, non doutor..

González Munín debeu participar, mentres estudaba Medicina, na fundación do Partido Republicano Federal de Santiago en 1869, do que o profesor Esteban Quet foi elixido presidente. Despois de celebrarse o Pacto federal astur-galaico, o 23 de decembro do mesmo ano González Munín participou nun manifesto revolucionario como membro do chamado Comité Republicano. Deste comité formaban parte ademais de González e Quet, Ramón Hermida Romero, Baltasar García Villar, José Cañizo, Joaquín María Castaños Ordóñez e Marcial Moure González. Todos eles foron denunciados pola Autoridade por «delito de inxuria, calumnia e desacato contra o Goberno, por algunhas das súas actuacións e a marcha seguida». Finalmente, esta denuncia foi arquivada pola Audiencia provincial da Coruña no mes de abril de 1871. Desde o 13 de outubro de 1872 ocupou a vicepresidencia do Comité republicano federal de Santiago, baixo a presidencia de Marcial Moure, do que tamén formaron parte Quet (tesoureiro), Julio Urrabieta Ortiz (secretario), Manuel Ruiz (vicesecretario), e os vogais Miguel Vilaseco, Ramón del Río Correa, Baltasar García Villar e Domingo Criado González (fundador de El Nuevo Alacrán).

A etapa no goberno local compostelán durante a Primeira República Tras obter o bacharel en Ciencias e licenciarse en Medicina e Cirurxía, comezou a ofrecer clases particulares da materia de Anatomía descritiva e xeral, polo menos desde comezos de 1873 ata mediados deste mesmo ano, cando a caída de Amadeu I levouno a participar no goberno republicano da cidade. En efecto, González Munín foi un dos dez asinantes da proclama que comezaba cun «Cidadáns: proclamada pacífica e legalmente polos Corpos Colexisladores a República en España...» e constituíuse como a Xunta de Goberno Democrática Republicana Federal de Santiago entre o 12 e o 14 de febreiro de 1873. As persoas que formaron esta Xunta foron, novamente, Quet Puigvert (o presidente), Marcial Moure, Manuel Ozores Fernández, José Servino Ballesteros-del Mazo, Miguel Vilaseco, Nicolás Quintela Lago, Fortunato Rodríguez Arizmendi, Benito Sánchez e Julio Urrabieta. Unha vez que o Goberno republicano quedou asegurado, a Xunta resignou o poder municipal o día 14 de novo no alcalde Antonio Pérez Dávila e na súa antiga Corporación, e disolveuse. Non obstante, o día 2 de marzo, estes deron comezo á organización do Batallón de Voluntarios Republicanos da Milicia Nacional de Santiago desde o partido, o que demostraba que o consistorio estaba de facto baixo a vixilancia do republicanismo. Así para a Comandancia xeral foi elixido Manuel Ozores e como Comandante 2º Manuel Moure, mentres Pablo González foi designado o seu axudante.

