Pablo Hernández de Cos, nado en Madrid o 20 de xaneiro de 1971, é un economista español que exerceu como gobernador do Banco de España dende o 11 de xuño de 2018. Con 47 anos no momento do nomeamento, converteuse no gobernador máis novo dende José Ramón Álvarez Rendueles, que fora nomeado gobernador con 38 anos de idade en 1978. Dende 2019, tamén preside o Comité de Basilea.
Traxectoria Licenciouse en 1993, en Ciencias Económicas e Empresariais na Facultade de Estudos Financeiros (CUNEF); o ano seguinte, licenciouse en Dereito pola Universidade Nacional de Educación a Distancia e, en 2004, conseguiu o doutoramento en Ciencias Económicas pola Universidade Complutense, cunha tese dirixida por José Manuel González-Páramo. En 2009, realizou un programa executivo na IESE Business School da Universidade de Navarra. Tamén foi profesor asociado no Departamento de Economía da Universidade Carlos III de Madrid e no Instituto de Empresas (IE).
En 1997 incorporouse ao Banco de España como economista titulado do Servizo de Estudos do Banco de España. Entre 2004 e 2007 foi asesor do consello executivo do Banco Central Europeo. Dende o 1 de outubro de 2015, foi director xeral da Dirección Xeral de Economía e Estatística do organismo trala dimisión de Luis Malo de Molina, que ocupaba o cargo desde 1992.
O 28 de maio de 2018, foi proposto polo goberno español para o cargo de gobernador do Banco de España, e o 30 de maio foi nomeado no cargo con efecto o 11 de xuño; datas nas que prometeu o cargo perante o rei Filipe VI nun acto celebrado no Palacio da Zarzuela. O seu nomeamento foi unha das últimas decisións do Goberno de Mariano Rajoy, con anterioridade á moción de censura que se aprobou ao día seguinte e supuxo o cambio de goberno. Esta manobra foi criticada por un sector do Banco de España e pola oposición (PSOE e Unidos Podemos). Por outro lado, Cidadáns non reaccionou negativamente ao nomeamento, aínda non se seguiu a súa proposta de procedemento.
A prensa destacou o seu perfil técnico, sen pasado político. O Ministerio de Economía, tras o anuncio do seu nomeamento, destacou que "é un excelente candidato para o cargo de gobernador debido á súa gran formación técnica, en particular en materia bancaria e monetaria; a súa independencia política; e a súa experiencia e prestixio para o Banco de España e o Banco Central Europeo". Unidos Podemos describiuno como "un falcón, pero cun perfil técnico impecable e polo menos coñece a economía".
Membro de organismos Hernández de Cos é membro do Consello de Estatística de España, do Padroado do Centro de Estudos Monetarios e Financeiros (CEMFI) e do Padroado e do Comité Executivo da Fundación de Estudos de Economía Aplicada (FEDEA).
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Lista de gobernadores do Banco de España
Ligazóns externas Imaxes na conta de Flickr do Banco de España
Categoría:Economistas de España Categoría:Gobernadores do Banco de España Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1971 Categoría:Alumnos da Universidade Nacional de Educación a Distancia Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid