O voo 647 de FedEx Express era un servizo de carga entre o aeroporto de Oakland e o aeroporto de Memphis. O día 18 de decembro de 2003 o McDonnell Douglas MD-10-10F que operaba a ruta esnafrouse durante a aterraxe.
Avión e tripulación O aparello implicado no incidente era un McDonnell Douglas MD-10-10F, con rexistro N364FE. O MD-10 é unha versión actualizada do trimotor de fuselaxe ancha McDonnell Douglas DC-10. No momento do accidente o avión tiña unhas 65 375 horas de voo.
O voo tiña unha tripulación experimentada. O capitán tiña unhas 21 000 horas de voo, incluídas 2 602 horas nos MD-10 e MD-11, mentres que o primeiro oficial tiña unhas 15 000 horas, das cales 1 918 eran nos MD-10/MD-11.
A bordo do avión había tamén 5 empregados de FedEx que non estaban traballando.
Accidente O 18 de decembro de 2003 o voo 647 estaba programado para saír de Oakland ás 08:10 CST, e tras un pequeno atraso debido a un problema coa clasificación de paquetes, engalou cara a Memphis ás 08:32. A saída e o voo foron normais.
O avión tocou terra ao redor das 12:26 na pista 36R, e case inmediatamente o tren de aterraxe dereito colapsou. O avión desviouse cara ao lado dereito da pista incendiándose mentres o facía. A copiloto recibiu feridas leves cando evacuou o avión, ao igual que un dos cinco pasaxeiros. Posteriormente descubriuse que o pasaxeiro, que era piloto, que activou a rampla de emerxencia non estaba axeitadamente adestrado para realizar esa operación, e accidentalmente tirou da panca que liberaba a rampla como unha balsa no caso dunha amaraxe, polo que se separou do avión.
Investigación A NTSB realizou a investigación do accidente. Descubriu que aínda que o avión se atopara con vento cruzado durante a aterraxe as condicións estaban dentro das capacidades de seguridade do avión. Porén, descubríuse que o primeiro oficial non aliñou correctamente ou non freou axeitadamente o aparello antes de tocar, polo que o avión pisou a pista con moita forza. A medida que o avión descendía, debido ao vento cruzado, a á dereita baixou de súpeto uns 6 graos. Isto estaba máis aló das capacidades de deseño do tren dereito e rompeuse como resultado. A NTSB tamén citou o fallo do capitán ao comprobar o traballo do primeiro oficial.
A NTSB atopou ademais que a Orde da FAA 8400.10 (Manual do inspector de transporte aéreo) era deficiente na sección que trata sobre o adestramento de evacuación para a tripulación de voo.
Notas
Categoría:Accidentes aéreos nos Estados Unidos de América Categoría:Accidentes e incidentes de FedEx Express Categoría:Accidentes e incidentes de McDonnell Douglas DC-10 Categoría:Accidentes e incidentes aéreos en 2003