Nas eleccións para as Cortes Constituíntes de maio de 1873 Marcial Moure obtivo a acta de deputado, polo que houbo unha redistribución de cargos no republicanismo santiagués. O 19 de abril celebráronse as eleccións municipais, e González Munín obtivo acta de concelleiro. Pretenderon por iso os republicanos presentalo como candidato á alcaldía. Porén, non foi aceptada esta opción, consensuándose finalmente a candidatura de José Sánchez-Villamarín Pereira como alcalde-presidente o día 19 de maio e outorgando a quinta tenencia de alcaldía a González. Sánchez-Villamarín era dentro do republicanismo local máis pragmático e non tan exaltado quizais como outros correlixionarios, polo que concitou os apoios suficientes para acadar o posto de maior representación do Concello. Non obstante, dentro do Partido Republicano a súa figura non era tan valorada, tal e como demostra o feito de que poucos días despois, o 26, o partido elixiu un novo Comité no que González levou a presidencia, sendo acompañado por Francisco Álvarez Ruiz (vicepresidente), Urrabieta (secretario), Cesáreo Tizón (vicesecretario), e os vogais José Cardalda Corral, Ramón Albán Barco, Blas Amat Amat, Cándido Pereira Garea e José María Ferro Díaz. Na cerimonia de proclamación da República federal en Santiago, celebrada o 15 de xuño, González tería un lugar principal, portando a bandeira republicana, e igualmente foi designado o día 22 para formar parte do chamado Centro de iniciativa para a nova organización de Galicia (proposto polo alcalde Sánchez-Villamarín inicialmente co nome de "Centro directivo") para avaliar a forma en que Galicia ía a integrarse como «organización político-administrativa» dentro da República Federal española. Xunto a González, que tivo o cargo de secretario 2º, o devandito Centro directivo estivo integrada polo propio alcalde (presidente), Bernardo A. Portela Pérez (vicepresidente), Manuel Vázquez Acebo, José Ventura Lorenzo Mouteira (contador), Pedro Pais Lapido (secretario 1º), Esteban Quet, Vicente Martínez-de la Riva Andrés e Olimpio Pérez Rodríguez (tesoureiro), nunha heteroxénea composición da sociedade compostelá.

A principios de xullo de 1873, o alcalde Sánchez-Villamarín ditou unhas disposicións orzamentarias polas que se crearon novos impostos locais, sendo apoiado por González Munín. Pero, estas decisións non contaron co apoio incondicional de todos os republicanos. Así, o día 3 tivo lugar unha reunión do Partido Republicano na que se pediron explicacións a estas novas taxas que, segundo o parecer dunha ampla parte das bases, afectaban «notablemente á clase artesá». Como tanto o alcalde como González abandonaron a reunión, ao día seguinte achegouse á casa do concello unha comisión encabezada por Álvarez Ruiz. Días despois, o día 16, o consistorio decidiu a «supresión de todo gravame sobre algúns artigos de primeira necesidade», entre outras cuestións orzamentarias. Aparentemente puido producirse unha transacción entre os dous grupos que dese viabilidade ao futuro económico do concello, que se encontraba fortemente endebedado.

Traballo na Universidade de Santiago miniatura|300px|Patio de San Mateo no Hospital Real, onde Pablo González Munín comezou a traballar como profesor clínico en 1876 (foto de Paul Altmann, en 1889, publicada en "Baudenkmaeler in Spanien und Portugal", de Constantin Uhde, 1892) Probablemente a súa filiación masónica facilitou que a partir do 5 de agosto de 1873 obtivese o importante posto de Secretario xeral da Universidade de Santiago de Compostela, durante o reitorado de Antonio Casares Rodríguez. Este ilustre catedrático de Ciencias era cuñado do catedrático Maximino Teijeiro Fernández, membro da mesma loxa á que González Munín pertencía polo menos desde 1873. A secretaría xeral da universidade controlaba a burocracia administrativa e económica desta institución. Ocupou este cargo até o 12 de decembro de 1874, segundo Barreiro, aínda que unha nova publicada en febreiro do ano seguinte posponía o seu relevo até entón. Foi substituído por un xenro de Teijeiro, Augusto Milón Reales.

O seu ingreso na Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago supuxo a partir de xullo de 1874 o inicio da súa participación nas conferencias nocturnas do Ateneo compostelán, dirixidas á clase obreira. Nela deu charlas xunto a outros profesores universitarios como o propio Casares, Melchor Salvá Hormaechea, Ramiro Rueda Neira, Ramón Gil Villanueva, Vicente Martínez-de la Riva Andrés, Jerónimo Macho Velado e Francisco Romero Blanco, profesores do Instituto como José López Amarante e escritores como Manuel Ovilo Otero. Pouco despois González comezou a traballar como docente no Colegio de San Pelayo, dirixido por Ángel Rubido Prieto. Estivo neste colexio até xuño de 1876.

