O heavy metal () é un xénero musical derivado do rock a finais dos anos 1960 e comezos dos 1970, principalmente nos Estados Unidos de América e no Reino Unido. Partindo do blues e o rock psicodélico, os grupos pioneiros do heavy metal desenvolveron un son máis marcado e profundo caracterizado por unha distorsión amplificada, solos de guitarra e ritmos enerxéticos. As letras e actuacións dos grupos de heavy metal adoitan asociarse coa masculinidade e agresividade.
Os primeiros grupos considerados dentro do heavy metal, como Led Zeppelin, Black Sabbath e Deep Purple, atraeron grandes audiencias malia ser criticados habitualmente nos medios de comunicación, e a mediados dos anos 1970 Judas Priest supuxo un estímulo na evolución do xénero ao descartar gran parte da influencia do blues. Outros grupos como Motörhead introduciron características do punk rock incrementando a énfase na velocidade e a finais da década de 1970 os grupos da Nova Onda do Heavy Metal Británico como Iron Maiden e Saxon continuaron con esta evolución.
Na década de 1980 o glam metal tivo grande éxito comercial con grupos como Mötley Crüe e Poison, mentres que nos ámbitos underground comezaron a desenvolverse unha serie de estilos máis agresivos. O thrash metal fíxose popular grazas a grupos como Metallica, Megadeth, Slayer e Anthrax, aínda que outros subxéneros máis extremos como o death metal e o black metal seguiron unha evolución máis separada das correntes principais. Dende mediados dos anos 1990 comezaron a popularizarse diversos subxéneros que expandiron a definición do xénero. Algúns destes son o groove metal (exemplificados no grupo Pantera), influenciado polo metal extremo e o hardcore punk, e o nu metal (con grupos como Slipknot, Korn ou Linkin Park), que adoita incorporar elementos do grunge e do hip hop.
Características
O heavy metal caracterízase tradicionalmente por fortes sons de guitarra distorsionados, ritmos enérxicos, densos sons de baixo e batería, e voces vigorosas. Os diversos subxéneros modifican estas características de diversas formas, dándolle énfase, alterando ou omitindo unha ou máis delas. A composición típica dos grupos deste xénero adoitan incluír batería, baixo, guitarra rítmica, guitarra solista e un vocalista. Os instrumentos de teclado tamén se empregan en ocasións acompañando ao resto de instrumentos.
A guitarra eléctrica, usada xunto a amplificadores de son, foi o elemento principal na historia do heavy metal. O son característico deste xénero provén principalmente do uso combinado de altos volumes e da distorsión dos sons producidos. Os solos de guitarra son característicos no heavy metal, o que axudou a destacar a importancia deste instrumento dentro do xénero. A maioría de cancións de heavy metal tradicional conteñen como mínimo un solo de guitarra, considerado moitas veces como un medio de expresión de virtuosismo musical. Unha excepción notable a isto dáse no subxénero do nu metal, onde os grupos tenden a omitir este tipo de solos. O son crebado das guitarras rítmicas no heavy metal conséguese mediante a técnica denominada palm mute, que permite crear un son máis preciso que resalta os tons baixos.
O papel protagonista da guitarra eléctrica no heavy metal adoita colidir co papel tradicional de líder de grupo do vocalista. A socióloga Deena Weinstein cualificouno como unha "tensión musical na que ámbolos dous contenden polo dominio cunha rivalidade amistosa". Tamén afirmou que o heavy metal "require a subordinación da voz baixo o son conxunto do grupo", e que "reflectindo as raíces do xénero na contracultura dos anos 1960, require unha demostración explícita de emoción no canto como sinal de autenticidade". Neste mesmo senso o crítico musical Simon Frith afirmou que o ton da voz dos cantantes de heavy metal é máis importante que as letras das cancións en si mesmas.Citado en
O baixo ten un rol prominente no son do heavy metal xa que a súa interacción co son das guitarras é un elemento central do xénero, sendo o instrumento que fornece os sons máis baixos característicos do xénero. Por isto considérase que xoga un papel máis importante no heavy metal que noutros xéneros como pode ser o rock. As liñas do baixo no heavy metal poden presentar unha ampla variedade en canto a súa complexidade, dende manter un ton de pedal baixo ata execucións complexas de riffs e licks xunto ás guitarras rítmica e principal. Algúns grupos empregan o baixo como un instrumento principal, enfoque popularizado polo uso e solos de baixo de Cliff Burton de Metallica a comezos dos anos 1980.
