miniatura|230px|O Concilio de Trento acordou a obrigatoriedade do uso do rito romano en todo o occidente europeo, apartando a outros ritos como o visigótico ou o bracarense O Concilio de Trento foi o XIX concilio ecuménico da Igrexa católica, celebrado en períodos descontinuos entre 1545 e 1563. Tivo lugar en Trento, unha cidade do norte da Italia actual que por aquel entón era unha cidade libre rexida por un príncipe-bispo.

Antecedentes e convocatoria Dende 1518 os protestantes alemáns viñan reclamando a convocatoria dun concilio alemán, e Carlos I tentaba pechar as diferenzas entre católicos e reformistas para poder lidar coa ameaza turca. Na Dieta de Worms (1521) tentouse resolver as disputas, pero sen éxito: Martiño Lutero (a quen Carlos I permitiu que se convocase a dita dieta) acusou a Roma de exercer a tiranía, e o emperador comprometeuse por escrito a defender a fe católica, aínda que fose coas armas. Nas dietas posteriores os príncipes alemáns, tanto protestantes como católicos, continuaron insistindo nun concilio.

En vista da situación houbo grandes presións do emperador sobre o papa Clemente VII para que o convocase, ao que este se resistía. Non foi ata 1529 cando Clemente VII se comprometeu a iso, pero a oposición do legado papal na Dieta de Augsburgo de 1530 atrasou de novo o proxecto. Así e todo, o principal responsable de non se chegar a convocar foi a férrea oposición do rei Francisco I de Francia, xa que para que o concilio tivese éxito era necesaria a aprobación da maioría dos monarcas católicos.

Desenvolvemento Cando ao final foi convocado, resultou un concilio difícil e con continuas interrupcións, no que poden distinguirse ata tres períodos con tres Papas distintos: Paulo III, Xulio III e Pío IV.

Paulo III sempre estivo moi a prol, coma cardeal, á celebración dun concilio xeral, que finalmente convocou para maio do 1537 na cidade de Mantua. Pero sufriu continuos aprazamentos e trocos de lugar por variados motivos:

A maioría dos prelados eran remisos a celebrar un concilio naqueles momentos. Os príncipes xermanos protestantes reunidos na cidade de Smalkalda en 1535 (a Liga de Smalkalda) cambiaron de estratexia e tamén se opuxeron. Os impedimentos postos por Henrique VIII e, sobre todo, por Francisco I. O progresivo distanciamento de Carlos I e Paulo III. Os dous monarcas cristiáns máis importantes daquela, Carlos I e Francisco I, estaban acotío enfrontados entre eles en conflitos militares. O monarca francés presentaba unha actitude cambiante e ambigua fronte ao Papa, a ameaza turca e os protestantes, namentres que Carlos I se mostrou decidido nestes temas. O Papa sempre aparecía neutral nas súas disputas, o que incomodaba profundamente ó emperador.

Por fin, o 13 de decembro de 1545 declarouse aberto o concilio na cidade de Trento. En marzo de 1547 trasladouse para Boloña por medo a unha praga, aínda que parte dos bispos se negaron a desprazarse. Tras varias disputas, rematouse prorrogando de xeito indefinido en setembro de 1549. Paulo II morreu en novembro de 1549.

Xulio III, nomeado papa en 1550, entrou inmediatamente en negociacións con Carlos I para reabri-lo concilio, o que tivo lugar en Trento o 1 de maio de 1551. Porén, só se celebraron unhas poucas sesións. O elector Mauricio de Saxonia, aliado de Carlos I, lanzou un ataque furtivo sobre este. Tras vencer ás tropas imperiais, avanzou sobre o Tirol, co que puxo en perigo a propia cidade de Trento. Esta ameaza provocou unha nova interrupción en abril de 1552. Xulio III morreu en 1555.

Tralo curto papado de Marcelo II (23 días) foi elixido Paulo IV en 1555. Levou a cabo reformas na Igrexa, pero non convocou a continuación do concilio. Carlos I de España abdicou en 1556 e dividiu os seus estados entre o seu fillo Filipe (Filipe II de España) e o seu irmán Fernando (Fernando I de Alemaña).

