Igor Matovič, nado en Trnava o 11 de maio de 1973, é un político eslovaco que exerce como o antigo primeiro ministro de Eslovaquia.
Matovič fundou o movemento Xente Común (Obyčajní ľudia), de centro-dereita, que se presentou ás eleccións coa anticorrupción por bandeira. Foi elixido para o Consello Nacional en 2010 nas listas do partido Liberdade e Solidariedade. A súa campaña anticorrupción centrouse especialmente nos privilexios parlamentarios e os subornos.
Foi reelixido en 2020 e o seu partido obtivo un número suficiente de escanos para formar un goberno de coalición con outros tres partidos de centro e dereita. O goberno que Matovič formou foi aceptado pola presidenta Zuzana Čaputová e foi nomeado primeiro ministro o 21 de marzo de 2020.
Traxectoria
Inicios e mundo empresarial Igor Matovič naceu en Trnava o 11 de maio de 1973. En 1993 comezou a estudar na Facultade de Xestión da Universidade Comenius, graduándose en 1997. Fundou un negocio en 1997 e traballou como conselleiro delegado da editorial regionPRESS dende 2002 ata 2010. Máis tarde Matovič trasladou o negocio á súa muller, Pavlína.
Carreira política En 2010 fundou o movemento cívico Xente Común (Obyčajní ľudia, OĽaNO), de centro dereita e que poñía énfase na anticorrupción. Matovič anunciou o movemento cívico mediante folletos gratuítos distribuídos pola compañía de prensa da súa familia. Xunto con outros tres deputados de Xente Común, saíu elixido para o parlamento nas eleccións de 2010 na lista Liberdade e Solidariedade (SAS). Permaneceu no grupo do SaS ata febreiro do ano seguinte, cando a proposta do partido opositor Smer sobre a cidadanía múltiple. A oposición de Matovič á posición do goberno levou ao abandono da coalición por parte do SaS. En 2011, o goberno de Iveta Radičová caeu, o que provocou novas eleccións en 2012. Liderado por Matovič, Xente Común foi reconstituído en OĽaNO (Xente Común e Personalidades Independentes), un partido político independente. OĽaNO obtivo o 8,55% dos votos e 16 escanos. Permaneceu na oposición porque non estaba disposto a traballar con Smer-SD.
Como líder de OĽaNO, Matovič chamou a atención facendo campañas contra a corrupción. Para denunciar a inmunidade parlamentaria, aparcou deliberadamente o seu coche nunha beirarrúa e mostrou o seu pase parlamentario á policía cando esta pretendía remolcalo, mentres que para opoñerse á corrupción, someteuse a unha proba de polígrafo para probar que nunca aceptara subornos. Con todo, Robert Fico acusou a Matovič de falta de ética ao facer unha venda ficticia do negocio de regionPRESS por 122 millóns de coroas eslovacas ao empregado Pavel Vandák, que presuntamente obtivo o diñeiro dunha conta interna. Matovič negouno.
Primeiro ministro de Eslovaquia O partido de Matovič, OĽaNO, obtivo nas eleccións parlamentarias eslovacas de 2020 53 escanos de 150 no Consello Nacional, co 25,02% dos votos. A corrupción foi o gran tema das eleccións, o que axudou a Matovič, que se situaba dende había tempo como un activista anticorrupción. O 13 de marzo Matovič anunciou que chegara a un acordo para unha coalición de goberno cos partidos de centro e dereita Somos Familia, Liberdade e Solidariedade e Para a Xente, aínda que non acordaran un programa de goberno común. Matovič presentou o seu goberno á presidenta Zuzana Čaputová o 16 de marzo e esta aceptou todos os nomeamentos. A composición do novo gabinete foi revelada o 18 de marzo e xuraron os cargos o 21 de marzo de 2020.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Zuzana Čaputová
Ligazóns externas
Categoría:Alumnos da Universidade Comenius Categoría:Primeiros ministros de Eslovaquia Categoría:Nados en 1973