A parda alpina (Braunvieh) é unha raza de vaca doméstica autóctona dos Alpes suízos e presente en varias subrazas por toda a zona alpina. Así é denominada como Braunvieh en alemán (en galego traducido por "vaca moura") ou Bruna alpina vecchia ceppo, en italiano. Orixinariamente era unha raza de tripla aptitude, usada para a produción de leite, carne e traballo; as vacas pardas alpinas modernas dedícanse maioritariamente á produción láctea. É a raza da cal proveñen as actuais razas suízas Brown Brown e American Brown .

Historia A pardo alpina derívase das vacas de cor marrón agrisada criadas dende a Idade Media no cantón de Schwyz (Suíza central). Documentos de finais do século XIV no mosteiro de Einsiedeln documentan a exportación deste gando a Vorarlberg, agora parte de Austria.Felius & Beerling & Buchanan & Theunissen (2014) O primeiro libro xenealóxico coñecido por unha raza de gando é precisamente o da pardo alpina conservado na abadía de Einsiedeln de 1775 a 1782. Unha descrición de 1795 do gando de Schwyz defíneo como o máis grande e o mellor do país.

A pardo alpina foi exhibida na Exposición Universal de Agricultura, Industria e Belas Artes de París (1855) e na Grande Exposición de Londres (1862).

As vacas de Schwyz e outras dúas razas de gando pardo alpino foron recoñecidas en 1875, e en 1879 uníronse nun só libro xenealóxico co nome de Schweizerische Braunvieh. En 1897 fundouse a asociación de criadores Verbands Schweizerischer Braunviehzucht-Genossenschaften en Bünzen, no cantón de Aargau .

Entre 1967 e 1998 houbo unha reprodución cruzada substancial de Braunvieh con Brown Swiss co obxectivo de mellorar o rendemento do leite, as dimensións físicas e a conformación da ubre. En Alemaña, o que comezou como un programa de mellora converteuse nun programa de substitución e en 1994 a contribución xenética de Brown Swiss a Braunvieh alcanzou o 60%.

Historia en España Dende o ano 1956 até a década de 1970 o Ministerio de Agricultura importou ininterrompidamente tódolos anos lotes de becerras de parda alpina, procedentes sobre todo de Suíza e Austria (aínda que tamén en menor medida de Alemaña, Francia e Italia) que foron vendidas a gandeiros da metade norte de España (Cordilleira cantábrica, Pireneos e submeseta norte).

Loxicamente adaptáronse moi ben por ser gando rústico e aproveitouse para un triplo propósito, converteuse na raza máis numerosa da metade norte e chegou a desprazar ou extinguir por absorción a maioría das variedades ou razas locais preexistentes. Hoxe e día en territorios como León ou Cataluña existen razas locais descendentes integramente de exemplares de parda alpina.

Actualidade Hoxe día existen dous tipos de parda alpina: a parda alpina suíza, de vocación leiteira e a parda alpina orixinal, como raza mixta de carne e de leite. Os descendentes desta raza atópanse amplamente estendidos por toda a montaña leonesa, así como tamén en Palencia, Asturias e Cantabria.

En Suíza rexistráronse 216.000 femias e preto de 1.200 machos censados no libro xenealóxico. No transcurso da tempada 2002/03, rexistráronse 192.011 lactacións, cunha media de produción en 300 días de 6.454 Kg, cun contido en graxa de 3,99% e 3,31% de proteína. En Suíza aínda se crían ao redor de 4.000 alpinas orixinais, que tamén están inscritas en control leiteiro.

Esta raza resulta interesante para os gandeiros pola calidade do seus ubres e das súas patas. Ademais, está estendida a nivel mundial pola súa lonxevidade, capacidade de adaptación, fertilidade e aptitudes para pastar. Posúe unha importante produción de proteína de calidade e soporta condicións difíciles de manexo. Outra virtude da parda alpina é a súa facilidade na muxidura, calidade que é apreciada a nivel global.

Actualmente a variante que foi introducida en maior escala na década de 1960 na rexión de León é coñecida como "parda de montaña".

Razas derivadas da pardo alpina

Parda de montaña cantábrica (con núcleo na provincia de León). Parda de montaña pirenaica (con núcleo na provincia de Huesca). Parda dos Pireneos ou Bruna dels Pirineus (con núcleo na provincia de Lleida). Parda suíza ou Brown Swiss (orixinaria do Canadá e os Estados Unidos).

Morfoloxía A parda alpina é unha vaca de capa uniforme parda ou gris-parda, co nariz negro e bocibranca. Os cornos son curtos e delgados, e claros coas puntas escuras. O fociño é de cor gris lousa rodeado dun halo branco. As orellas están forradas con longos pelos brancos que lembran aos animais de peluche. O touro é máis escuro na cruz. Mide 135 a 140  cm á cruz de 600 a 700  kg

Uso Trátase dunha vaca de aptitude leiteira. Dependendo da zona a produción oscila entre 7.200 (rexións de montaña) e 12.000 litros ao ano. Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas Ficha en ARCA, no Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente Páxina oficial dos criadores suízos de Braunvieh

Categoría:Razas de vacas