Precisamente, a principios de 1876 convocáronse as oposicións a unha praza como profesor clínico na Facultade de Medicina e Pablo González Munín presentouse, enfrontándose ás candidaturas de Juan Barcia Caballero, Santiago López Mosquera e Jesús Novoa López, comezando as probas o día 8 e rematando o 15 de xaneiro. Tras gañar as oposicións, foi nomeado Profesor clínico a finais do mesmo mes, cunha remuneración de seis mil reais ao ano. Desenvolveu este labor no Hospital Real de Santiago de Compostela até a súa morte, distinguíndose especialmente como cirurxián. Tivo como colegas neste labor aos profesores clínicos Ignacio Caballero Villar e, sobre todo, ao compañeiro masón Braulio Félix Reino Gómez. A nivel cirúrxico, xunto a Teijeiro, Jeremías e un novo Enrique Lanzós Sánchez, foi un dos primeiros que aplicaron a antisepsia en España, así como novas técnicas cirúrxicas.

En decembro de 1878 comezou a traballar tamén como médico da sociedade de socorros mutuos La Compostelana, que tiña sido creada en 1873 para dar asistencia médica e medicamentos aos seus asociados. Apenas un ano despois, pasou a colaborar coa decana das sociedades de socorros, La Benéfica, xunto doutro médico, Narciso Acosta Codesido. Tamén cómpre salientar a súa pertenza á comisión curadora das escolas da Sociedade Económica de Santiago desde novembro de 1881, nas que desde o curso de 1883 foi profesor da materia de Nocións de matemáticas. Tamén impartiu clases nocturnas de Matemáticas no Instituto de Santiago aos obreiros desde 1884, de acordo ao compromiso social republicano, e no mesmo ano presidiu novas charlas no Ateneo, ao estilo daquelas nas que interveu unha década antes, dirixidas nesta ocasión a «alumnos internos» do Hospital.

Durante este período final da súa vida seguiu comprometido politicamente e, nas eleccións municipais de maio de 1879, participou nunha candidatura de integración, que se dicía de independentes, na que aparecían compañeiros masóns, como Maximino Teijeiro, pero, sobre todo, elementos moi próximos ao primeiro monterismo, como Gerardo Jeremías Devesa ou Bruno Bartolomé Pérez. Sorprende este achegamento aos monteristas, coñecendo o seu pasado federalista, toda vez que nestas eleccións tamén presentouse unha candidatura progresista con personaxes como Manuel Palmeiro, Daniel Rey e José Peón. Porén, ao examinar o cadro de médicos e docentes da Facultade de Medicina, comprobamos que nel estaban os propios Teijeiro e Jeremías, así como outro concelleiro da candidatura independente, Jerónimo Macho. Como se ve, moitos deles eran tamén membros da Sociedade Económica de Santiago. González viuse polo tanto pouco a pouco integrado nunha rede de influencias, xermolo do devandito monterismo. Proba destas novas afinidades personalistas foi que, perante a nova viraxe ideolóxica que Montero Ríos protagonizou ao asinar o manifesto do 1º de abril de 1880 de Manuel Ruiz Zorrilla (de corte republicano e socialista), González seguiuno e acabou sendo un dos fundadores do comité local do Partido Demócrata Progresista de Santiago nos últimos días dese mesmo ano. O primeiro comité formouse con Santiago de Andrés-Moreno García (presidente), o médico Acacio José Fráiz Andón (vicepresidente), Alfredo Vilas Iglesias (secretario) e, como vogais, Sánchez-Villamarín, Cándido Pereira Garea, Maximino Teijeiro, Gerardo Jeremías, Esteban Quet e o propio Pablo González Munín.

Falecemento O martes día 9 de febreiro de 1886 Pablo González Munín faleceu en Santiago, cando só contaba 40 anos de idade. A súa curta carreira como profesor clínico non lle permitiu acadar suficientes aforros como para deixar á súa familia recursos tras a súa morte. Deste xeito, os seus funerais tiveron que ser sufragados por subscrición popular. Foi enterrado no Cemiterio Xeral, en Bonaval.