A teoría da decisión versa sobre o conxunto de decisións que unha persoa pode tomar dentro dunha serie de accións posíbeis e ao razoamento que subxace a ditas eleccións, independentemente da natureza das preferencias. Segundo a teoría formal, hai unha serie de criterios básicos ou lóxicos que hai que cumprir. En primeiro lugar a transitividade, a completude e asimetría e a simetría da indiferenza. Se estes criterios son violados é imposíbel saber cales son as preferencias do individuo e consideraremos que non actúa de forma loxicamente consistente. Se, pola contra se cumpren, pódese establecer unha orde de preferencias de menor a maior, do menos preferido ao máis preferido como función de utilidade. O paradigma canónico desta teoría inclúe a un individuo que toma decisións as cales se dan por supostas segundo unha orde de preferencias. Con todo, podemos falar da teoría da decisión tanto coma unha teoría de crenzas, desexos e outras actitudes relevantes como unha teoría de elección en si mesma.

Tomamos malas decisións en base a uns nesgos cognitivos. Deste xeito, a teoría da decisión ensínanos a realizar os cálculos necesarios para tomar boas decisións. Unha cuestión importante abordada dende esta teoría é a referida aos criterios que se deben cumprir para que un axente (entendéndoo como a entidade capacitada para deliberar e actuar) teña preferencia por unha opción fronte a outra, atendendo ás circunstancias xenéricas que se poidan dar.

Dentro da teoría da decisión racional podemos distinguir, por unha banda a referida a un só actor, e por outra, a de máis dun actor. En relación á primeira atopamos a teoría paramétrica da decisión onde temos situacións de certeza, risco ou incerteza, dependendo da información que teña o axente, sendo completa no primeiro caso e incompleta no segundo e no terceiro. Cando falamos de máis dun actor, podemos distinguir a teoría estratéxica da decisión (ou teoría de xogos), sendo as decisións interdependentes dos outros individuos, e teoría da eleccións social pola que se propoñen criterios que engaden funcións individuais da decisión nunha soa función social de decisión.

Por último, esta teoría caracterízase por unha concepción de racionalidade que avoga por unha actuación racional dos individuos en contraposición ao que é habitual na toma de decisións das persoas no seu día a día.

Distinción entre teoría normativa e descritiva A teoría da decisión racional trata o tema das eleccións levadas a cabo por un axente, este será entendido como unha entidade que ten capacidade de deliberar e actuar. Estamos polo tanto no ámbito do razoamento, no cal as eleccións de cada axente veranse determinadas polas súas vivencias persoais e preferencias subxectivas (crenzas, valores ou desexos). Esta teoría busca establecer criterios racionais á hora de examinar as decisións, xa sexan complexas ou banais e como se vencellan as diversas actitudes de preferencia.

Atopámonos con dúas vertentes principais, por unha banda, a teoría normativa (na que se centrará a entrada principalmente) onde se buscan os criterios de como establecer as formas de actuar que os axentes deberían seguir, mais sen esquecer que outra das ramas sería a descritiva, que trata o estudo de como se toman as decisións ou a prescritiva, que trata de como poden elixir ben individuos reais.

Isto provocará que se traten as diferentes concepcións da probabilidade, o tratamento da incerteza ou a teoría da utilidade esperada (TUE) na busca da racionalidade, sendo estes os grandes focos de debate no eido académico na actualidade. Dado que as preferencias non son o único factor a considerar nas decisións, na análise da teoría da decisión estudaranse diferentes tipos de razón prácticas, como son as razóns pro tanto, razóns en favor ou en contra de facer algo.

Na actualidade o modelo de decisión máis amplamente aceptado é o modelo UE, baseado nun conxunto de axiomas establecidos por L. Savage que no seu conxunto garantirían a toma dunha decisión consistente. Aínda que amplamente defendido, este modelo tamén contará con dificultades non superábeis e diferentes críticas por parte, principalmente, da teoría da racionalidade limitada.