miniatura|esquerda|300px|Exemplo de padrón blast beat para batería. A base da batería no heavy metal conséguese creando un ritmo constante e ruidoso, no que os medios teñen alcumado "unha serie perfecta de velocidade, poder e precisión". Polo xeral considérase que a batería no heavy metal require unha cantidade considerable de resistencia, sendo factores chave a velocidade, coordinación e destreza na execución. Unha técnica característica do heavy metal no tocante á batería e "afogar o prato", que consiste en golpear un prato para inmediatamente despois agarralo coa man, o que produce un son característico. A configuración da batería é polo xeral máis grande e con máis elementos que nas empregadas noutros xéneros musicais, e moitos dos subxéneros como o black metal ou o death metal empregan amplamente ritmos con dobre bombo e blast beats.
Nas actuacións ao vivo adoita ser habitual o alto volume de son e considérase unha parte importante destas. O psicólogo Jeffrey Arnett referiuse aos concertos de heavy metal como "o equivalente sensorial a unha guerra." Seguindo os pasos de artistas e grupos como Jimi Hendrix, Cream e The Who, os grupos pioneiros do heavy metal como Blue Cheer comezaron a empregar volumes máis altos nas súas actuacións. Unha crítica dun concerto de Motörhead de 1977 destacou que "o volume excesivo tivera moito que ver no impacto causado polo grupo". Weinstein argumentou que da mesma forma que a melodía é o elemento principal da música pop e o ritmo é o enfoque principal da música house, o forte son, timbre e volume son os elementos chave do heavy metal, afirmando que o alto volume está deseñado para "arrastrar ao oínte cara dentro do son e dar unha inxección de vitalidade xuvenil".
En relación ao xénero dos compoñentes dos grupos de heavy metal, a consideración xeral existente ata mediados dos anos 1980 era que practicamente tódolos músicos de heavy metal eran homes agás en contadas excepcións, como por exemplo o grupo Girlschool. Porén, nas décadas de 2000 e 2010 as compoñentes femininas nestes grupos fixéronse máis habituais, particularmente no papel de vocalistas, e adoitan ter unha boa consideración nos medios especializados.
Linguaxe musical Ritmo e tempo 450px|miniatura|Exemplo de padrón rítmico empregado no heavy metal. O pentagrama superior é para guitarra rítmica, e o inferior para batería. O ritmo nas cancións de heavy metal é enfático, con acentuacións deliberadas. Segundo Weinstein, a variada selección de efectos de son dispoñibles na batería permite que "o padrón rítmico acade complexidade dentro da súa transmisión e insistencia". En moitos dos temas o ritmo caracterízase por empregar figuras rítmicas curtas de dúas ou tres notas, xeralmente formadas por corcheas e semicorcheas, as que se lles aplica un staccato mediante a técnica palm mute nas guitarras rítmicas.
As celas rítmicas curtas, bruscas e desconectadas únense a outras frases musicais de estrutura distintiva e habitualmente errática. Estas frases empréganse para crear un acompañamento rítmico e figuras melódicas denominadas riffs, que axudan a establecer ganchos temáticos. Os temas de heavy metal tamén usan figuras máis longas como as redondas nas baladas de tempo máis lento. Os tempos nos comezos do heavy metal tendían a ser lentos e pesados, aínda que cara ao final dos anos 1970 os grupos adoitaban empregar unha gran variedade de tempos. Na década dos 2000 o rango de tempos utilizados no heavy metal acadaron unha variedade que ía dende os lentos das baladas de 60 pulsos por minuto ata os extremadamente rápidos de tipo blast beat de ata 350 pulsos por minuto.
