O voo 778 de S7 Airlines era un servizo doméstico de pasaxeiros operado por un Airbus A310-300 entre o aeroporto de Moscova-Domodedovo e o aeroporto de Irkutsk. O 9 de xullo de 2006 tivo un accidente ao aterrar en Irkutsk ás 07:44 hora local (22:44 UTC do 8 de xullo). O avión saíuse da pista esvarando varios centos de metros sobre a pista mollada e a herba. Esnafrouse contra unha barricada de cemento, golpeou un grupo de garaxes privados e incendiouse. Bombeiros de cinco estacións diferentes precisaron dúas horas para apagar o lume.

Un total de 125 persoas morreron no accidente. Foi o peor accidente de aviación en Irkutsk dende o voo 352 de Vladivostok Air en 2001. Tamén é o peor accidente de S7 Airlines. No presente é o cuarto peor accidente aéreo en Rusia e o terceiro con máis vítimas dun Airbus A310, despois do voo 431 de Kenya Airways e do voo 626 de Yemenia.

Tras o accidente moitos medios informaron que se producira un fallo nos freos do voo 778. Porén, o informe final do Comité de Aviación Interestatal ruso (MAK), concluíu que a causa do accidente foi un erro piloto.

Avión O avión implicado no accidente tiña o rexistro francés F-OGYP e número de serie 442. Fora entregado novo en xuño de 1987 a Pan Am co rexistro N812PA, e posteriormente pasou á frota de Delta Air Lines tras a bancarrota da primeira en 1991. O 1 de marzo de 1995 o avión entregouse a Aeroflot e finalmente pasou a mans de S7 Airlines en xullo de 2004.

O pararello acumulaba máis de 52 000 horas de voo en máis de 10 000 operacións. Estaba equpado con dous motores Pratt & Whitney PW4152. Nun dos seus anteriores voos a reversa do motor esquerdo fallou e foi desactivada polo persoal de mantemento para cumprir coa lista de equipamento mínimo da aeroliña (MEL en inglés). Porén, a desactivación da reversa sería cuestionada tras o accidente.

Notas

S7 Airlines 0778 S7 Airlines Categoría:Accidentes e incidentes aéreos en 2006