miniatura|Sólido bizantino do emperador Constantino VII Porfiroxéneta (r. 945-959) co seu fillo e herdeiro Romano II (r. 959-963). Ioseph Bringas (en grego, Ὶωσῆφ Βρίγγας), nado en Paflagonia e finado en Nicomedia en 965, foi un importante eunuco e oficial bizantino durante o reinado dos emperadores Constantino VII Porfiroxéneta (r. 945-959) e Romano II (r. 959-963). Alcanzou altos postos civís e militares mentres rexía Constantino VII. Coa morte deste emperador, converteuse nun ministro principal e rexente de facto durante o reinado de Romano II. Ao morrer subitamente o emperador en 963, Ioseph Bringas fíxose cargo do goberno e dos príncipes Basilio II e Constantino VIII, tendo que enfrontar unha gran resistencia dos seus rivais. Tras terse oposto sen éxito ao ascenso de Nicéforo II Focas ao trono imperial en 963, foi desterrado a un mosteiro próximo a Nicomedia, onde morreu no ano 965.

Traxectoria Segundo o historiador León o Diácono, contemporáneo seu, Ioseph Bringas proviría de Paflagonia, antiga rexión do norte de Anatolia. Ascendeu gradualmente dentro do servizo imperial, á dignidade de patricio e ao posto cortesán de Praepositus sacri cubiculi. O emperador Constantino VII Porfiroxéneta (r. 945-959) nomeouno primeiro Sakellarios, e logo drungario (almirante) da armada imperial, cargo que ocupaba no momento da morte do emperador. Cando o fillo de Constantino VII, Romano II (r. 959-963), asumiu o trono bizantino, nomeou a Bringas como o seu parakoimomenos. O novo emperador prefería ocupar o seu tempo cazando, mentres que Bringas resolvía os asuntos de Estado. Nesa época, Bringas frustrou un complot contra Romano II, liderado por un grupo de nobres da contorna do magister officiorum, Basilio Petino. Os conspiradores foron arrestados, tonsurados e exiliados. Con todo, moitos deles, con excepción de Petino, foron rapidamente voltos chamar.

Cando o emperador Romano II morreu subitamente, o 15 de marzo de 963, deixando sós aos seus fillos Basilio, con cinco anos de idade, e Constantino, con dous ou tres anos de idade, Bringas exerceu as funcións de xefe de Estado de facto, aínda que por tradición, a emperatriz viúva Teófano Anastaso debeu ser a rexente nominal. Teófano desconfiaba do poderoso parakoimomenos, quen así mesmo contaba con outros inimigos: o seu predecesor e rival, Basilio Lecapeno, e o vitorioso xeneral Nicéforo Focas, quen acababa de retornar da súa conquista do Emirato de Creta, ademais de realizar unha exitosa incursión en Cilicia e Siria, durante a cal saqueou Alepo, a capital hamdanida. esquerda|miniatura|Histamenon de Nicéforo II Focas (r. 963-969) con Basilio II Bulgaróctono no reverso. Nicéforo Focas visitou a capital imperial e celebrou o seu triunfo, para logo acusar a Bringas de conspirar contra el, buscando refuxio en Santa Sofía. Neste lugar, gañou o apoio do patriarca de Constantinopla, Polieucto, con cuxa axuda conseguiu ser volto nomear como doméstico das escolas (comandante en xefe) do Oriente. En consecuencia, Bringas dirixiuse a Mariano Arxiro, o doméstico do Occidente, ofrecéndolle o trono bizantino. Á vez, escribiu ao strategos do thema Anatólico Xoán I Tzimisces, sobriño e xeneral máis importante de Focas, propondo darlle o posto do seu tío se se volvese contra el. Pero en lugar de aceptar, Tzimisces revelou a Focas os plans do seu opositor, instándoo a actuar. As tropas de Focas proclamárono emperador o 2 de xullo de 963, marchando seguidamente a Constantinopla. Mentres tanto na capital, Bringas ordenou o retorno das súas tropas, incautou todos os navíos que puido, co fin de impedir a travesía a través do Bósforo por parte dos rebeldes, chegando mesmo ao momento de tomar como refén ao propio pai de Nicéforo, o ancián Bardas Focas. A poboación da cidade, emporiso, apoiou a rebelión, e ao aproximarse o exército rebelde, levantouse contra as tropas de Bringas, apoiado polo patriarca e por Basilio Lecapeno, quen supostamente armaron a 3000 homes, que enviaron á loita.

Os enfrontamentos na ra duraron tres días. Finalmente, o exército rebelde de Focas prevaleceu. Bringas foi forzado a fuxir a Santa Sofía en busca de refuxio, mentres que Basilio Lecapeno asumiu o posto de parakoimomenos, e recibiu a Nicéforo Focas na capital, onde foi coroado o 16 de agosto. Bringas foi desterrado, primeiro a Paflagonia, e despois ao mosteiro de Asecretis, en Pythia, localidade próxima a Nicomedia, onde morreu en 965.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Constantino VII. Basilio II. Constantino VIII. Nicéforo II.

Categoría:Finados en 965 Categoría:Bizancio