Estruturas harmónicas Un dos trazos característicos do xénero son os acordes chamados power chord, que se executan nun só intervalo, xeralmente unha quinta perfecta. Ao tocar estes acordes nas cordas máis baixas a volumes altos e con distorsión, créanse sons adicionais de baixa frecuencia, que producen o efecto característico deste tipo de acordes. Malia que o intervalo de quinta perfecta é a base máis común, tamén poden basearse en intervalos diferentes como a terceira menor, terceira maior, cuarta perfecta, quinta reducida ou sexta menor. A maioría destes power chords tócanse cun arranxo de dedos consistente que pode escorregar facilmente cara a arriba e abaixo polo diapasón.
O xénero baséase en riffs creados con tres características harmónicas principais: progresións de escalas modais, progresións tritonais e cromáticas, e o uso de puntos de pedal. O heavy metal tradicional tende a empregar escalas modais, en particular a escala menor natural e a escala diatónica. As relacións cromáticas e tritonais empréganse en varias progresións de acordes, engadindo características pentatónicas e derivadas do blues. As cancións adoitan facer un uso extensivo do punto de pedal como base harmónica. As relacións harmónicas no heavy metal considéranse complexas facendo que a análise harmónico do xénero resulte sofisticado e relativamente máis complicado que noutros xéneros.
Relación coa música clásica dereita|miniatura|250px|Ritchie Blackmore Segundo o musicólogo Robert Walser, xunto ao blues e o R&B a música clásica tivo unha grande influencia no heavy metal desde os comezos do xénero. Walser tamén argumentou que moitos dos músicos de heavy metal máis influentes foron guitarristas con estudos de música clásica, que adaptaron modelos musicais clásicos desencadeando o desenvolvemento dun novo virtuosismo da guitarra e cambios na lingua melódica e harmónica do heavy metal.
Nun artigo escrito para Grove Music Online, Walser afirmou que "os anos 1980 suscitaron a adaptación xeral de progresións de acordes e prácticas virtuosas dende modelos europeos do século XVIII, especialmente Bach e Vivaldi, por parte de guitarristas influentes como Ritchie Blackmore, Marty Friedman, Jason Becker, Uli Jon Roth, Eddie Van Halen, Randy Rhoads e Yngwie Malmsteen". Kurt Bachmann de Believer tamén afirmou que "De facerse correctamente, o metal e o clásico quedan bastante ben xuntos. A música clásica e o metal son probablemente os dous xéneros que teñen máis en común no tocante a sensacións, textura e creatividade."
Malia que diversos músicos de heavy metal citan compositores clásicos como inspiración, a música clásica e o heavy metal teñen as súas raíces en tradicións e prácticas culturais diferentes. Segundo os musicólogos Nicolas Cook e Nicola Dibben, "A análise da música popular tamén revela ás veces a influencia de tradicións artísticas. Porén, sería incorrecto afirmar que tradicións como o blues, rock, heavy metal, rap ou a música dance derivan só principalmente de cuestións artísticas."
Temáticas líricas Segundo os investigadores David Hatch e Stephen Millward, Black Sabbath e os numerosos grupos de heavy metal que estes inspiraron, concentráronse en líricas "de contido escuro e depresivo ata unha extensión ata o de agora sen precedentes en ningunha forma de música popular". Para esta argumentación poñen como exemplo o segundo álbum de Black Sabbath, Paranoid, publicado en 1970, que segundo eles inclúe cancións que tratan con traumas persoais xunto a outras que confrontan cuestións máis xerais como a guerra. Derivando das raíces do blues, o sexo adoita ser outro tema importante, con exemplos que van dende as letras insinuantes de Led Zeppelin ata as referencias máis explícitas presentes en moitas cancións de grupos de glam metal e nu metal.