Pío IV foi elixido papa en 1559, e de seguido mostrou a súa disposición para continua-lo concilio. Con todo, Fernando I e Francisco I preferían un concilio novo nunha cidade diferente a Trento e, ademais, os protestantes opúñanse frontalmente a un concilio. Tras novos atrasos reabrise o 18 de xaneiro de 1562, e xa continuou ata a súa clausura o 4 de decembro de 1563. Constitúe o período conciliar máis importante dos tres.

O emperador tentou, tal como fixera no seu momento coa Dieta de Worms, que estivesen representadas tódalas partes, incluíndo os protestantes, para que o concilio fose verdadeiramente ecuménico. Reiterou as invitacións ós protestantes nos tres períodos e ofreceulles salvocondutos. Porén, só tiñan dereito de palabra; ao seren excomungados non tiñan dereito a voto. Isto, xunto ás frecuentes escaramuzas militares e ao complicado mapa político xermano, fixo que non fosen delegados protestantes.

O número de asistentes variou considerablemente entre os tres períodos. Os nomes que merecen destacarse polas súas contribucións son Domingo de Soto, Diego Laínez, Alfonso Salmeron, Reginald Pole, Girolamo Seripando, Melchor Cano e Johannnes Azra. Os teólogos e prelados españois e italianos foron os máis importantes, tanto polo seu número coma pola influencia que exerceron.

Acordos adoptados nas sesións Sesión I, 13 de decembro de 1545:

Apertura do Concilio. Os obxectivos que se presentan son, en palabras do propio concilio: extirpación das herexías, restablecemento da disciplina eclesiástica e a reforma dos costumes.

Sesión II, 7 de xaneiro de 1546:

Cuestións de orde do concilio e inicio dos traballos de preparación dos decretos.

Sesión III, 4 de febreiro de 1546:

Primeiros traballos sobre a Biblia, referidas ao canon bíblico e á validez da Vulgata como tradución oficial. Iníciase o estudo sobre o valor da Tradición. Proclámase o Credo Niceno.

Sesión IV, 8 de abril de 1546:

Decreto sobre a Revelación: que ten dúas fontes da mesma importancia, a Sagrada Escritura e as tradicións sobre fe e costumes, contra o afirmado por Martiño Lutero. Fíxase o canon da Biblia.

Decreto sobre a Vulgata, que se declara a versión auténtica da Biblia. Séguenlle unha serie de normas para controlar a súa edición, uso e difusión.

Sesión V, 17 de xuño de 1546:

Decreto sobre o pecado orixinal.

Sesión VI, 13 de xaneiro de 1547:

Decreto sobre a xustificación. Un dos máis importantes do Concilio, posto que toca unha das principais discrepancias teolóxicas entre católicos e igrexas reformadas. Coincide con elas en que a xustificación é sempre iniciativa de Deus que, coa súa graza e por medio da redención de Xesucristo, chama ao ser humano á xustificación.

A partir de aquí, o concilio sepárase da doutrina tanto de Lutero, como da de Calvino. Do primeiro porque afirma o valor das obras para a xustificación, fronte a Lutero que dicía “sola fide” só a fe pode salvar ao home. E de Calvino porque nega a predestinación, postura que este defendía, derivada da de Lutero: se a xustificación é puro don de Deus, El é o quen escolle quen vai ser salvo.

Decreto sobre a obriga de residencia dos bispos. O que significaba que, contra o que era costume, quen era elixido bispo tiña a obriga de residir na súa diocese e, polo tanto exercer persoalmente o cargo que lle fora confiado, prohibindo que llo confiase a un legado.

Sesión VII, 3 de marzo de 1547:

Canto a canons sobre os sacramentos, en sesións posteriores promulgaránse decretos sobre cada sacramento en particular. Decreto sobre a reforma: nomeamento de bispos e doutros cargos eclesiásticos, das condicións que deben reunir os candidatos e temas de xurisdición.

Sesión VIII, 11 de marzo de 1547:

Por mor da peste que se acercaba a Trento, acórdase o traslado do concilio a Boloña. Un grupo de asistentes, entre eles os españois, maniféstanse en contra.

Sesión IX, 12 de abril de 1547:

Celebrada en Boloña, ante a escasa asistencia, acórdase adiar o inicio da sesión ata o 2 de xuño.

