miniatura|Papamoscas negro, 2010 en Texel, Países Baixos O papamoscas negroPenas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.Dicionario Digalego papamoscas > papamoscas negro (Ficedula hypoleuca) é unha pequena ave paseriforme da familia dos papamoscas do Vello Mundo (muscicápidos). É unha das catro especies de papamoscas de cor branca e negra do oeste do Paleártico, que se pode hibridar ata certo punto con Ficedula albicollis. A especie reprodúcese na maior parte de Europa (incluída Galicia) e oeste de Asia. É migratoria, e pasa o inverno principalmente na África tropical. Xeralmente constrúe os seus niños en buratos de carballos. Esta especie practica a polixinia, xeralmente é bígamo, e o macho viaxa grandes distancias para atopar unha segunda parella. O macho aparéase coa segunda femia e despois volve xunta a primeira para axudarlle a alimentar as crías.

O papamoscas negro come principalmente insectos, aínda que a súa dieta tamén inclúe outros artrópodos. É común que coma arañas, formigas, abellas e outras presas similares.

Ten unha ampla área de distribución e gran tamaño de poboación, polo que ten un status "pouco preocupante" para a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN).

Taxonomía

O papamoscas negro é un muscicápido, que forma parte dunha familia de paxaros cantores insectívoros. A palabra latina ficedula que dá nome ao xénero significa 'pequena ave comedora de figos'. O termo específico hypoleuca procede de raíces gregas e significa 'parte inferior branca'.

A especie foi descrita por Carl Linnaeus no seu libro Fauna Svecica (1746), unha obra que non utilizaba nomenclatura binomial e que, por tanto, non é válida na nomenclatura moderna. Posteriormente, na décima edición do seu Systema Naturae e na décima edición de Fauna Svecica (1761), Linnaeus confundiu este papamoscas coa papuxa das amoras (Sylvia atricapilla) e co chasco rabipinto (Saxicola rubetra). Por tanto, o papamoscas negro carecía inicialmente dun nome binomial válido. A especie foi finalmente denominada Motacilla hypoleuca polo naturalista alemán Peter Simon Pallas en 1764. Porén, Pallas describiu a especie de maneira anónima no apéndce dun catálogo de vendas dunha colección de Adriaan Vroeg, popularmente coñecido entre os ornitólogos como “Adumbratiunculae”. A autoría da Adumbratiunculae puido despois ser atribuída a Pallas. Dada o carácter anónimo inicial da publicación e que a autoría real foi inferida por probas externas, o Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica propuxo que o nome de Pallas debería aparecer entre corchetes no nome da especie. Así, a forma correcta do nome cinetífico completo desta ave é Ficedula hypoleuca ([Pallas], 1764).

Ficedula hypoleuca ten actualmente catro subespecies recoñecidas: a nominal F. h. hypoleuca ([Pallas], 1764), F. h. speculigera (Bonaparte, 1850), F. h. iberiae (Witherby, 1928) e F. h. tomensis (Johansen, 1916). A subespecie F. h. muscipeta (Bechstein, 1792) considérase hoxe en día sinónimo de F. h. hypoleuca, pero podería representar outra verdadeira subespecie. O nome F. h. atricapilla (Linnaeus, 1766) é un sinónimo júnior subxectivo de F. h. hypoleuca; e o nome F. h. sibirica Khakhlov, 1915 non é válido, pois a forma correcta é F. h. tomensis (Johansen, 1916).

Descrición

miniatura|esquerda|Femia adulta en Suecia.

Mide de 12 a 13,5 cm de longo. O macho reprodutor é principalmente negro pola parte superior e branco pola inferior, cunha gran mancha branca nas ás, laterais da cola brancos e unha pequena mancha na fronte. A subespecie da Península Ibérica, iberiae, ten unha mancha na fronte maior e unha mitra clara, cola completamente negra e unha mancha grande branca nas primarias da á. Os machos non reprodutores, as femias e os xuvenís dos papamoscas negros substitúen a cor negra pola marrón clara e nese estado pode ser moi difícil distinguilos doutros papamoscas Ficedula, especialmente do Ficedula albicollis, especie coa cal ademais poden hibridar en certa medida.

