María Izquierdo Rojo, nada en Oviedo o 13 de setembro de 1946, é unha filóloga, profesora universitaria, activista feminista e política española. Aínda que de orixe asturiana, vive en Granada dende 1973, onde desenvolveu a súa vida profesional e política. Foi deputada dende a I até a III Lexislatura e europarlamentaria durante as lexislaturas III, IV e V.
Traxectoria Doutorada en Filosofía e Letras pola Universidade de Oviedo, cunha tese sobre a narrativa de Juan Carlos Onetti coa que obtivo a cualificación cum laude e o premio fin de carreira, traballou primeiro no Colexio Universitario de Málaga e trasladouse definitivamente a vivir a Granada en 1973, onde desenvolveu a súa actividade profesional desde entón, e en cuxa Universidade é profesora titular.
Traxectoria política Ingresou no Partido Socialista Obrero Español e na Federación de Traballadores do Ensino da UXT en 1973. Aínda que ocupou cargos de representación en ámbalas dúas formacións, axiña se decantou pola actividade política, salientando a súa labor á fronte da reconstrución no interior do PSOE granadino durante os últimos anos da ditadura franquista.
Nas eleccións xerais de 1977 foi elixida deputada ó Congreso pola provincia de Granada, sendo reelixida en 1979 e 1986.
Iniciado o proceso autonómico tras a Lexislatura Constituínte, compaxinou a súa labor parlamentaria coa creación da estrutura preautonómica da Xunta de Andalucía. O 27 de maio de 1978, foi elixida parlamentaria pola circunscrición de Granada na Xunta Preautonómica de Andalucía, sendo Conselleira da mesma até a súa disolución en 1979. Participou ademais no Relatorio do proxecto de Estatuto de Autonomía.
En 1982, foi nomeada Secretaria de Estado para as Comunidades Autónomas, tempo no cal culminou a constitución de todas as Comunidades agás Ceuta e Melilla. En 1989, foi elixida membro do Parlamento Europeo, integrada no Grupo Socialista, posto que ocupou até 2004.
De 1979 a 1983 foi secretaria de Política Autonómica na Comisión Executiva Federal do PSOE. Foi tamén membro do Comité Federal socialista dende a legalización do partido até 1990.
No ano 2008, quedou excluída por primeira vez como delegada para os congresos nacional e rexional do PSOE a causa, segundo a propia deputada, de defender unha emenda a prol da democracia interna do partido no congreso provincial.
Notas
Categoría:Nados en 1946 Categoría:Nados en Oviedo Categoría:Profesores da Universidade de Granada Categoría:Alumnos da Universidade de Oviedo Categoría:Políticos do PSOE Categoría:Políticos de Andalucía Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (Lexislatura constituínte) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (I Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (III Lexislatura)