miniatura|Ilustración do «Falansterio» de Charles Fourier para 3000 persoas (BNE). O falansterio ou falanxe é a comunidade de produción, consumo e residencia teorizada polo socialista utópico francés Charles Fourier como base do seu sistema social igualitarista. Eran de carácter agrícola e estaban formados por grupos de 1.620 persoas. Nestas comunidades a competitividade económica estaba abolida, non había salarios nin propiedade privada.

Fundábanse na idea de que cada individuo traballaría de acordo coas súas paixóns e non existiría un concepto abstracto e artificial de propiedade, privada ou común. Todos os individuos participarían da propiedade da terra e dos medios de produción.

Fases cara ao Falansterio miniatura|Falansterio no Condado de Monmouth, Nova Jersey, Estados Unidos Fourier afirmaba que o progreso da humanidade sería a través de sete fases que levarían á harmonía definitiva: a confusión, o salvaxismo, o patriarcado e a barbarie eran as primeiras; o período contemporáneo á súa época era a fase da civilización, a cal se caracterizaba pola anarquía individual e era unha etapa de transición até chegar aos últimos estados, o garantismo (sexta fase) e a harmonía (sétima).

O Garantismo Esta fase tería o obxectivo de superar a desorde das cidades da época, mais non chegaría aínda á fase ideal. A cidade garantista estaría formada por tres coroas concéntricas: a primeira contén a cidade comercial e administrativa (central), a cidade industrial ao redor da primeira (arrabaldes) e na periferia a cidade agrícola (suburbio). A densidade do construído iría decrecendo desde o centro cara a fóra. É dicir que, na primeira coroa a superficie libre será igual á ocupada, na segunda, o duplo e na terceira, o triplo.

Co Garantismo comezará o verdadeiro progreso -material, moral e amoroso- que culminará na Harmonía, co Falansterio como unidade harmónica.

A Harmonía A fase harmónica sería a última, na que os seres humanos erradicarían por fin as inxustizas, o sufrimento, e alcanzado, todos, a particular forma de dita á que aspiraban.

Sobor do papel da arquitectura sostiña que: "Á arquitectura foille dado un papel como axente do cambio social". Ao alcanzar a fase da Harmonía, a falanxe ou o falansterio sería o edificio pabellonario que representaría o logro da arquitectura como unidade social. Para Fourier, a vida e a propiedade deben estar completamente colectivizadas:

"Se existe unidade no sistema do universo, deberá existir tamén unha teoría da harmonía xeométrica no mundo social así como para o mundo material.""

Organización O Falansterio é o edificio colectivo mixto de produción e residencia. Estaría conformado por trescentas a catrocentas familias, unhas mil oitocentas persoas, que substituirían a familia como a institución básica da organización social. Esta sociedade iríase formando de maneira gradual, voluntaria e pacífica. Cada persoa podería decidir libremente e cando quixese se quería pertencer ou retirarse do establecemento. A Falanxe non obedecía a un patrón único, que se reproduciría de forma repetitiva, senón que variaría segundo as preferencias dos seus habitantes co obxectivo de crear un espazo estimulante, onde o traballo fose unha fonte de diversión e pracer e non un elemento opresivo. A agricultura sería o eixo principal para o traballo e o abastecemento. Os membros do Falansterio consumirían o que eles mesmos producirían. Os traballos serían de libre elección, segundo o rol que quixese desempeñar cada persoa, e rotativos, para que nunca resultasen tarefas aburridas.

O edificio estaría conformado por un espazo central destinado ás funcións públicas, como comedores, salas de estudo, biblioteca e lugares para asembleas. Unha das ás contería espazos ruidosos e grandes salas especializadas, tales como obradoiros de carpintaría e cociñas, mentres que na outra se situarían os baños e os lugares de relacións con persoas alleas. Contaría tamén cun xardín de inverno, teatro, igrexa, depósitos e cortellos. As grandes galerías facilitarían reunións e a circulación de todos os individuos. Outros sectores estarían destinados á privacidade dos departamentos. Está regulado por un minucioso código da edificación que define distancias entre as unidades habitacionais en relación coas alturas, as larguras das rúas e as formas dos tellados. A súa proposta de harmonía non permite a construción de casas pequenas, senón só casas colectivas que favorecerían a concentración dos servizos e das relacións. Cada familia viviría no seu propio apartamento, e utilizaría os restaurantes e salóns comúns. Os pisos terían dimensións distintas dependendo das necesidades e os gustos, así como diferenzas económicas entre as distintas familias.