A teoría da decisión será transversal a outras disciplinas, dende a economía á bioloxía, pasando pola filosofía, entre outras. Isto vén dado pola relevancia que posúe na praxe, como poden ser os métodos estatísticos e econométricos ou determinadas cuestións vencelladas á teoría de xogos. A teoría da decisión racional, en definitiva, busca establecer cales serían as mellores decisións racionais considerando a maior cantidade de información relevante posíbel.

Criterios para a toma de decisións As consecuencias dos nosos actos non só dependen das decisións que tomamos, senón tamén dos estados das cousas que suceden máis aló do noso alcance. Ás veces tomamos decisións sabendo o que vai pasar se decidimos unha cousa a outra. Pero non sempre é así. A maior parte das nosas decisión realízanse en situacións nas que non sabemos que vai ocorrer se actuamos dun modo ou outro. De maneira que a nosa decisión ten que ter en conta a probabilidade.

Elección considerando probabilidades:

Pode acontecer a situación hipotética de que, un día saíndo da casa non saibamos se saír co paraugas ou non. Se saímos con paraugas e non chove, o noso benestar sería un pouco maior a que se saímos con el e chove. No caso de non saír co paraugas, se chove, causaríanos un gran prexuízo en comparación; se non chove, sería a mellor situación posible. O destacábel neste exemplo sería que non levar paraugas causaría picos de valor ou desvalor (en función de se chove ou non chove), en cambio, levar paraugas produciría un valor máis uniforme. Sería algo tal que así:

Supoñendo que soubésemos que a probabilidade de que chova é de 0,8 e a de que non de 0,2, neste caso a mellor opción sería levar paraugas. Ou polo menos iso é o que concluiremos se avaliamos utilizando o concepto de valor esperado.

O valor esperado dunha certa acción: a suma dos distintos valores esperados para cada estado de cousas se se realiza tal acción multiplicados en cada caso pola probabilidade de que suceda. Cada un dos respectivos distintos estados de cousas.

Así, a comparación do que sucede no caso do paraugas podemos representala así:

O valor esperado de levar paraugas é: (11 x 0.2) + (10 x 0.8) = 10.2 O valor esperado de non levar paraugas é: (14 x 0.2) + (0 x 0.8) = 2.8

Polo tanto, neste caso que acabamos de analizar, o valor esperado de levar paraugas nunha situación na que a probabilidade de que chova é de 0,8 é claramente maior que o de non levalo.

No entanto, poderíamos preguntarnos o seguinte: a partir de que probabilidade de que chova é racional levar paraugas dada a asignación de valores de benestar feita arriba? Se realizásemos tal cálculo o resultado sería de aproximadamente 0,769. O cal implicaría que se queremos maximizar o noso benestar, sería racional levar paraugas se a probabilidade de que non chova é menor de 0,769, e non levar paraugas se é maior.

Agora ben, isto non supón que o mellor sexa facer sempre o que maximiza o valor. Isto dependerá de que principio sigamos. Un criterio posíbel é o que vimos arriba de maximizar o valor, esta é a posición utilitarista. Pero podemos seguir outros criterios como tratar de reducir o noso desvalor. Neste caso sería preferíbel ir sempre con paraugas porque o noso maior desvalor estaría en non levar paraugas. Supoñamos en cambio que prefiramos unha opción que nos permita chegar ao máximo de valor, isto levaríanos a decidir non levar paraugas pois o maior pico de valor estaría nesta opción.