Sesión X, 2 de xuño de 1547:

Continúan os problemas pola escasa asistencia. Os españois non se presentan e os alemáns non queren acudir a unha cidade situada nos Estados Pontificios. Perante esta situación e as tensións políticas que rodeaban o concilio, acórdase suspendelo por catro anos.

En 1549, morreu o papa Paulo III. Sucedeulle Xulio III, que o 14 de marzo de 1550, ordena que se continúe o concilio na súa sé orixinal de Trento.

Sesión XI, 1 de maio de 1551:

Sesión só de apertura, coa lectura do Decreto que o declaraba comezado de novo.

Sesión XII, 4 de setembro de 1551:

Ácórdase que na próxima sesión se tratará do sacramento da Eucaristía. Protesta do embaixador de Francia.

Sesión XIII, 11 de outubro de 1551:

Decreto sobre a Eucaristía. Reafírmase a presenza real de Xesucristo baixo as especies do pan e o viño eucarístico. O concilio utiliza por primeira vez de xeito oficial o termo de transubstanciación para indicar o cambio que se produce no pan e no viño para se converteren no corpo e sangue de Cristo.

Decreto sobre o exercicio da xurisdición aplicable aos bispos: tanto a forma en que a exercen como o procedemento a seguir nas causas criminais contra eles mesmos.

Sesión XIV, 25 de novembro de 1551:

Decreto a respecto da Penitencia e da Unción de Enfermos. Sobre a primeira, defende o concilio que o perdón de Deus se recibe sempre por medio da Igrexa, a través dos seus sacerdotes. E reafirma a obriga da confesión dos pecados considerados pola Igrexa como graves.

Sobre a Unción e, como moitas veces fará, contra a opinión das igrexas reformadas, afirma que se trata dun verdadeiro sacramento, instituído por Cristo e practicado dende sempre pola Igrexa.

Sesión XV, 25 de xaneiro de 1552:

Decídese que as materias pendentes de tratar sobre Eucaristía e Orde sacerdotal se adíen ata o 19 de marzo.

Un novo enfrontamento político provoca outra parada no Concilio: dunha parte, o emperador Carlos e os legados e bispos que lle eran fieis, queren continuar co Concilio. Doutra banda os legados pontificios, temendo que o emperador aproveite para promover unha reforma da curia romana, tentan suspendelo. O conflito remata cando o avance sobre Trento das tropas do príncipe Mauricio, elector de Saxonia, obriga aos pais conciliares a fuxir da cidade.

Sesión XVI, 28 de maio de 1552:

Convocada pola situación creada na sesión anterior, leuse un decreto polo que se suspendía o Concilio ata que se restablecera a paz.

A suspensión durou dez anos, o concilio non retomou os seus traballos ata a chegada ao papado de Pío IV.

Sesión XVII, 18 de xaneiro de 1562:

Lectura do decreto polo que se acorda continuar o concilio.

Sesión XVIII, 22 de febreiro de 1562:

Sesión de deliberación sobre diversos temas. Os máis importantes, os referidos á reforma do clero: obriga dos bispos de residir na súa diocese, condicións que deben reunir os que aspiran a ser ordenados cregos e organización territorial das dioceses.

Sesión XIX, 14 de maio de 1562:

Lectura das credenciais dos embaixadores de Francia, con algunhas instrucións sobre reformas que o rei de Francia pide que se fagan, tales como que o Papa teña que someterse ás decisións do Concilio, que se faga unha reforma a fondo na disciplina e costumes eclesiásticos, que se obrigue aos bispos a residir nas súas dioceses, que só se ordenen sacerdotes na medida que houber funcións que lles encomendar. Houbo bastante resistencia por parte dos representantes da curia romana.

Sesión XX, 4 de xuño de 1562: O legado pontificio no Concilio pronuncia un discurso contra o solicitado na carta lida polos embaixadores de Francia. Continuaron as deliberacións sobre a Eucaristía e a reforma do clero.

Sesión XXI, 16 de xullo de 1562:

Declaración sobre a comuñón: Rexeitase a obrigatoriedade de recibir a comuñón baixo as dúas especies de pan e viño. Na práctica e, unha vez máis como reacción ao costume das igrexas reformadas, establécese como norma e para os segrares a comuñón só co pan consagrado.