Fourier non defende a igualdade económica total, nin tampouco se opón ao capitalismo, senón que, ao contrario, ve a posibilidade de que o capitalista que estivese disposto a investir na realización do Falansterio se convertese nun dirixente a quen se lle tentaría modificar a súa forma de pensar. Por outra banda, segundo a súa análise, a principal causa do conflito social nas cidades era a pobreza, e non a desigualdade económica-cultural. Por tanto, de se garantiren as necesidades mínimas de todos, incluíndo os menos podentes, a sociedade viviría en equilibrio, aínda habendo diferenzas de clases. miniatura|Interior do falansterio de Guisa (Francia).

Repercusións Nos séculos posteriores, houbo varios intentos de pór en práctica o estilo de vida exposto polo Falansterio, en particular o caso do Familisterio en Guisa.

O Familisterio foi un experimento de vivenda social creado por Jean-Baptiste Godin, construído en Guisa entre 1859 e 1876. A súa creación estivo inspirada na proposta de Fourier, mais tomando certas liberdades arquitectónicas e sociais. O palais social de Godin confórmase por tres bloques de vivendas, cada un conta cun patio central con cuberta de vidro, sendo este o espazo colectivo que substitúe as rues intérieures do Falansterio.

Este proxecto presentaba unha proposta máis realista do cooperativismo, o que permitiu materializalo e mantelo activo até o século XXI.

Ademais, houbo outro intento de crear un falansterio en España, promovido por Joaquín Abreu en Tempul, próximo a Jerez de la Frontera (España). En Europa a importancia do fourierismo declinou rapidamente, mais en Norteamérica tivo unha boa acollida e gozou de certo prestixio intelectual. A idea dunha forma de vida cooperativa resultou atractiva para moita xente nunha época de depresión económica. En pouco tempo creáronse entre 40 e 50 falansterios, aínda que só tres sobreviviron máis de dous anos. O máis exitoso foi o chamado North American, que se disolveu despois dun aparatoso incendio que acabou cos seus bens. Como no caso das comunidades owenitas, o fracaso destes falansterios, máis aló das súas dificultades intrínsecas, debeuse ao seu rápido crecemento, que atraeu en pouco tempo a gran cantidade de persoas pouco preparadas e aínda menos comprometidas.

Na República Arxentina, Jean Joseph Durando estabeleceu en 1857 un falansterio en terreos doados polo facendado Luis Hugues, no que se chamou Colonia Hugues, preto de Colón, provincia de Entre Ríos. Formábana 530 inmigrantes suízos, saboianos e alemáns. Durando, un personaxe con gran poder de suxestión e penetración psicolóxica que nacera no cantón de Valais, logrou unha comunidade rural con adiantos tecnolóxicos e autosuficiente.

Foi o modelo no que se inspiraron as comunidades hippys e os kibbutz, que desenvolveron un modo de vida comunal que atraeu o interese da opinión pública mundial.

Crítica Segundo Friedrich Engels, un dos puntos débiles dos utopistas era desenvolver propostas detallando até o máis mínimo dos aspectos, mais sen lograr explicar como levar o proxecto á realidade. Este foi o caso de Fourier, que na súa descrición do Falansterio non deixa nada ao azar, especificando o referido á arquitectura, o mobiliario, a indumentaria, os horarios destinados a cada actividade, entre outras, mais non logra aclarar moi ben como se podería pór en práctica o modelo. É talvez ese un dos motivos polo cal non se chegou a materializar.

Ademais, Engels criticou o carácter anti-urbano desta e outras utopías pola súa abstracción da realidade, porque, por unha banda, situábanse fóra da cidade e eran sistemas completamente autónomos que non se relacionaban co existente. Doutra banda, Fourier non deixaba marxe para o libre crecemento destes asentamentos, porque a única forma posíbel de desenvolverse unha vez alcanzada a fase harmónica sería só a través da repetición do organismo elemental, a Falanxe. Ademais, esta proposta non beneficiaba directamente ao proletariado como clase social nin representaba en particular os intereses desta clase, senón que se dirixía de forma moi xeral á totalidade da humanidade.

Mario Vargas Llosa cuestionou a posibilidade dunha organización tan libre, tendo en conta os fracasos de intentos, e expón a posibilidade de que, levado á práctica, a "revolución falansteriana" podería ter dexenerado en anarquía ou nun sistema represor, que fose o único capaz de evitar a súa disolución.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas El falansterio, de Charles Fourier El libro de los pasajes (recompilacións sobre Walter Benjamin). La utopía socialista que no pudo ser. Un investigador reconstrúe a historia do proxecto de falansterio de Cádiz, que estivo a piques de erixirse nun idílico paraxe. El País, Jesús A. Canas. Cádiz, 12 de abril de 2017 - 14:04 CEST Los orígenes del socialismo utópico: El plano de un falansterio en el archivo del Gobierno Civil (selección e textos, José Ramón Barroso). Cádiz, Arquivo Histórico Provincial, 2014.

Categoría:Socialismo Categoría:Organizacións de vivenda