Ata o momento, tan só consideramos os valores finais que é esperábel obter. Isto cambiaría se tivésemos valores instrumentais como o diñeiro. Supoñamos un caso no que temos que decidir entre tres opcións (a, b, c) nun escenario no que hai tres estados de cousas posíbeis: f, con probabilidade de 0,79; g, con probabilidade de 0,01; e h, con probabilidade de 0,2. En cada unha destas situacións obteríamos certa cantidade de diñeiro, tal que así:

Quen busque maximizar a maior cantidade de diñeiro esperábel optarán pola opción a). Se se busca maximizar o mínimo de diñeiro obtíbel elixirá b), na que a peor opción é menos mala. E, á súa vez, quen trate de acadar a máxima cantidade de diñeiro optaría por c), pois é o pico máis alto de diñeiro. Mais dependendo das nosas circunstancias as nosas decisión vense condicionadas. Se o que queremos conseguir mediante o diñeiro custa 30, optariamos por b); se custa entre 31 e 150 preferiríamos a); e, finalmente, se custase 151 ou máis, teríamos que escoller necesariamente a opción c).

Criterios de decisión en situacións de incerteza Fernando Aguiar fai referencia á distinción que establece F. Knight entre risco e incerteza. Unha situación de risco caracterízase pola carencia de certeza sobre o resultado final da decisión, aínda que si que se coñece unha certa probabilidade de resultados alternativos (por exemplo, a elección entre cara o cruz nunha moeda). En cambio, nunha situación de incerteza, non só descoñecemos o resultado final, senón que tampouco podemos predicilo en termos de probabilidades obxectivas.

Deste xeito, un dos obxectivos que a teoría da decisión persegue vai ser o estabelecemento dalgún criterio de decisión para actuar nas situacións de incerteza. Distinguiremos entre catro criterios para abarcar esta problemática.

Criterio maximín. Ao descoñecer as probabilidades dos sucesos, o que nos aconsella este criterio é seguir aquela acción que nos asegure o máximo dos mínimos, é dicir, a acción que nos libre do peor resultado posíbel. O criterio maximín compara os peores resultados de cada opción posíbel e escolle o mellor deles. En palabras de Aguiar “trátase dun criterio “conservador” pois desperdicia boa parte da información ao ter en contra soamente os peores resultados de cada opción”. Criterio maximax. Ao contrario do criterio maximín, este só ten en conta o mellor resultado posíbel de cada acción, é dicir, o máximo dos máximos. Aínda así, adoece do mesmo defecto que o criterio anterior: non ten en conta boa parte da información ofrecida pola situación. Criterio de Hurwiez. Co fin de evitar as dificultades ás que se enfrontan os criterios anteriores, Hurwiez propuxo unha alternativa baseada na suma ponderada dos resultados extremos das liñas de acción.

Tendo en conta o seguinte exemplo exposto por Aguiar e sendo A e B dúas posíbeis decisións e C, D e E os seis respectivos resultados posíbeis, que habería que escoller segundo cada criterio? CDEA10021B99980 Todos os criterios coincidirían en escoller a opción A, mais tendo en conta as súas propias motivacións. O criterio maximín, defendería tomar a decisión A porque posúe o máximo valor mínimo comparado con B. Pola contra, o criterio máximax, optaría pola situación A xa que dispón do mellor resultado posible. E o criterio de Hurwiez establecería unha vía intermedia entre ambos en función do grado de pesimismo e optimismo do suxeito elector.

Criterio de “razón insuficiente” de Laplace. Esta postura consideraría todos os valores obxectando que carecemos de información de que se dean as situacións C, D os E. Porén, o máis racional sería asignar a mesma probabilidade a cada unha das situacións posíbeis e escoller a que xere a maior utilidade ou valor esperado. Por iso, seguindo este criterio, a mellor opción será a situación B.

En caso de ter en conta non só as decisións incertas en termos probabilísticos e fixar o punto de mira nas posíbeis atribucións subxectivas da citada probabilidade, podemos falar da chamada “modificación bayesiana” do criterio de Laplace. Segundo esta posición, en lugar de conceder a mesma probabilidade obxectiva a cada unha das opcións posíbeis, cabería a posibilidade de que o suxeito elector, por motivacións subxectivas, pensase que algunhas opcións son máis probábeis que outras, de xeito que atribúa así a cada cal unha probabilidade subxectiva.