A rizartrose, tamén coñecida como artrose do polgar, é un tipo de artrose que afecta á articulación trapecio-metacarpiana. Esta articulación une o primeiro metacarpiano do dedo polgar co óso trapecio do carpo. A rizartrose prodúcese cando a cartilaxe articular, que conecta estas dúas estruturas, desgástase, a miúdo provocando dor, rixidez e limitación do movemento. Está estreitamente relacionada coa obesidade e adoita desenvolverse en idades avanzadas, sendo moito máis frecuente en mulleres que en homes. Ademais, é o segundo tipo de artrose máis común na man despois da artrose das articulacións interfalánxicas. O seu síntoma máis común é a dor na base do polgar que aumenta coa realización de movementos, especialmente se estes implican o uso de forza, como o movemento de pinza. O seu tratamento máis común consiste na combinación de fisioterapia, a colocación de férulas e a inxección de corticoides; sendo a cirurxía o último recurso en doentes nos que a sintomatoloxía non mellora co tratamento conservador.
Historia Nos primeiros anos do século XVIII, Josias Weitbrecht, médico e profesor de anatomía e fisiología da Academia de Ciencia de San Petersburgo, estudou as articulacións e ligamentos de máis de cen cadáveres. O seu traballo veríase resumido nunha monografía, publicada en 1742, na que fai unha especial mención á articulación trapecio-metacarpiana, describíndoa como unha «articulación-interruptor», e mencionando a súa maior propensión a sufrir cambios dexenerativos. O nome orixinal utilizado procede do alemán: «wachelgelenke»; «articulación interruptor» é unha tradución ad hoc do mesmo.
A primeira publicación científica que abordou directamente este aspecto dexenerativo propio da articulación data de 1936, por parte do radiológo Paul Robert, que exercía no Établissement Thermal d’Aix-lles-Bains. Esta obra sería máis tarde traducida ao inglés como «Radiography of the Trapeziometacarpal Joint — Degenerative Changes of This Joint». Aínda que na publicación de tres páxinas non había imaxes radiográficas mostrando rizartrosis, Robert fixo unha descrición en detalle da anatomía do óso trapecio, mencionando a súa concavidade no plano axial e a súa convexidade no plano saxital. Ademais, Robert explicaba como debía colocarse a man —en pronación forzada— para a realización dunha radiografía da articulación. Respecto dos cambios dexenerativos, Robert falou da presenza de esclerose subcondral, formación de osteofitos e degradación da articulación cun posible aumento progresivo da cavidade do óso trapecio. Tamén lamentou o feito de que dificilmente se realizaba un diagnóstico precoz nos casos de rizartrose, mencionando a eficacia dun posible tratamento nas primeiras etapas dexenerativas da enfermidade baseado, por aquel entón, no uso de termoterapia local e radioterapia.
O primeiro estudo que suxeriu a intervención cirúrxica data de 1949. Nel descríbese a realización dunha escisión do trapecio, técnica que se coñece como «trapeciectomía simple» e que aínda se utiliza hoxe en día.
Durante a segunda metade do século XX desenvolvéronse outras técnicas cirúrxicas, como a incorporación de implantes de silicona, a artroplastia de interposición de tendóns ou a osteotomía do primeiro metacarpiano. Como tratamento non cirúrxico, xeralmente utilízanse férulas, fármacos antiinflamatorios, inxeccións de corticoesteroides e exercicios de fortalecemento do polgar, aos que se segue recorrendo a día de hoxe.
Epidemioloxía A prevalencia de artrite na man é elevada. Sen ter en conta a articulación afectada, esta é do 44,2% en mulleres e 37,7% en homes.
Respecto da rizartrose, esta afecta ao 7% dos homes e ao 15% das mulleres, independentemente da idade. A súa incidencia aumenta coa idade: en maiores de 40 anos ascende a un 21%, e na poboación maior de 80 anos acada o 91%. Sendo tamén máis común nas mulleres ca nos homes nunha proporción de 6:1, especialmente trala menopausa. A maior incidencia en mulleres foi atribuída a unha maior laxitude da articulación trapecio-metacarpiana.
A artrose da trapecio-metacarpiana é o segundo tipo de artrose da man máis frecuente trala artrose das articulacións interfalánxicas.
Signos e síntomas Un dos síntomas máis comúns é a dor. Con todo, aínda que a incidencia é significativamente alta, estímase que unicamente un 28% dos doentes con diagnóstico de rizartrose por radiografía sofre dor na base do polgar. Esta dor adoita exacerbarse na realización de accións de pinza ou belisco. A zona da base do polgar pode atoparse nun estado de hipersensibilidade á palpación. Ademais os doentes poden manifestar debilidade na realización dos movementos descritos anteriormente e na oposición do polgar.
En fases máis avanzadas, a base do primeiro metacarpiano pode verse máis pronunciada, en ocasións unida a inestabilidade e crepitación no movemento da articulación.
