Maior Rodríguez, tamén chamada Guntroda, foi unha aristócrata de orixe leonesa que viviu durante os séculos XI e XII. Foi a segunda esposa do conde Pedro Froilaz de Traba, xunto ao cal tivo a tutela do príncipe Afonso Raimúndez (Afonso VII) durante diversas etapas da súa infancia.

Traxectoria

Maior Guntroda Rodríguez (Guntrode Roderiquiz) foi filla do conde Rodrigo Muñoz de Asturias e da súa muller Teresa. Da súa familia herdou diversas propiedades, en Santa María de Carrión e arredor dos ríos Araduey e Cea, coas que efectuou nos derradeiros anos da súa vida varias doazóns ao mosteiro de Sahagún, cenobio do que foi unha grande benfeitora. Casou no 6 de maio do ano 1105 con Pedro Froilaz, conde de Trastámara e líder da liñaxe dos Froilaz-Traba. A partir da data do casamento a condesa Maior comezou a figurar como confirmante nas doazóns territoriais do seu esposo e nas doutros membros da súa estirpe familiar. miniatura|Castelo de Ribadavia (Castrelo do Miño). Fortaleza na que Arias Pérez e Diego Xelmírez, arrebataron a Guntroda a custodia do príncipe Afonso Raimúndez. Titora de Afonso Raimúndez Pedro Froilaz era na altura o máis importante vasalo de Raimundo de Borgoña (totius gallecie princeps), quen lle confiou a crianza do seu fillo Afonso, herdeiro do reino galego. A infancia do neno discorreu nos dominios tradicionais do clan Petriz, nas terras de Trasancos, baixo as atencións da condesa Maior e doutros membros da súa parentela familiar.

No ano 1109, após a morte do conde Raimundo, a súa viúva Urraca, filla do rei Afonso VI, casou con Afonso I de Aragón. Este feito poñía en perigo os dereitos sucesorios do príncipe Afonso, motivo polo cal Pedro Froilaz proclamouno rei de Galiza dando inicio a unha revolta nobiliaria na que os exércitos de Afonso de Aragón e Urraca invadiron os territorios galegos. Durante este período bélico, arredor de tres meses, o infante Afonso permaneceu agochado, probabelmente na compaña de Guntroda e os seus fillos, no mosteiro de Moraime en Muxía.

Logo da expulsión das forzas do rei de Aragón, os Froilaz, que contaban co apoio do conde de Portucale Henrique de Borgoña, trasladaron o neno baixo o coidado da súa aia dona Maior até o castelo de Castrelo do Miño, en Ribadavia, mais próximo aos dominios territoriais de Henrique. Nesta fortaleza foron cercados por partidarios da raíña Urraca que unha vez fracasados os intentos de conquistar o castelo polas armas, negociaron unha saída pactada de Guntroda, os seus fillos e o infante cara aos dominios dos Froilaz. O bispo de Compostela Diego Xelmírez actuou como garante do acordo. Confiando no prelado a condesa Maior abandonou a seguridade do castelo mais, unha vez que se permitiu a entrada das tropas inimigas, estas abalanzáronse sobre ela arrebatándolle o príncipe, o cal portaba nos seus brazos, prendéndoa a continuación xunto cos seus fillos. Mediante negociacións co captor de Guntroda Arias Pérez e Xelmírez, Pedro Froilaz conseguiu a liberación dos reféns en xaneiro do 1111. Pactando ademais unha alianza co prelado compostelán que permitiu coroar como rei o príncipe Afonso na Catedral de Compostela en setembro dese mesmo ano. Esta alianza con Xelmírez custou aos Froilaz diversas concesións á sé compostelá, a máis significativa supuxo a fin do chamado preito dos arciprestados, xurisdicións eclesiásticas situadas nos seus dominios que Xelmírez reclamaba ao bispo mindoniense Gonzalo Froilaz. Guntroda figura no documento que sela este acordo, datado en febreiro do 1110, inmediatamente despois do conde Pedro.

