Amadeu Aragay i Davi, nado en Sabadell en 1886 e finado en Cidade de México en 1965, foi un político, empresario e sindicalista catalán.

Traxectoria Durante a súa mocidade estudou na Escola Pía de Sabadell e no Instituto Xeral e Técnico de Barcelona.

Inicialmente militou nas mocidades do Partido Republicano Radical de Alejandro Lerroux, e foi moi combativo con Solidariedade Catalá desde El Progreso. Tamén foi concelleiro do concello de Sabadell (1911-1914) polo Partido Radical, pero dende o 1915 mantivo posturas críticas co partido e aproximouse ó Bloc Republicà Autonomista.

Por influencia de Lluís Companys e Francesc Layret, en 1922 ingresou en Unió de Rabassaires, da que foi nomeado secretario xeral permanecendo no cargo de 1924 até 1936. Á vez, distanciouse do lerrouxismo. En 1930 asinou o Manifesto de Intelixencia Republicana e en xaneiro de 1931 foi encarcerado catro semanas no castelo de Montjuïc por dar apoio á sublevación de Jaca. En marzo de 1931 participou na Conferencia de Esquerdas e afiliouse a Esquerra Republicana de Catalunya. O 14 de abril participou xunto a Lluís Companys, no Concello de Barcelona, na proclamación da República Catalá.

Nas eleccións xerais españolas de 1931 e 1933 foi escollido deputado por ERC, e participou na discusión da Lei de Bases da Reforma Agraria (1932). En 1936 foi expulsado da Unión de Rabassaires por oporse á forte influencia do PSUC. Ó rematar a guerra civil española exiliouse en México. Alí traballou en varias actividades comerciais, interveu nos diversos grupos catalanistas e foi membro activo do Orfeó Català de México. Tamén ó longo da súa vida foi un destacado membro da francmasonaría.

Obras El ocaso de las almas (1915) El problema agrari català (1924) El pirata (opereta) Terra nostra (el rebassaire) (1925) La tragedia de Quimet (1926)

Categoría:Nados en Sabadell Categoría:Nados en 1886 Categoría:Finados en 1965 Categoría:Políticos de ERC Categoría:Sindicalistas de Cataluña Categoría:Deputados nas Cortes da II República