Factores de risco Viuse que aquelas persoas con profesións que impliquen a realización diaria de movementos repetitivos coa articulación trapeciometacarpiana son máis propensas a padece-la enfermidade. Un exemplo disto foi descrito nun estudo que concluíu que os traballadores que teñen que realizar tarefas de repasado desenvolven rizartrosis máis precozmente. A realización de traballos que impliquen maior destreza na man é, así mesmo, un factor de risco para o desenvolvemento de rizartrose. Describiuse unha maior incidencia de rizartrose en traballadores téxtiles, mecanógrafos, xastres ou modistas.
Tamén existen factores anatómicos que poden causar unha maior propensión. A articulación trapeciometacarpiana dos homes é máis congruente que a das mulleres, pola forma específica que posúen senllas superficies do óso trapecio e a diferenza en tamaño entre sexos. A consecuencia disto, a presión no contacto na articulación é maior nas mulleres que nos homes en condicións similares de uso da articulación. Por iso, na realización de actividades que leven o uso do movemento de pinza ou belisco, a articulación trapeciometacarpiana das mulleres pode experimentar un maior nivel de tensión que a dos homes.
Diagnóstico Na avaliación clínica da dor do doente débense ter en conta a localización, a duración, o inicio, a frecuencia e a intensidade da dor, así como factores que poidan incrementar ou diminuíla. Na rizartrose os doentes quéixanse a miúdo de que os síntomas empeoran cando realizan a posición de pinza ou belisco da man. Ademais, hai que ter en conta a relevancia da profesión do paciente, e se a realización desta se ve limitada pola dor.
Avaliación física Na avaliación, os doentes mostran sensibilidade na palpación da articulación trapeciometacarpiana pero non en articulacións similares adxacentes, como o compartimento dorsal extensor, a articulación radiocarpiana, o óso escafoides e a articulación escafo-trapecio-trapezoide. A protrusión da articulación faise máis evidente en fases máis avanzadas da enfermidade, podendo desenvolver inestabilidade e crepitación. O grao de inestabilidade en extensión da articulación tamén pode ser indicativo de rizartrose, se este é maior que no lado contralateral.
Algunhas técnicas de provocación poden pór de manifesto os síntomas:
O test de deslizamiento da articulación trapeciometacarpiana pode reproduci-los síntomas. Consiste na realización de deslizamientos específicos de ámbalas superficies articulares da articulación en tódolos arcos do movemento por parte do terapeuta. Con todo, a súa fiabilidade pode ser limitada. O test da panca (lever test). O examinador coloca o seu polgar e dedo índice a ámbolos dous lados da base da articulación trapeciometacarpiana e despraza a articulación en sentido radial e cubital. O test de extensión metacarpofalánxica. O doente realiza extensión da articulación metacarpofalánxica contra unha resistencia aplicada polo examinador.
A dor tamén pode provocarse a través da palpación directa da articulación trapeciometacarpiana. Dos test descritos, o test da panca ofrece a maior fiabilidade para avalia-la dor da rizartrose.
Avaliación radiolóxica alt=|miniatura|Imaxe radiográfica antero-posterior mostrando signos de rizartrose severa con subluxación da articulación nunha doente de 87 anos. Dentro das probas radiolóxicas, a que ofrece maior fiabilidade para o diagnóstico de rizartrose é a radiografía. As proxeccións estándar inclúen a postero-anterior, lateral e oblicua. Con todo, aínda que estas proxeccións permiten diagnosticar rizartrose de forma fiable, ningunha delas permite avalia-la evolución dos cambios artrósicos na articulación. A posición de Gedda, realizada mediante unha rotación externa do pulso e a colocación da man en posición oblicua respecto da placa radiográfica, permite unha maior fiabilidade á hora de avalia-la situación do espazo intraarticular, pero a dificultade á hora de coloca-la man do doente nesta posición fai que non se trate dun método estandarizado.
Tratamento O tratamento da rizartrose evolucionou considerablemente nas últimas décadas, especialmente en canto a técnicas cirúrxicas. En xeral, o tratamento ten como obxectivo reduci-la dor, recupera-la estabilidade da articulación e proporcionar mobilidade, así como gañar forza nas estruturas periféricas á mesma.
Tratamento conservador Xeralmente prefírense métodos de tratamento conservadores nos estadios iniciais da enfermidade. Entre estes destacan antiinflamatorios non esreoideos, exercicios de fisioterapia, colocación de férulas e inxeccións de corticoesteroides e ácido hialurónico.
Os exercicios de fisioterapia poden ofrecer resultados positivos á hora de mellora-los niveis de dor e a función dos pacientes con rizartrose.
As inxeccións de corticoesteroides administradas de forma repetida poden debilita-la cápsula articular e complicar futuros procesos cirúrxicos. Por iso, a miúdo indícase o seu uso unicamente en procesos inflamatorios agudos.
Notas
Categoría:Fisioterapia Categoría:Traumatoloxía