O igualitarismo é a posición da normativa que esixe a distribución do valor da forma menos desigual posible. Isto espertou o debate dentro do círculo académico, sobre todo a partir da publicación de Teoría da Xustiza de John Rawls no 1971. Estas discusións xiran arredor da concepción de que é a igualdade, o que procuramos igualar, que entidades son as receptoras ou as medidas da mesma, entre outras cuestións.

Dende un punto de vista axiolóxico, enténdese a igualdade como algo positivo, pero se pasamos ao plano normativo, considérase a igualdade como algo que se debe procurar. Tendo en conta que o igualitarismo non é unha mera consideración igualitaria ou de igualdade de dereitos. Faise preciso, por tanto, caracterizar o mesmo, buscando os seus fundamentos, natureza, valor e aplicabilidade.

Diferentes tipos de igualitarismo afloran dependendo dos elementos que consideremos, e en consecuencia chegaranse a conclusións diferentes, véxanse por exemplo os diferentes debates en torno ao Paradoxo da Mera Adición. Ademais, trataranse as diferentes formas na que o igualitarismo é considerado, principalmente no eido social e relixioso.

Concepto de igualdade O igualitarismo non posúe unha definición única; isto provoca que os debates xiren en torno a diferentes aspectos, os cales dependen de onde se coloque o foco. Á hora de distribuír algo entre diferentes entidades, aparecen cuestións como que é o que temos que repartir, entre aqueles que o hai que repartir, que medidas aplicamos na distribución e a dimensión temporal desta aplicación.

Ademais, outros aspectos aparecerán de xeito transversal ao longo da exposición; estes son as diferentes referencias á responsabilidade, ao valor da igualdade (en tanto a concepto problemático) e os argumentos na defensa do igualitarismo, sobre todo vencellados á resposta a argumentos que veñen dende outras posicións como o prioritarismo, o utilitarismo ou o suficientismo. Estes son os puntos clave para albiscar o percorrer do igualitarismo contemporáneo.

No que respecta ao que temos que repartir non existe consenso, posto que se mesturan elementos correspondentes a unha teoría da igualdade con aspectos máis amplos como poden ser as condicións das entidades para unha distribución xusta. Por exemplo, non é o mesmo procurar a igualdade en termos de benestar coa igualdade en oportunidades, ou as novas propostas de igualdade de oportunidade de benestar; este tipo de debates involucran elementos como a responsabilidade nas decisións ou os méritos, onde delimitar o “que” do debate aparece como unha ladaíña de elementos a favor e sobre todo críticas a consistencia do mesmo.

Outro dos grandes focos será como definimos a esas entidades receptoras do “que” se está a repartir; estas poden ser dende individuos a colectivos; por exemplo, podemos establecer que sexan individuos dunha determinada sociedade en base a un criterio étnico ou colectivos en base a certa comunidade política. As complicacións non só quedan na dimensión individual/colectivo, senón que aparecen aspectos como a delimitación espacial das entidades seleccionadas e a temporal, se consideramos unha serie de individuos, a maiores de xustificalo, temos que establecer se nesa repartición só se circunscribe a un momento presente, ou entran en consideración entidades futuras, non existentes no presente.

En terceiro lugar, no que respecta ao patrón de repartición entendérase que unha situación é máis ou menos igualitaria que outra, dependendo do punto de vista da igualdade. Neste respecto é ilustrativo paradoxo da mera adición: imaxinemos dous escenarios, no primeiro hai 999 individuos que teñen un benestar alto e 1 que non (aínda que o seu benestar está por enriba do mínimo para deixar de selo), unha segunda situación, no que sexan 998 fronte a 2, así sucesivamente até que sexa 1 fronte a 999; dándolle a volta a situación. Non está claro que situación é mellor, esta dependerá do punto de vista da igualdade escollido, tres son os principais, se se compara coa media, co que están mellor ou coa cantidade de xente, deste modo parece complicado atopar un posicionamento absoluto que responda coma único.

Por último, a pregunta polo “cando”, tamén xerará debates, posto que se consideramos a vida dunha entidade en base a momentos concretos ou se a tratamos na súa totalidade, isto provocará distintas respostas que variarán no que respecta as distribucións máis igualitarias. Isto pode condensarse arredor de se se pon o foco nas diferentes etapa ou etapas de tempo (que se consideren), ou se se trata este enfoque de forma global. A dimensión temporal convertirase nun novo punto a ter en consideración dentro do marco do igualitarismo contemporáneo.

Todas estas cuestión serán tratadas máis en profundidade nos vindeiros apartados, e poderase ver a problemática e contrapartidas dos diferentes tipos de igualitarismo e as diferentes formas nas que se artella o debate na actualidade, na súa resposta as preguntas expostas.