O bico é negro ten a forma ancha pero bicuda típica dos insectívoros aéreos. Ademais de capturar insectos en voo, esta especie caza eirugas entre a follaxe dos carballos e insectos no chan. É un migrante de primavera mais temperán que o máis aéreo papamoscas cincento (Muscicapa striata), e a súa canción alta, rítmica e melodiosa é característica das carballeiras en primavera. miniatura|esquerda|Vocalización do papamoscas negro Son paxaros dos bosques caducos, parques e xardíns, con preferencia polos carballos. Constrúen un niño aberto nun burato dunha árbore e adáptanse rapidamente a unha caixa de nidificación artificial con burato dianteiro. Poñen de 4 a 10 ovos.

Unha especie moi similar das montañas do Atlas Ficedula speculigera foi anteriormente clasificada como subespecie do papamoscas negro europeo.

Distribución e hábitat

O papamoscas negro ten unha ampla área de distribución e un gran tamaño de poboación, polo cal a IUCN considera que o seu estado é "pouco preocupante". Esta especie ocupa áreas que abranguen moitos países de Europa e norte de África e está presente tamén na zona asiática rusa. Máis especificamente, a subespecie nominal, F. h. hypoleuca, habita no Reino Unido, Europa central e Escandinavia; F. h. speculigera habita en Marrocos, Alxeria e Tunisia; F. h. iberiae vive na Península Ibérica, e F. h. tomensis no leste de Europa e Rusia. A especie é considerada errante nalgunhas zonas doutros países de África e sur de Asia, como o Sudán e Afganistán. Pasa o inverno en África tropical.

É unha ave terrestre, que habita en bosques abertos e pechados e cidades. En 2005, a poboación europea considerábase que era de 3 a 7 millóns de parellas.

Sistemas de apareamento

O papamoscas negro practica predominantemente un sistema de apareamento mixto con monogamia e polixinia. O seu sistema de apareamento foi descrito tamén como polixinia sucesiva. Dentro deste último sistema, os machos abandonan o seu territorio unha vez que a parella primaria pon os primeiros ovos. Os machos despois crean un segundo territorio, presumiblemente para atraer unha femia secundaria coa que reproducirse. Incluso cando teñen éxito en adquirir unha segunda parella, os machos tipicamente tornan onda a primeira femia para proporcionarlle axuda exclusivamente a ela e as súas crías. Os machos ás veces coidan ambas as parellas se os niños das femias primaria e secundaria non están moi afastados. O macho pode tamén coidar ambas as parellas unha vez que as crías da femia primaria emplumaron. O macho xeralmente non ten máis de dúas parellas, practicando a bigamia. Observáronse só dous casos de trixinia.

Diferenzas de xénero no comportamento de apareamento

O comportamento de apareamento do macho ten dúas características clave: deserción da femia primaria e politerritorialidade. O macho viaxa grandes distancias, unha media de 200–3500 m, para encontrar a súa segunda parella. Despois de reproducirse coa femia secundaria, os machos tornan coa súa primeira parella. Os machos desta especie son politerritoriais; os machos fanse con múltiples sitios de atraer unha femia. Unha vez que se reproduce con esta primeira femia, o macho procura máis sitios de nidificación, normalmente a algunha distancia deste sitio da femia primaria, para atraer unha segunda femia para aparearse. Os machos que teñen mellor éxito na polixinia son tipicamente de maior tamaño, máis vellos e máis experimentados para chegar antes aos sitios de emparellamento.

