Elvira Méndez de la Torre Rodríguez, nada en Ribadeo o 31 de marzo de 1873 e finada en Toledo en xullo de 1974, foi unha mestra galega.
Traxectoria No 1897, desprazada xa a Madrid coa familia, obtivo o título de Mestra de Primeiro Ensino na Normal Central de Maestras (Universidade Central de Madrid), presentándose a dúas oposicións e aprobando ambas ese mesmo ano. Foi Premio de Honor na Escuela de Pintura y Grabado de Madrid no 1902, data a partir da que iniciou primeiro a súa formación internacional e logo a súa proxección no traballo. Foi pensionada polo Ministerio de Instrución Pública para formarse en Traballo Educativo en Ripatransone (Italia), estudar Psicoloxía e Antropoloxía en París e graduarse no 1905 como Profesora de Anormais (correspondente á actual Educación Especial) en Milán.
Traballou nas escolas normais de Segovia e Ávila. No 1910, comezou a traballar en Toledo, onde promoveu cantinas escolares, ropeiros e colonias (colonia veraniega de Pedrosa, Santander, cun sistema de axudas), iniciativas daquela novidosas. Creou a Decena, entidade que axudaba as alumnas pobres.
No 1926 foi nomeada concelleira de Toledo. Entre 1926 e 1930 promoveu a construción da nova Escola Normal de Mestras na vila, sendo directora da institución entre 1913 e 1948, cun período entre 1931 e 1936 no que non ocupou o cargo por unión entre as escolas normais masculina e feminina. Á súa xubilación foi nomeada Directora Honoraria.
Solteira, relixiosa e con carácter forte, foi membro segrar da Orde 3ª Carmelita. Ao facer 100 anos foi homenaxeada coa Cruz de Afonso X o Sabio.
Vida persoal
A súa irmá Adelina Méndez de la Torre Rodríguez foi xornalista e mestra en Bilbao, e o seu irmán Emilio foi autor de teatro.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Nados en Ribadeo
Categoría:Nados en 1873 Categoría:Finados en 1974 Categoría:Profesores de Galicia Categoría:Concelleiros de España Categoría:Alumnos da Universidade Central de Madrid