Teresa Luzzatti Quiñones de López de Rúa, nada en Lugo o 5 de outubro de 1889 e finada en Madrid o 14 de novembro de 1942, foi unha política galega. Dirixente católica, formou parte da Asemblea Nacional Consultiva da ditadura de Primo de Rivera.
Traxectoria Estudou en España e no estranxeiro. Xa viúva e nai de cinco fillos, deuse a coñecer como dirixente da Acción Católica da Muller, así como secretaria do seu Centro de Estudos. Dirixiu a Sección Municipalista da ACM, encargada de organizar o censo municipal de cara ao sufraxio aprobado polo Estatuto Municipal de 1924. Impulsou e dirixiu a Universidade Profesional Feminina de Madrid, tamén chamada Universidade Popular da Muller, que fundara a imaxe das escolas profesionais para a muller que funcionaban en Barcelona e no estranxeiro, principalmente en Francia, Bélxica ou o Canadá. Esta institución dependía da ACM desde a súa aprobación na terceira asemblea da Acción Católica en 1926.
Tamén en 1926 pasou a formar parte da Asemblea Nacional Consultiva creada por Miguel Primo de Rivera, unha cámara corporativa e non democrática. Ingresou xunto a María de Maeztu, Josefina Olóriz, María de Echarri, Blanca de los Ríos e Micaela Díaz Rabaneda entre outras mulleres, designadas polas “actividades da vida nacional”, é dicir, polo seu apostolado social. Incorporouse en outubro de 1927 á sección de Acción Social, Sanidade e Beneficencia. O 14 de decembro de 1929 recibiu do ministro Eduardo Aunós a medalla de prata do TraballoLa Vanguardia, 15 de decembro de 1929..
Tras a fin da ditadura e despois das eleccións municipais de España de 1931, seguiu militando na Acción Católica da Muller dentro das tendencias que, sen saír do apoliticismo organizativo, fomentaban a participación política individual. En novembro de 1931 incorporouse á constituída Sección Feminina de Acción Popular. En 1934 foi nomeada presidenta do xurado mixto de Vestimenta e Tocado de Madrid.
Tras o Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 que deu pé á guerra civil española mantívose en Madrid, doente de diabetes. No momento do seu falecemento era vogal da Xunta municipal de primeira ensinanza de Madrid.
Como conferenciante disertou sobre Exeria no Lar Gallego de Madrid. Escribiu o drama La verdadera felicidad, representado na Coruña en 1958.
Vida persoal Filla do enxeñeiro e fotógrafo Gustavo Luzzatti dal Pozzo e da ponferradina Margarita Quiñones Armesto, foi irmá de Gustavo, Margarita, Jerónimo, Emilia e Susana Luzzatti Quiñones. Casou co militar melidao Jovino López Rúa, e foi nai de Gustavo (n. 1 de novembro de 1908), Teresa (nada o 12 de abril de 1911 e asistente á Universidade Popular da Muller), María, José e Margarita López Luzzati. Foi curmá do político José María Gil Robles.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados en Lugo
Categoría:Nados en 1889 Categoría:Finados en 1942 Categoría:Membros da Asemblea Nacional Consultiva