O comportamento da femia foi tamén estudado en profundidade, especialmente debido a que algunhas femias aceptan a polixinia, mentres que outras poden manter relacións monógamas. As primeiras femias nunha relación políxina non sofren moito en comparación coas femias en situación monógama. Estas femias primarias conseguen un maior éxito reprodutivo porque poden asegurarse unha axuda a tempo completo por parte do macho unha vez que retorna da súa busca dunha segunda parella. Porén, a segunda femia a miúdo sofre prexuízos pola polixinia. Estas femias teñen un 60% menos de crías que as femias que teñen unha relación monógama. Estes descubrimentos son consistentes co modelo do limiar de polixinia. Ademais, a femia secundaria fai unha menor posta de ovos que a que probablemente podería criar por si mesma.

Outro comportamento que é relativamente frecuente é a práctica de copulación extra-parella. Así, o macho que practica isto terá un grupo de descendentes criados sucesivamente sen ningún investimento parental pola súa parte. A femia pode beneficiarse destas copulacións extra-parella se a segunda femia se considera que ten xenes superiores ao do macho orixinal. Outro beneficio deste tipo de copulacións é que hai un incremento na variabilidade xenética. Porén, as femias non están normalmente moi desexosas destas copulacións extra-parella. Unha femia que que é perseguida para realizar unha copulación extra-parella permitirá pasivamente que o macho copule con ela, ou se resistirá e arriscarase a un dano causado pola agresión do macho.

Dispersión reprodutora

Nun experimento realizado desde 1948 a 1964 no bosque de Dean en Gloucestershire, rexistráronse as localizacións de 250 caixas de nidificación e despois analizados a súa ocupación. A dispersión reprodutora media (a distancia entre niños sucesivos) do papamoscas negro vai de 52 a 133 m, cunha distancia media entre sitios de nidificación é duns 45 m. Esta distancia depende tipicamente da densidade reprodutora de cada ano. O estudo encontrou poucas evidencias que indicasen unha diferenza en dispersión reprodutora entre distintos anos ou entre machos monógamos e políxinos. Como resultado, podían combinarse os datos para as categorías separadas. A dispersión reprodutora a distancias máis longas podería ter como resultado tanto unha fidelidade de parella coma un cambio de parella, e isto último ocorre ou cando a parella previa está aínda viva ou despois da morte da parella. Estudáronse as distancias da dispersión reprodutora de aves que sobreviven máis de tres estacións reprodutoras, e os resultados mostraron que a fidelidade do sitio incrementábase con máis intentos sucesivos de apareamento. O mesmo estudo a longo prazo tamén atopou que era máis probable que os papamoscas negros máis vellos, tanto machos coma femias, se movesen en distancias máis curtas entre estacións reprodutoras que as aves máis novas. Cando se observaba que os machos restablecían os seus lazos de parella, tendían a ocupar certas áreas que estaban preto do sitio de nidificación establecido na estación reprodutora previa. Ademais, era menos probable que as femias volvesen a un sitio reprodutor anterior despois da morte ou divorcio da súa anterior parella. Cando unha parella se divorcia, observouse que as femias se movían a unha maior distancia que os machos. Como resultado, as femias que manteñen as mesmas parellas de ano a ano acaban movéndose a distancias máis curtas en cada período de apareamento que os que se divorcian. O divorcio ten pouca influencia na probabilidade de que os machos se movían do seu sitio de nidificación orixinal. O estudo encontrou que os machos que mantiñan a mesma parella non se move a distancias significativamente menores que os machos que se divorcian.

Evolución da polixinia

Como a maioría de especies de aves mostran comportamentos de apareamento monógamos, o comportamento polixínico do papamoscas negro foi obxecto de moitas investigacións. Hai tres principais hipóteses que tratan de explicar por que as femias se establecen polixinicamente cando diminúe a súa fitness global e éxito reprodutor comparado cunha relación monógama.

Hipótese do "fillo sexy"

miniatura|Macho adulto en Finlandia miniatura|Femia adulta en Finlandia