Polas mesmas datas, o problemático matrimonio entre a raíña Urraca e Afonso de Aragón deveu nunha guerra civil na que a raíña precisaba da axuda da nobreza galega seguidora do seu fillo. No ano 1112 trasladouse a Galiza e iniciou unha serie de concesións económicas para garantir o seu apoio, nunha delas outorga ao conde Pedro e a súa dona "Maiori Roderici" importantes propiedades territoriais en varios puntos de Galiza. Catro anos máis tarde, estalou o conflito en Galiza entre os partidarios da raíña e os do seu fillo Afonso. Pedro Froilaz que levara a Afonso Raimúndez a Toledo, onde combatía contra os almorábides, tivo que regresar rapidamente a Compostela. Alí, Afonso Raimúndez foi recibido como rei de Galiza nunha ateigada cerimonia. Este feito que independizaba o reino galego dos restantes dominios de Urraca provocou a súa intervención militar. Pedro Froilaz deixou en Compostela o neno-rei de once anos baixo coidado de dona Maior e unha importante escolta mentres el marchaba co seu exército. A ameaza dunha sublevación dos burgueses composteláns, enfrontados ao seu señor o bispo Xelmírez e a proximidade do exército de Urraca, fixo que a condesa, talvez lembrando os sucesos de Castrelo do Miño decidise abandonar a cidade co príncipe e a súa garda militar para unirse ao exército do seu home.

Aínda no 1123, tres anos antes da súa morte, Urraca tentou recuperar o dominio do reino galego, para o cal conseguiu capturar a condesa Guntroda, o conde Pedro e algúns dos seus fillos, mais a masiva revolta nobiliaria que este feito provocou fixo que tivese que desistir definitivamente de tal empeño. centro|miniatura|665x665px|Confirmación de varios membros da familia Froilaz-Traba nunha doazón de Rodrigo Froilaz ao Mosteiro de Xuvia. Entre eles a condesa dona Maior (comitissa dona maior)

Morte e soterramento miniatura|Quintana de Mortos, antigo cemiterio da Catedral de Compostela e lugar onde foi soterrada a condesa Maior Guntroda A condesa Maior Rodríguez faleceu pouco despois do 6 de xuño do 1129, data da súa última aparición documental. Tres anos antes, no 1126, falecera tamén o seu home Pedro Froilaz. Antes da súa morte ambos redactaran un amplo inventario de posesións que foron cedidas á sé compostelá co probábel obxecto de facer desta o panteón da súa estirpe familiar. A lista de bens foi tan extensa que o cronista da Historia Compostelá renunciou a enumeralos todos e o bispo Xelmírez preferiu repartilos entre as dioceses das zonas das que procedían. A entrega dos bens produciuse en dúas etapas unha á morte do conde e a segunda só se entregou despois da morte da condesa.

A condesa foi soterrada xunto ao seu home nun sartego de pedra berroqueña na praza da Quintana, cemiterio da Catedral de Compostela. No século XVI ambos os sepulcros foron trasladados ao interior da catedral, á capela dos reis, e a eles acostumaba ir o cabido catedralicio en certos días do ano cantar un responso ab Comités. Descoñécese o paradeiro actual dos restos da condesa Guntroda, é posíbel que o seu ataúde fose unha das tres tumbas descoñecidas que o historiador Ambrosio de Morales describiu na súa visita á Catedral de Santiago no ano 1572: "As outras tres sepulturas son tumbas rasas, que non teñen labor, senón só as Cruces planas".

Descendencia miniatura|Sartego de Pedro Froilaz de Traba no Panteón Real da Catedral de Santiago. Do seu casamento con Pedro Froilaz a condesa Guntroda deixou dez fillos:

Rodrigo Pérez de Traba - Tenente de Traba, San Xurxo, Ferreira, Faro e da Espenuca. Señor de Porto (1132-1135). Mordomo de Afonso I de Portugal (1140- 1141). García Pérez - Conde. Casou con Elvira, filla da raíña Urraca e o conde Pedro González de Lara. Vasco Pérez - Foi tenente da terra da Límia. Eva Pérez - Casou co conde Pedro González de Lara. Toda Pérez - Condesa de Montenegro. Urraca Pérez Sancha Pérez Estefanía Pérez - Casou con Rodrigo Fernández de Castro, alcalde de Toledo. Elvira Pérez - Casou co conde de Tui Gómez Núñez de Pombeiro. Aldara Pérez - Casou con Arias Pérez, señor dos castelos de Lobeira e Pena Corneira.

Notas

Referencias

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Casa de Traba

Categoría:Casa de Traba Categoría:Historia medieval de Galicia Categoría:Artigos destacados sobre Galicia Categoría:Nobres de Galicia do século XI Categoría:Nobres de Galicia do século XII