Igualdade de que? Unha teoría igualitarista completamente desenvolvida precisa dunha explicación exacta sobre qué é o que se vai repartir igualitariamente. A cuestión sobre a “igualdade de qué?” iniciouna Ronald Dworkin (1931-2013) cun conxunto de ensaios onde diferencia entre a igualdade de benestar e a igualdade de recursos. Partindo de que os igualitaristas procuran o desenvolvemento do benestar duns cidadáns respecto doutros, semella lóxico pensar que o ámbito no que se debe promover o desenvolvemento dunha repartición igualitaria será o do benestar, na medida na que este supón un beneficio para a sociedade. Os recursos, por outra banda, serán relevantes na medida na que provoquen un maior benestar. Nesta liña, se consideramos os ingresos, temos que as persoas procuran obter ingresos, non porque o diñeiro teña un valor intrínseco, senón porque empregan o diñeiro para mellorar a súa calidade de vida, isto é, o seu benestar. Para exemplificar a igualdade de bens, consideremos o caso de dúas persoas que teñan os mesmos ingresos, pero unha delas teña unha discapacidade que obrígaa a gastar gran parte do seu diñeiro en tratamentos médicos, co cal non teña a mesma capacidade cá outra para gastar en comida, fogar e outras necesidades; isto implicaría que esta persoa posuiría un nivel de benestar menor cá persoa que non posúe unha discapacidade. Neste punto a igualdade de recursos fallaría. Malia isto, a tendencia na procura dunha igualdade última do benestar tampouco semella a resposta a isto, e Dworkin vai rexeitala. Unha das razóns que da baséase en que esta teoría non responsabiliza ás persoas polas súas eleccións. Un exemplo disto pode ser unha persoa que posúa deliberadamente uns gustos excesivamente caros, e o seu benestar estea baseado na satisfacción dos mesmos.

Dworkin, para resolver isto, expón unha poxa hipotética na que a xente poxe por unha serie de recursos dispoñibles dende unha situación de poder igualitaria. Aínda que podería parecer que unha persoa discapacitada nesta situación seguiría tendo o mesmo problema de antes, máis non é así, xa que esta hipotética distribución igualitaria do poder xa tería como resultado que as persoas con desvantaxes naturais teñan maior participación que outros que non as sofren.

Igualitarismo de recursos Para entender que é o igualitarismo de recursos primeiro debemos saber que é unha posición desenvolta a partir da crítica a teoría da igualdade de benestar de Rawls. A igualdade de benestar proposta por rawls defende, grosso modo, que a verdadeira igualdade reside en maximizar a igualdade de benestar de todos os individuos dunha sociedade. en resposta a este punto, Dworkin desenvolve unha teoría da igualdade de recursos. o contrario que a teoría de Rawls, compensaría os individuos por unha discapacidade o algún outro tipo de desvantaxe natural, circunstancia que non ten en conta a teoría de Rawls. e, a diferenza da igualdade de benestar, esta teoría si recolle que os diferentes individuos son responsables das súas eleccións.

Igualitarismo do benestar Podemos tomar a definición de benestar da RAG como a “situación que permite levar unha vida cómoda, sen problemas materiais”, mais actualmente, chegar a tal estado é imposíbel nalgúns axentes. Porén, tal definición non semella ser aceptada dende diferentes perspectivas filosóficas. Podemos entender o benestar como un estado de pracer que temos por diversas causas, como pode ser un benestar producido pola nosa boa saúde.

A igualdade de benestar é unha posición que entende que o estado debe ser benfeitor de certos servizos que establezan unha mellora no nivel de vida que teñen os seus cidadáns. Por exemplo, cando proporciona estudos gratuítos ou sanidade universal. Estes garanten que todos os seus cidadáns teñan a posibilidade de alcanzar certo estado de benestar, indistintamente das súas cualidades. Entón, mantén que un estado de cousas mellora ou empeora segundo a súa distribución total do benestar.

O suficientismo asume que existe un límite mínimo ao que todos os axentes deberían chegar, e a partir dese limiar, a súa distribución é indiferente. Isto implica que se chegamos a un nivel de suficiencia Q en que, se todos os axentes están por riba de Q, a distribución de bens é redundante.

Igualdade de oportunidades A igualdade de oportunidades defende a idea de que un sistema é socialmente digno e xusto cando todas as persoas teñen as mesmas posibilidades de acceder ao benestar social e posúen os mesmos dereitos políticos. O suposto de fondo é que unha sociedade contén unha xerarquía de posicións máis e menos desexables, superiores e inferiores. Ou pode haber varias xerarquías deste tipo. Nunha sociedade de castas, a asignación de individuos a lugares na xerarquía social fíxase por nacemento. O neno adquire o status social dos seus pais polo menos se a súa unión é sancionada socialmente. A mobilidade social pode ser posible nunha sociedade de castes, pero o proceso polo cal un é admitido nun nivel diferente da xerarquía que está aberto só a algúns individuos, dependendo do seu status social adscriptivo inicial. En contraste, cando prevalece a igualdade de oportunidades, a asignación de individuos a lugares na xerarquía social está determinada por algún tipo de proceso competitivo, e todos os membros da sociedade son elixibles para competir en igualdade de condicións.

A igualdade de oportunidades require que os postos de traballo nas empresas económicas e as opcións para solicitar un préstamo para o investimento, como iniciar un negocio, deben estar abertos a todos os solicitantes, que as solicitudes se evalúen segundo criterios de mérito relevantes e que se ofreza ao candidato de maior cualificación.Os criterios de mérito relevantes deben establecerse de modo que aqueles que obteñan a mellor puntuación, sexan aqueles cuxa selección melloraría os propósitos da empresa. Outro aspecto do ideal de igualdade de oportunidades require que as empresas económicas que ofrecen bens e servizos para a venda véndanse a todos. Finalmente, a igualdade de oportunidades require que os compradores de bens e servizos sexan unicamente responsables do prezo e a calidade dos bens que se lles ofrecen para a súa compra (e non, por exemplo, á etnia ou o sexo ou a orientación sexual do fabricante ou vendedor do ben).

O ideal de igualdade de oportunidades é o ideal dunha economía política na que as perspectivas de cada persoa como produtor dependen unicamente do seu stock inicial de recursos, máis da súa capacidade e disposición para proporcionar bens e servizos.

Igualitarismo télico vs Igualitarismo deóntico